Filloas, freixós e outras delicias do Entroido
O Entroido galego tamén se saborea, e faino a través dun conxunto de palabras que arrecenden a cociña caseira, a sobremesas feitas con agarimo e a festas compartidas.
As filloas son, sen dúbida, as máis coñecidas: finas, delicadas e versátiles, podemos tomalas soas, con azucre, mel ou recheas, e son de presenza obrigada nestas datas. Moi próximas a elas están os freixós, especialmente típicos de zonas como o norte de Galicia, cunha masa semellante pero cun carácter propio que os distingue segundo a tradición local. Xunto a elas aparecen as orellas, crocantes e douradas, cun sabor intenso a anís e limón. Os melindres, pequenos, brandos e cubertos de azucre, achéganlle dozura e delicadeza á mesa, mentres que as flores de Entroido, fritidas en moldes de ferro, destacan pola súa estética fermosa e o seu renxer lixeiro.
Xunto aos doces tradicionais, ocupan un lugar central os pratos salgados, especialmente os derivados do porco, símbolo de fartura e festa. O cocido é o gran protagonista destas datas: un prato completo e reconfortante no que se xuntan carnes como o lacón, o touciño ou a cacheira (a cabeza do porco salgada e cocida), acompañadas de chourizos, patacas, grelos ou repolo e, nalgúns lugares, garavanzos. Cada casa e cada comarca ten a súa versión, pero todas suxiren ese carácter de comida para compartir, lenta e celebrada arredor da mesa.
onde probalo?
Nos mercados locais, como o Mercado de Abastos de Santiago ou os coruñeses Mercado da Praza de Lugo ou o Mercado de San Agustín, agárdannos todas estas delicias típicas do Entroido galego. Mercar nestes lugares é apostar pola calidade, polo produto fresco da nosa terra e polo trato directo de quen sabe o que vende.
Pero esta tradición culinaria transcende o ámbito doméstico e convértese tamén en festa popular. En varios puntos de Galicia teñen lugar nestes días diferentes celebracións gastronómicas relacionadas co Entroido que poñen en valor estes produtos. Unha das máis multitudinarias é a Festa da Filloa de Lestedo, que chega xa este ano á súa 43 edición. Declarada de Interese Turístico Nacional, combina degustacións, música e outras actividades culturais durante máis dunha semana. O día grande será o 22 de febreiro, o Domingo de Piñata, cando as máquinas filloeiras prepararán unha media de 2000 filloas por hora desde as oito da mañá, acompañadas dos sempre impresionantes atranques (ou altos) dos Xenerais da Ulla.
