Novos pratos para seguir gozando da cociña de A Lareira
A Lareira, na rúa de San Clemente nº2, vén de estrear pratos na súa carta. Capitaneado polo chef brasileiro Arturo Salaño, neste restaurante compostelán podes probar xa o seu ‘Chuletón de Angus’ (1 kg) ou a ‘Presa de Angus’ (300 grs), ámbolos dous con patacas e ensalada como acompañamentos.
A carne é protagonista así mesmo doutra das súas deliciosas novas suxestións. Trátase da ‘Costilla Barbacoa’ (600 grs), unha costela feita a baixa temperatura, acompañada tamén de patacas e ensalada.
“En A Lareira temos carnes de moita calidade cociñadas co estilo de Brasil, de grella brasileira, que é distinto ao de España. É un modo de facer churrasco diferente, ao lume moi forte que non quede moito tempo na grella. O sabor cambia, e gusta moito”, sinala Arturo, que abriu o seu restaurante en Compostela en 2021 tras deixar o país que o viu nacer e regresar á terra do seu pai.
Ademais, o local tamén acaba de renovar as súas propostas de ensaladas con dúas incorporacións. Por un lado, xa tes á túa disposición a chamada ‘Ventresca de atún con tomates’, que leva atún, tomates, cebola e olivas. E por outro, o ‘Mix de froitos secos con xeado de queixo azul’, que inclúe na súa receita unha mestura de follas verdes, con froitos secos, mazá, arandos, xeado de queixo azul e redución de vinagre balsámico.
Á parte destas novidades, cando visites A Lareira atoparás unha variada oferta de pratos para compartir, con opcións como o Tomahawk -un corte de carne premium extraído das costelas dianteiras da res-; o polbo salteado con patacas e salsa canaria; hamburguesas e saborosas sobremesas como a tarta de queixo con arandos.