fbpx
A CoruñaGastronomíaNovasTurismo

Estes son os 32 locais da Coruña que participan na oitava edición de Lacónicas

O Concello da Coruña organiza a oitava edición das Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos-Lacónicas, que terá lugar do 1 ao 26 de febreiro en 32 establecementos de hostalería da cidade. O concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, expresou na presentación destas xornadas que se trata dunha oportunidade única “para gozar do bo produto e do bo facer dos chefs e dos locais de hostalería da cidade”, amosando unha edición máis “o nivel e a calidade” deste sector. “A nosa cidade é un referente en gastronomía, unha das apostas do Goberno de Inés Rey. A Coruña demóstrao en cada xornada gastronómica que realizamos ao longo do ano”, afirmou Borrego. 

Lacónicas, que conta coa colaboración de Hostelería por el Clima, Asociación de Celíacos de Galicia e Adega Ponte da Boga, contribúe cada ano a celebrar a época do Entroido na nosa cidade, exaltando ao mesmo tempo a riqueza gastronómica. Os establecementos de hostalería elaboran os seus propios menús “con produtos galegos e quilómetro cero”. Cada menú componse de primeiro prato (sopa ou similar), prato principal (a lacoada), sobremesa tradicional (filloas e/ou orellas), bebida e café. Os prezos oscilan entre os 22 e os 35 euros. 

Nesta edición de Lacónicas participan: A Fuego Lento, Ajetreo Taberna, Áncora, Asador Coruña, Attica21 Coruña, Bar Amsterdam Orzán, Bar Ciudad, Bodega Órdenes, Central Park, Chester Foodlove, Dos Raíces, El Local 20, El Rincón del Reino, Galiur, Hünico, La.Con.Fusión, Lois, Mahara Taberna Rock, Marea Baja, Mesón de Herves, Mesón Moncho, Mesón O’Bo, Parrillada Lembranzas, Portela, Restaurante Boavista, Restaurante Eira-Hotel Avenida, Restaurante La Marola-Hotel Zenit, Restaurante Morriña, Restaurante Noray, Taberna O Freixo, Vinoteca Cosecha 81 e Vermutería Chitín. 

Na oferta gastronómica destas xornadas hai opcións para persoas celíacas e tamén hai posibilidade de pedir os menús para levar nos propios establecementos ou de entrega a domicilio. Os locais participantes tamén fan ofertas para grupos. Todas as opcións e menús poden consultarse no folleto das VIII Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos, na web de Turismo (www.visitcoruna.com). 

Borrego animou á participación nesta edición de Lacónicas. “Nos últimos anos Lacónicas converteuse nunha cita obrigada para as e os amantes da boa mesa: case un mes para degustar un dos pratos estrela da gastronomía galega”, expresou. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.