GaliciaGastronomíaPublirreportaxe

‘Saudade’ reivindica a calidade e a sustentabilidade da horta e do mar da provincia coruñesa

Turismo da Deputación da Coruña organizou a primeira edición deste evento que reuniu a grandes chefs e empresas produtoras

Os participantes de ‘Saudade’ nalgunhas das visitas que realizaron. Fotos: Óscar César

Un total de 13 chefs de todo o Estado que suman máis de 20 Estrelas Michelin e unha quincena de produtores da provincia reuníronse en xullo no evento ‘Saudade’, que organizou Turismo da Deputación da Coruña nas localidades de Santa Comba, Santiago, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Coristanco. O obxectivo, tal e como sinalou o vicepresidente do entre provincial, Xosé Regueira, era “poñer en valor a autenticidade do noso territorio e dos nosos produtos, e por suposto o bo facer dos nosos profesionais, para que ese público de alto nivel se converta en prescritor da provincia”.

Alberto Chicote, Diego Guerrero, Paco Morales, Aitor Arregi, Maca de Castro, Begoña Rodrigo, Andoni Luis Aduriz, Toño Pérez e os galegos Javi Olleros, Xosé Cannas, Manuel Costiña, Lucía Freitas e Pepe Solla foron os chefs que participaron en ‘Saudade’, non para cociñar, senón para mergullarse nos recursos gastronómicos e os produtos autóctonos que fan único o territorio.

O evento arrancou o 13 de xullo cunha cea de benvida no restaurante O Retiro da Costiña, en Santa Comba. Despois desenvolvéronse dúas xornadas temáticas, unha dedicada ao mar e outra á terra. O 14 de xullo os chefs participantes, acompañados por xornalistas e prescritores e prescritoras de prestixio do ámbito gastronómico, visitaron a lonxa de Ribeira e gozaron dunha experiencia marítima a cargo dun bateeiro, onde tomaron contacto co proceso de cultivo do mexillón. A xornada completouse cunha visita á adega Entre os ríos, na Pobra do Caramiñal, na que houbo unha cata de viño maridada con conservas, unha comida no corazón da comarca do Barbanza e unha cea no Mercado de Abastos de Compostela.

Xa o 15 de xullo desenvolveuse en Coristanco a xornada dedicada á terra, con actividades creadas para poñer en valor os produtos do campo. O día comezou cun paseo pola finca da Despensa d’Lujo, onde puideron coñecer o detalle dos procesos de cultivo sostible. Posteriormente, o equipo dirixiuse á carpa de ‘Saudade’ onde estaban instalados os postos dos produtores locais A Conserveira, Bonilla a la Vista, Cafés Lúa, Chichalovers, Cienporcel Abastos, Empanadas Costumes Galicia, Empanadas Ternura, Galmesán, A Despensa D`Lujo, Mariscos de Barallobre, Orixes Galegas Porco Celta, Pagos de Brigante, Percebe da Barca Muxía, Vermú Lodeiros e Xearte Brigitte.

Posteriormente celebráronse dúas mesas redondas. Na primeira, o chef Paco Morales (3*) e a chef Lucía Freitas (1*), o divulgador científico José Miguel Mulet, e Lucía Calvo, da Despensa D’Lujo, debateron sobre ‘Raíces sostibles: Produto, Territorio e Cultura Alimentaria’. A continuación, foi a quenda dos chefs Maca de Castro (1*), Andoni Luis Aduriz (2*) e Xosé Cannas (2*), a xornalista gastronómica Lakshmi Aguirre, e Senén Barral, responsable do Departamento de Innovación, Infraestruturas e Servizos de Restauración de Inditex; que falaron de ‘Facer País: Innovación, Sustentabilidade e Paisaxe Emocional’.

A nosa identidade

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, explicou que o que se buscaba con ‘Saudade’ era “celebrar o momento doce do noso sector de produción de alimentos e, por suposto, falar do futuro da alimentación e do planeta”. Ademais de reflexionar “sobre a necesidade de non perder a nosa identidade e protexer o que temos”.

Neste sentido, apuntou que a provincia da Coruña “é unha potencia: tanto pola despensa mariña como da horta, así como polo talento dos nosos profesionais, que son exemplo de innovación, calidade e sustentabilidade”. “Todo isto”, rematou, “contribúe a manter poboación e a xerar oportunidades no medio rural, por iso dende a Deputación continuaremos impulsando a capacidade desta provincia e deste país de producir, sorprender e xerar riqueza sustentable”.

Os cociñeiros e cociñeiras participantes valoraron moi positivamente a experiencia e  destacaron a calidade e a autenticidade da materia prima, así como a riqueza da súa diversidade. “Tedes a xente, os cociñeiros, o lugar... Esta terra é un privilexio. Aquí comes tempo e comes historias”, sinalaban. “Sempre hai algo que descubrir aquí”.

Un proxecto, en definitiva, deseñado para resaltar a excelencia e diversidade dos produtos locais, e que brindou aos participantes a oportunidade de vivir unha experiencia sensorial única, permitíndolles conectarse coa orixe e a elaboración de cada ingrediente.

Os participantes de ‘Saudade’ nalgunhas das visitas que realizaron. Fotos: Óscar César Os participantes de ‘Saudade’ nalgunhas das visitas que realizaron. Fotos: Óscar César

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.