fbpx
GaliciaNovasTurismo

A Xunta de Galicia segue traballando nun Camiño de Santiago máis sostible coa vista posta no Ano Santo 2027

Peregrinos na praza da Quintana.
Peregrinos na praza da Quintana.

Que o Camiño de Santiago sexa cada vez máis sostible é un dos principais obxectivos da Xunta de Galicia desde hai décadas. O concepto da sostibilidade introduciuse xa no Plan Director dos Camiños de Santiago 2015-2021 e agora, coa vista posta no vindeiro Ano Santo 2027, o Goberno galego destinará 66M€ para esta fin dentro do Plan para o período 2022-2027.

A xestión ambiental, a eficiencia enerxética ou hídrica, e tamén a sensibilización tanto de peregrinos como residentes, son algunhas das cuestións nas que se avanzou nos últimos anos.

Entre as medidas levadas a cabo destacan traballos de catalogación do patrimonio natural e biodiversidade do Camiño de Santiago ou a posta en marcha dun plan de residuos na Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago como modelo demostrador. Tamén se impulsou a compostaxe no rural e realizáronse varias tarefas de concienciación entre os peregrinos para a separación de residuos e o uso de bolsas biodegradables axustables ás mochilas.

O Plan Director dos Camiños de Santiago 2022-2027 -onde só a liña de traballo dedicada a un Camiño Sostible conta cun orzamento superior aos 66M€ ata o ano 2027- dá continuidade, entre outras accións xa levadas a cabo como o uso eficiente da auga, cun protocolo de potabilización das fontes e colocación de válvulas temporizadas en albergues públicos para a diminución do consumo.

Peregrinos en Fisterra.

Alta aceptación da actividade turística

Que o Camiño de Santiago sexa máis sostible é clave para manter os elevados niveis de aceptación dos galegos e galegas ante a actividade turística que reflicten as últimas sondaxes. Así o revelan os últimos datos da Enquisa de Residentes que realiza de xeito anual desde 2020 a Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia para analizar a percepción dos galegos ante a actividade turística e os seus impactos.

Desde o ano 2021, a Enquisa indica que entre o 86% e o 90% dos galegos valora de forma positiva ou moi positiva a presenza de turistas en Galicia. Estas porcentaxes son maiores naqueles segmentos vinculados directa ou indirectamente co turismo e moi positiva tamén no resto da poboación.

En canto aos datos deste mesmo ano 2023, a valoración é dun 8,2 entre os que teñen unha relación directa ou indirecta co turismo e dun 7,6 o resto da poboación. Cifras que permiten ter unha visión global da situación e seguir avanzando para ofrecer un modelo turístico ordenado e sustentable que axude a repartir territorialmente os beneficios que o turismo ofrece e incrementar así o grao de satisfacción da sociedade galega.

Esta enquisa dirixida aos residentes na comunidade naceu como proxecto piloto no 2020 co obxectivo inicial de coñecer a intención de viaxe dos galegos en contexto de pandemia ao tempo que buscaba medir a súa percepción e valoración respecto da actividade turística e os seus impactos. Nos anos sucesivos e coa recuperación paulatina do turismo, a enquisa estase focalizando na percepción do turismo.

Fortaleza de Monterrei.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.