Por Pascua e Pascuiña, Padrón é a elixida!

Camiñamos cara a Semana Santa e na revista Pincha temos un imprescindible: porque en Padrón son profesionais destas datas e para que nunca lles soubera a pouco, sempre prolongaron as súas festas: unha semana máis!, para poder compartir con todas as persoas do redor... Queda establecido, logo, ou? Ben sexa pola Pascua ou días despois pola Pascuiña: tes unha cita nesta vila!
Así dende o 27 de marzo (venres de Dores) e ata o 12 de abril, tes días e días para escoller cando ir montar nas atraccións, comer o ‘pulpo’ ou botar unha baila... E anota, porque as actividades deportivas comezan tamén a finais de marzo. Ah!, e sexas relixioso ou non hai procesións que merece a pena ver, aínda que só sexa unha vez na vida.
Estas datas son moito máis, Chus Campos, concelleira de Comercio, Turismo e Festas, entre outras áreas, explica que “a xente vén á Pascua dende todos os lugares de Galicia. É unha festa moi consolidada. Supón o inicio da campaña de festas previo ao verán, é como a primeira... A verdade é que todo o mundo quere estar aquí. Previamente temos a Semana Santa relixiosa que tamén é moi importante. No Concello de Padrón somos moi respectuosos coa Semana Santa padronesa, dáse o pregón xusto ao remate (o sábado 4 de abril na praza de Macías). Esperamos a que pase, porque é como un período de loito e o bonito das festas é que conviva todo! Hai moita xente que participa nos actos litúrxicos. E a partires de aí xa empeza a festa!”.
Tan só o Domingo de Pascua, o ano pasado, máis de 20.000 persoas abarrotaron o pobo, porque como di Chus: “a Pascua de Padrón é algo que non se pode perder! Todos os que son do pobo e están fóra, o resto dos galegos, algún estranxeiro, máis todos os veciños de aquí... Todos vimos a Pascua! Os padroneses e padronesas son moi esixentes con estas festas, non podes baixar o nivel. Temos mercado, atraccións, as ‘pulperías’... Son 300.000 € de investimento e nos negocios repercute economicamente moitísimo, moitos deles triplican o persoal por eses días, a hostalería traballa a reo”.
Pero ollo que o domingo seguinte, o de Pascuiña, unhas 10.000 persoas pasaron por Padrón en 2025! Non temos casa, eh?! “Non, a xente a estas alturas ten moitas gañas de festa... Xa che digo que non mingua, non imos a menos. Os veciños e veciñas queren que a Pascua siga tendo ese nivel e que siga soando forte en todo Galicia!”.
Recordemos que este 2026, este concello tan coñecido polos pementos, os que pican e os que non, celebra as súas festas máis grandes con actividades deportivas, a feira cabalar, unha exposición de maquinaria e o que é a festa nocturna (dende o día 4 de abril) que contará coas mellores orquestras de Galicia: Panorama, París de Noia, Panorama City, Olympus, Os Satélites, Marbella, Grupo Assia e Capitol... Ademais de desfiles e pasarrúas cos cabezudos e cos catro grupos folclóricos da vila: A. C. Rosalía de Castro, O Pedrón, San Pedro de Carcacía e Arreixeira. A “Noite Xoven” que contará co artista 9Louro e o espectáculo de DJ Matrek no paseo do Espolón; actuacións da Banda de Música Municipal de Padrón; tamén haberá un festival de bandas; diferentes actos institucionais cos pobos que está irmandada a vila, como Santiago de Compostela e Rianxo. E como novidade, contarán coa orquestra canaria Nova Línea.
A Pascua de Padrón di Chus que “serve un pouco de escaparate das actuacións, das orquestras, de cara ao verán, a xente ten gañas de estar por fóra, está o pobo cheo de vida! Eles son esixentes pedindo, non podes baixar o nivel, para a mocidade e para os non tan mozos, eh! (Chisco, chisco e risas). Xa quince días antes da Pascua grupos de empresas, de amigos e familias veñen comer o ‘pulpo’... Algunhas actuacións faranse detrás do campus de fútbol, para incluír esa zona e darlle vida a toda a vila. As actividades deportivas empezan o 28 de marzo. Marca o inicio da Pascua, o Raid Cabalar (unha carreira de cabalos que se fai polo monte), logo temos o Campionato de Xadrez, Torneo de Fútbol Base do Concello de Padrón, Torneo da Sociedade Deportiva Escravitude Fútbol Club, Campionato de Tenis, Velada Clásica de Boxeo, a Carreira Pedestre de Pascua, a 63ª edición da Clásica de Pascua de Ciclismo, o Torneo de Chave e a Andaina Bisbarra do Sar, que percorre Dodro, Rois e Padrón”. Jasús, xa estou esjotada e aínda non comezou a romaría! (Rimos, porque é moita cousa que hai e sabemos que Chus ten que estar en todo e eu quero! Ha, ha, ha!).
Pois hai vai outro dato máis, por se vos anima a vivir a experiencia... A miña procesión favorita é a de Xoves Santo (2 de abril). Apagan as luces da vila e a Confraría do Santo Enterro camiña na escuridade, portando fachos, algúns arrastran cadeas... O pobo permanece en silencio, conmovido polos sons tan especiais das carracas. Máis aló do sentimento que podes observar na veciñanza, que participa nesta ocasión, e da tradición que se leva herdando de xeración en xeración... As cores e o ambiente fan que este evento de fe transcenda e que ese fervor que se eleva dos golpes dos tambores sexa sumamente impresionante e digno de ver. Esta recreación dunha procesión moi antiga, recuperouse en 2012, culturalmente ten relevancia para o patrimonio padronés! E sempre verei a algunha veciña de pro de Padrón que me dedica un sorriso! Así que aí queda como recomendación.
E engado un dato histórico, para máis inri e para que teñades gañas da Pascua de Padrón. No ano 1608 o cóengo cardeal Jerónimo del Hoyo menciona nas “Memorias del Arzobispado de Santiago” á feira de gando da Pascua de Padrón como unha das mellores, porque a súa orixe cronolóxica é un tanto imprecisa. Pero iso si, el é preciso e relata no seu manuscrito “de las mejores del Reyno”... E nós, polo que sexa, non o imos contradicir! E conto máis, cal radio patio, porque hai outra vila que no seu día tivo un pouco de envexa: o Concello de Santiago en 1804 solicitou ao rei o traslado da Pascua de Padrón a Compostela, petición denegada, por certo... Sexa pois, antonte e hoxe; vós, nós e todo Deus: por Pascua e Pascuiña, Padrón é a elixida!.
Fotos: Concello de Padrón






