CompostelaCultura

O ciclo ‘Compostela Cinema 2024’ proxectará ao aire libre seis películas de éxito galegas

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, e o director e produtor de cine, Enrique Otero.

Desde o día 21 ata o 30 de xullo varios espazos da cidade acollerán o ciclo de cine ao aire libre ‘Compostela Cinema 2024’, que proxectarán seis películas recentes do audiovisual galego para público infantil e adulto. Esta actividade foi presentada pola concelleira de Festas, Pilar Lueiro, e o director e produtor de cine, Enrique Otero.

Lueiro explicou que, coincidindo coas Festas do Apóstolo, o Concello exhibirá en espazos públicos da cidade “o máis salientable da produción audiovisual do último ano” en sesións que serán de balde. “Cremos que festa e cultura deben ir da man e neste caso o audiovisual galego que non fai máis ca darnos alegrías, con recoñecementos dentro e fóra do propio país”, engadiu.

O ciclo “Cinema Compostela” contará con 6 longas de ficción: ‘Salta!’, ‘O Corno’, ‘As neves’, ‘Cuñados’, ‘Amigos ata a morte’ e ‘Honey moon’, esta última dirixida polo propio Enrique Otero.

Ademais, Pilar Lueiro fixo fincapé na aposta municipal por “estender a festa a todo o territorio municipal e así é que vai dende o corazón verde da cidade como é o parque Eugenio Granell ao rural compostelán como é Verdía, Lavacolla e Villestro” e sinalou que en caso de choiva manexan alternativas para non ter que suspender as sesións.

Otero apuntou ademais que están organizando coloquios cos directores destas películas para charlar co público tralas proxeccións.

Programación

Domingo, 21 de xullo – Parque Eugenio Granell
20:00 h ‘Salta!’ / 22:30 h ‘O Corno’

Luns, 22 de xullo – praza de Lavacolla
22:30 h ‘As Neves’

Martes, 23 de xullo – exterior do CSC de Verdía
20:00 h ‘Cuñados’ / 22:30 h ‘Amigos ata a morte’

Luns, 29 de xullo – Carballeira do CSC de Villestro
20:00 h ‘Amigos ata a morte’

Martes, 30 de xullo – Cemiterio de Bonaval
22:30 h ‘Honey Moon’

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.