Nuno García Pico: “Onde máis cobra sentido Grande Amore é nos directos”
Por Silvia Castiñeiras

Nuno é tan enérxico falando como é o seu último disco con Grande Amore, unha aventura que vai polo seu ‘III’ capítulo en forma de disco, que así se titula o novo traballo, e que xa dá ganas dunha nova entrega. Quería ser ruidoso e armala ben armada, e niso está co seu grupo, do que fala tan entusiasmado, tan acelerado (como el mesmo di), con tanta alegría en forma continua de risa, e con tan grande amor... que dan ganas de coller unha guitarra e subir nun escenario con eles. Véselle un namorado da vida e do que fai, algo que contaxia, como o contaxiaron a el as bandas que o acompañaron no seu crecemento musical e vital, as verbas que recolleu de grandes obras literarias ou o amor pola súa terra. Este disco é para vivilo!
Como naceu este Grande Amore?
Grande Amore naceu fai 6 anos. Eu viña de tocar en grupos e tiña cancións que me apetecía gravar só, así a modo ‘ochentero’, pop... Quería probar a facer iso eu só, como experimento, así que probei. Despois empezou a vir María (mariagrep) como DJ e Clara (Clara Redondo) ao ano seguinte. Parece que levo toda a vida con elas! Foi algo casual, pero buscado, porque apetecíame facer o directo con máis xente.
Queriades armala co novo disco, e... armástela?
Tiñamos claro que queriamos facer un disco ruidoso con moita guitarra. Cando eramos electrónicos botabamos de menos a guitarra, sempre queres o que non tes. Conseguimos que fora ruidoso si, ata me dixo un colega algo que me fixo moita gracia e que me tomei como un piropo “vós tedes a mestura e o máster ben feitos?”. Ha, ha, ha!
E entón foi ben recibido o ruído?
Non paramos de tocar o disco en directo, que é onde mellor o pasamos, e sempre temos moita sorte co público. A ver, o noso público non agardaba que sacaramos un disco de Coldplay, vindo de nós... Ha, ha, ha! No noso caso, sempre nos mantivemos nun nivel underground.
Como o definirías con respecto a outros traballos?
Pois destacaría as guitarras, o teclados... Eu mesmo vin unha persoa nas redes que dicía algo que me quedou gravado: “un proxecto de electrónica inspirado no rock que pasa a ser un grupo de rock con toques electrónicos”. Facemos unha música visceral, enérxica, moi ligados ao directo, é onde mellor fluímos os tres.
Entón, os directos e os discos físicos son a vosa esencia?
Si, somos así un pouco como antes. Para min ter un disco físico e ter algo que existe no mundo, a outros funcionaralles mellor doutra forma, o tema dixital. E si, para nós, onde cobra sentido o grupo é no directo.
De onde xorden as letras das cancións?
As cancións non xorden cunha mensaxe predeterminada e clara, nacen dun impulso visceral. Son a miña forma directa de expresarme co mundo, son parte de min. É como quen fai un diario, son cousas que me conto a min mesmo. Eu escribo e as miñas compañeiras entenden o que quero dicir... e non porque eu vocalice ben, eh! (Moitas risas). Porque me esforzo por vocalizar cando canto, porque falando xa ves que falo moi acelerado...
E escribes en galego por algo en especial?
Non se me ocorrería facer cancións noutro idioma. En galego é no que me expreso ben no día a día e custaríame moito escribir noutra lingua. Para plasmar as túas ideas máis persoais falo de maneira natural e o máis natural é a túa lingua.
Por certo, e entre tanto ruído, amor?
Si, ha, ha! A combinación dese toque de música distorsionada con mensaxes bonitas é unha mestura que me gusta moito. Unha moi boa combinación.
Cales dirías que son as túas influencias?
Influíronme de rapaz algúns grupos aos que, evidentemente, é imposible parecerte porque están noutra liga, como Deep Purple e Led Zeppelin. Non hai forma humana de estar ao seu nivel e se queres facelo acabarás frustrado toda a vida.
Temos unha referencia moi clara con Terbutalina, que me influíu moito desde que os coñecín e tamén me gusta compoñer con referentes próximos ao punk como Motorhead, levándoos ao meu terreo.
Que opinas do éxito das bandas galegas no panorama musical?
Sempre houbo propostas moi interesantes. Con 16 anos eu xa descubría grupos galegos flipantes e do máis heteroxéneo, grupos incribles...
Agora é diferente, hai unha demanda popular. Por exemplo, o de The Rapants nos concertos de Atardecer no Gaiás flipei, vin iso como nunca, que estaban ata os accesos colapsados. Isto antes era impensable, agora hai un alcance que non había antes. E ollo, que o que movían noutros tempos Juan Pardo ou Ana Kiro tamén era un fenómeno.
O título do disco, así a modo capítulo, xa está incitando ao seguinte...
O do título comezou un pouco casual, o primeiro tiña o mesmo nome que o grupo como fan moitos grupos, e para seguir coa referencia a grandes bandas que me gustan, como Led Zeppelin, que ata o cuarto disco titularon cos números romanos, pois eu tamén fixen así, aínda que ti cres que é algo moi guai e despois iso dálle igual a todo o mundo! Ha, ha, ha!
Por último, o 31 de outubro, concerto na Sala Capitol en Santiago...
Si, xa temos tocado en eventos un par de veces alí, pero isto vai ser a nosa produción propia na sala e para nós é moi importante, sempre presta tocar en Santiago. Traemos tamén dúas bandas que son colegas. Teño moitas ganas deste concerto, para nós é unha data moi sinalada. Nós formámonos en Santiago e o noso local de ensaio está aquí, así que vai ser moi especial.

Grandes amores
Música. O que máis me marcou a nivel musical e vital foi Iggy Pop cando tiña 15-16 anos. Vino este ano en Mallorca. Ten a idade do meu avó (apunta entre risas). Foi do que máis me marcou a nivel sonoro e espiritual.
Tamén me cambiou Terbutalina, na vida. Foi moi especial descubrilos porque era un grupo galego que cantaba nas coordenadas musicais que a min me gustaban, se non fora por eles pode que non fixera hoxe cancións en galego pensando que se debía cantar noutra lingua.
Descubrinos por internet, nunha plataforma independente e cambiáronme a vida, ou sexa que son uns referentes a un nivel moi profundo. No último concerto en Galicia, en Ribadeo, ata miña nai lles contou a miña neura con eles.
Afeccións. Sempre me gustou moito ler e escribir, desde rapaz. Dedícolle esforzo ás letras, pero se non é para cancións, dáseme especialmente mal! Ha, ha, ha! Pero para as letras de cancións teño facilidade.
Sempre me gustou moito a literatura. O meu libro favorito da historia é La Caída, de Camus. Estudei filosofía e fixen o traballo de fin de grao sobre el.
Lugares. O meu lugar favorito é Frexulfe, a miña parroquia da Mariña lucense. Sinto que pertenzo alí, é un sentimento e sempre que podo vou por alá.
A xente. Síntome moi vencellado á familia, á xente da miña parroquia... Con moito apego. A veciñanza participou no meu videoclip, a min dábame vergoña pedilo.
Comida. Hai dúas comidas en dous sitios de Santiago que para min son o mellor do mundo. O Bochinche, con esa ensalada rusa que fan, e o Numaru, que é unha das maiores experiencias culinarias da miña vida.