CompostelaCulturaNovas

Presentacións de libros, conversas literarias, concertos, obradoiros creativos e paseos temáticos na SELIC 2025

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a directora artística da SELIC, Lorena Conde, presentaron o programa da edición deste ano que, en palabras da rexedora, “pon o foco na comunidade lectora e na socialización ao redor do libro”. Ademais, aproveitando a coincidencia da presentación co Día Europeo das Linguas, puxo en valor “a capacidade da SELIC para unir lingua e literatura e poñer o galego na mesma altura que outras linguas literarias”.

Goretti Sanmartín comezou salientando a actividade previa que este ano a SELIC lanza baixo o título “Compostela le no Obradoiro, con sol, vento ou dioivo”, explicando que se trata dun convite a toda a veciñanza a ler en compañía no Obradoiro e reivindicar o uso veciñal da praza máis simbólica da cidade. A actividade, que está programada para o domingo 28 de setembro de 12.00 a 13.00 h servirá tamén “para resignificar o uso do Obradoiro” e converter a praza nuhna gran sala de lectura. Esta actividade está enfocada para todas as idades, incluído público familiar, e contará cunha intervención de benvida da libreira Lola Puerta, que vén de xubilarse.

Pola súa banda, Lorena Conde fixo fincapé en que a programación se concibiu tendo presente a literatura de proximidade, outros xeitos de lectura como o libro adaptado en literatura fácil e braille, e concibindo actividades con formato híbrido.

Entre os “clásicos” da SELIC, Goretti Sanmartín sinalou a presentación da obra gañadora do Premio Selic, que este ano é “Sarela” de Marga Tojo e que terá lugar o sábado 4 ás 13.00 h, nunha conversa da autora con Quico Cadaval, e que presentará o editor Paco Macías. Neste apartado, tamén sinalou os roteiros pola cidade que este ano percorrerán os camiños dos personaxes da obra ‘Doentes’, de Roberto Vidal Bolaño, da man de Teatro de Ningures; os camiños da Revolución de 1846 da man do filólogo e investigador Xurxo Martínez; percorreremos da man de Henrique Alvarellos a Compostela de Lorca cando se fan os 90 anos da publicación dos ‘Seis poemas galegos’; e percorreremos tamén a Compostela de Wharton e Hemingway da man de Irmás Cartoné.

A iniciativa, promovida pola Concellaría de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, contará coa participación de máis dunha vintena de entidades entre editoras, librarías, bibliotecas e institucións que darán vida á carpa instalada na Praza da Quintana, do 3 ao 12 de outubro, en horario de 17.00 a 21.00 horas de luns a venres, e de 11.30 a 14.30 e de 17.00  a 21.00 horas as fins de semana.

PROGRAMA

A SELIC 2025 concíbese como unha ponte entre o tecido editorial da cidade e os lectores e lectoras, nun formato que permite descubrir novidades, coñecer autoras e gozar da literatura “con todos os sentidos”.

Entre as entidades participantes figuran editoras como Através, Hugin e Munin, Irmás Cartoné, Alvarellos, Cuarto de Inverno ou Rodolfo e Priscila; librarías de referencia como Lila de Lilith, Pedreira ou Numax; bibliotecas como a Ánxel Casal e a Xosé Saramago; e institucións como o Consorcio de Santiago, a USC ou o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

A programación da SELIC 2025, que reúne voces tan diversas como Andrea Nunes Brións, Eli Ríos, Gemma Ruiz Palà, Teresa Moure, Faia Díaz, Eva Veiga ou Roberto Enríquez (Bob Pop) entre moitas outras, combina presentacións de libros, conversas literarias, concertos, obradoiros creativos e paseos temáticos.

Ademais, a SELIC 2025 mantén o seu carácter próximo e accesible, con entrada libre a todas as actividades e posibilidade de inscrición o mesmo día para obradoiros e paseos. A programación inclúe propostas para todos os públicos, desde o máis novo ata o adulto, e combina diferentes xéneros e linguaxes artísticas: conversas, concertos, recitais, obradoiros e paseos para gozar de vagar, sen présas e coa proximidade que dá esa reunión anual no corazón da Compostela histórica.

A programación está deseñada para tratar temas diversos que van desde a literatura feminista e comunitaria ata a recuperación da memoria histórica, pasando pola edición de literatura traducida, o libro accesible ou a relación entre arte e enfermidade. Máis que propoñer eventos illados, a aposta foi a de crear un espazo de intercambio onde as ideas circulen e se afonde no papel do libro e a literatura, ademais de como hábito gozoso, como alicerce dunha sociedade sensible, valente e coidadosa.

A SELIC extensa

A intención desde a concellaría e a dirección artística é a de prolongar o “espirito SELIC” máis aló dos dez días nos que a carpa estará instalada na Quintana.

As primeiras accións para facer extensiva a SELIC son a edición de ferramentas sinxelas coas que crianzas, familias e escolas poidan fomentar as primeiras letras entre os máis pequenos e a lectura por pracer nos máis maiores, á procura do desenvolvemento dun criterio lector.

Amáis diso e tamén para os centros de ensino, a SELIC ofrecerá actividades divulgativas sobre o mundo do libro e conversas con autores e autoras nos propios centros de ensino.

Outra das iniciativas é a edición dun catálogo que escolma as obras publicadas polas editoras e artistas que expoñen na SELIC 2025 e que será distribuído por bibliotecas, centros de ensino e clubs de lectura. Este volume conta cunha selección coidadosa por parte de editoras e artistas para dar a coñecer parte do seu fondo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.