Galicia e Portugal únense en Compostela o domingo 22 de novembro na gala aRi[t]mar

Esta mañá celebrouse a presentación oficial da gala no Pazo de Raxoi de Compostela, na que participaron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; o secretario xeral de Lingua, Valentín García; a directora da Escola Oficial de Idiomas de Santiago, Ana María Losada; o presidente da Asociación aRi[t]mar Galiza e Portugal, Gonzalo Constenla, e a poeta galega galardoada desta edición Andrea Nunes.
A alcaldesa compostelá abriu a rolda destacando o papel da gala como “punto de encontro entre Galicia e Portugal, un espazo para partillar a historia compartida e proxectar un futuro común”. Ao que Natividade González engadiu que “proxectos como aRi[t]mar crean comunidade, reforzan a nosa identidade e promoven o intercambio cultural. A lingua galega non remata no Miño”.
Pola súa banda, Valentín García resaltou a gala como un exemplo de boas prácticas para outros centros de ensino e para a cidadanía, con especial fincapé no impacto que ten o uso da lingua galega nestes espazos para que a mocidade e o tecido socioeconómico a perciban como útil.
A rima da poesía e o ritmo da música
O proxecto, promovido pola Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Santiago, mantén intacto un ano máis o seu propósito fundacional: achegar a cultura, a lingua e a creación contemporánea galego-portuguesa a través da participación activa da comunidade educativa e da cidadanía. Como destacou a súa directora, Ana María Losada, “o valor de aRi[t]mar vai moito máis aló das aulas, é un punto de encontro entre dúas culturas irmás”.
Desta volta, Mariña Lema (vitaminaG) e Jackson Renner presentarán o evento, que contará coas actuacións en directo e a presenza das persoas premiadas, que esta edición foron: Uxía, pola mellor canción en galego “Será por flores”; Mar, pola mellor canción en portugués “Menina”; a poeta galega Andrea Nunes Brións, polo poema “Un mar que soña”; a poeta portuguesa Ana Gago, polo poema “Indigestão” e o Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona ao músico Xico de Cariño.
A programación e os detalles desta nova edición foron dados a coñecer por Gonzalo Constenla, presidente da Asociación aRi[t]mar e impulsor da gala, que subliñou o valor estratéxico do proxecto para a dinamización lingüística e a cooperación cultural entre Galicia e Portugal. “O propósito é axudar a que a poesía e a música galega-portuguesa cheguen ao máximo número de persoas posible, que isto non quede só na gala”, declarou.
A entrega de premios do vindeiro domingo 22 de novembro ás 18:30 horas será o punto culminante deste percorrido anual, cunha xornada festiva e reivindicativa da creación artística galego-portuguesa na capital galega. Como sinalou Goretti Sanmartín, o espírito de aRi[t]mar pode condensarse nestes versos do músico Narf -do que este ano se celebrou o décimo aniversario do seu pasamento-: “Non fago máis que ouvir outras voces, que son a mesma voz”.