CompostelaCrusat & CostasGaliciaGastronomía

I entrega de Premios Crusat e Costas

José Crusat e Lorena Costas, no restaurante San Jaime. Foto: Iván Barreiro

Ola, Pincheirxs!!! Xa estamos outra vez rematando un ano... Mimadriña, que alguén pare isto, que vai moi rápido!

Pois iso, que como xa estamos case que co turrón e no mes de decembro adoitamos botar a vista atrás, o Crusat e máis eu decidimos que imos facer a nosa 1ª Entrega de Premios (ovación pechada: ooooooohhhhh!!!!), premiando aqueles dez viños galegos que bebemos no 2024 e que nos gustaron máis. Dádevos conta que bebemos moitos viños, así que escoller tan só dez resulta moi complicado, e aínda máis ter que poñerlles unha orde do 1 ao 10. Intentaremos tocar un pouco de todo: brancos, tintos, escumosos, doces... agardamos que vos gusten e sobre todo que os bebades vós tamén (Di Lorena).

Si, si, este ano non hai nin ranking, nin recomendación (aínda que podedes collelos todos que non fallaredes), este ano tocan os premios Crusat&Costas-Costas&Crusat, unha selección dos viños que máis nos gustaron dos que bebemos este ano. Parabéns aos premiados e parabéns tamén para nós por telos gozado. O premio para eles, o noso cariño. E para vós, unha forte aperta e a brindar con viño galego un ano máis (Crusat dixit).

Sen máis tardanza, imos aló:

1. Como case que non podía ser doutro xeito, o Albariño tiña que estar neste “top ten” si ou si. Neste caso con Tres Vellas 2021 de Pedro Méndez, feito a partir das uvas de tres viñas con cepas de máis de 80 anos e crianza en madeira durante 10 meses; un puro espectáculo de acidez, equilibrio e finura. Moito ollo con este rapaz do Val do Salnés (o Grand Cru das Rías Baixas por excelencia): probade e mercade calquera dos seus viños que atopedes por aí e, se se trata de Tres Vellas, mercade axiña, que hai poucas botellas para todos os que somos!

2. 69 Arrobas 2021, Albariño mítico elaborado polo noso querido Xurxo, de Adega Albamar. Procede dunha selección de uvas de cepas vellas de diferentes parcelas sobre chans de granito en Cambados. Acidez, limpo, fresco, de marcada mineralidade, e ao seu tempo graxo, amplo na boca, mazá, cítricos e tostados. Un viño con carácter que desfrutamos este pasado verán cuns bos peixes á brasa.

3. Vestímonos de etiqueta para falar de El Pliegue 2015, de José Luis Mateo, Adega Quinta da Muradella. Monterrei é Mateo e Mateo é Monterrei na súa máxima expresión; ninguén entende esa zona coma el, os chans, as variedades, as elaboracións... Neste caso traemos un tinto plurivarietal, un traballo de campo feito con Bastardo, Mencía, Carabuñenta, Brancellao e posteriormente complementado con algo de Caíño Longo. Fermentación e crianza en foudres de carballo: destaca pola súa rusticidade que nos transporta de inmediato a ese chan mollado e aromático dos montes galegos; pureza, tanicidade finísima e ganas de beber máis!

4. Quenda agora para este tinto da Ribeira Sacra de Adega Algueira: Amaral 2019. Adoitan ser máis coñecidas as súas mencías de parcela e os seus profundos godellos, mais este monovarietal de Caíño fascinounos pola súa mineralidade, lixeireza e profundidade: crianza de 18 meses en madeira de carballo e castaño. Paga a pena buscar tamén colleitas anteriores; a 2016 está de escándalo.

5. Nesta Ourela 2023 Casa do Río: dende Negueira de Muñiz un viño de Branco Lexitimo elaborado con levedo natural e uvas procedentes dunha única parcela. Moi bo nariz, nada de saturación, corpo, estrutura, que enche a boca. Nesta Ourela é un viño que xa coñeciamos, pero que neste ano adéntrase no estudo das parcelas. Un dos viños que máis nos sorprenderon deste ano.

6. Imos cun espumante, pero non pensedes que o poñemos porque é Nadal e queremos brindar, non; é porque é un viño excelente: Górgola Brut Nature 2020 trátase dun espumante de Albariño elaborado polo método tradicional e cunha crianza en rima de 34 meses. Un viño longo, fresco, estruturado, coa burbulla fina e persistente, no que os toques de panadería propios destas elaboracións están ben presentes. Quizais sexa o mellor espumante galego.

7. Guímaro Meixeman 2021, recentemente un crítico internacional considerouno o mellor viño español, pero vos deixádevos guiar por nós, que acertaredes. É un ‘viñazo’ elaborado pola Adega Guimaro na Ribeira Sacra, mestura de uvas con predominancia da Mencía, pero tamén Brancellao, Merenzao, Garnacha e Sousón. Viño de boca expresiva, equilibrada e saborosa. Con nariz sutil, fino, violetas, froitos vermellos e herbas. Unha verdadeira delicia.

8. Viaxamos cara Betanzos, que cada día suma máis adegas ao noso país, con viños que non deixan de sorprendernos. Neste caso falamos de Bordelar 2018, de Adegas Bordel, no concello de Abegondo, que foi admitido no 2006 na IXP Terra de Betanzos. Adega pequena, pero que está a elaborar viños moi interesantes, como este plurivarietal de Branco Lexítimo, Agudelo e Godello fermentado e criado en inox: frescura, acidez e moita estrutura. Tan só 1500 botellas!

9. Cazapitas 12, é un Albariño de vendima tardía no que a fermentación párase antes de rematar e consumir todos os azucres. Elaborado no Barbanza pola adega Cazapitas, demostra que o albariño non só é unha uva para brancos tranquilos, xa que a acidez propia desta uva equilíbrase co doce. Un viño para achicar cun queixo azul galego, por exemplo.

10. Marchamos cara Valdeorras, con outro tinto: O Cabalín 2020 de Adega O Cabalín. Mencía  e Garnacha Tintureira e pequenas porcentaxes de Merenzao, Sousón e Brancellao; fermenta e envellece durante 16 meses en barricas de carballo. Un viño serio, elegante, de froita carnosa e longo na boca, dunha adega que tal vez moitos non coñezades, pero que se trata do proxecto persoal da viticultora Mª Teresa López Fidalgo, no que a acompaña Luis Peique, do Bierzo e Hugh McCartan, dublinés e profesor de inglés, apaixonado dos viños e da comarca. Viticultura de montaña e máximo respecto á paisaxe. 

Como vedes, non traemos desta vez viños especialmente baratos, pero, dado que se trata dunha escolma tan especial, os galardoados son, baixo o noso criterio e sen mirar o prezo, sinxelamente os que o merecían despois de darlle moitas voltas. Pero non vos apuredes... Haberá máis entregas! Bo Nadal e que viva o viño!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.