CulturaGalicia

Este verán, en Galicia ‘Para gustos, cultura’

Presentación da campaña ‘Para gustos, cultura’

Este verán podemos gozar en Galicia de máis de 3.400 actividades culturais de 40 tipoloxías diferentes que se expanden por todo o territorio, chegando a máis de 200 concellos. Todas elas forman parte da campaña Para gustos, cultura, impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Unha extensa programación que pode consultarse na Axenda do Portal de Cultura.

As actividades comezaron en xuño e estenderanse ata o mes de setembro con proxectos de interese cultural, tanto propios como en colaboración con outras administracións públicas e entidades privadas. Trátase, segundo destaca o conselleiro de Cultura, José López Campos, da programación estival “con máis accións das realizadas ata o de agora” e coa oferta “máis diversificada e descentralizada da nosa historia”. É, ademais, unha acción que “vai en consonancia coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia impulsada pola Xunta, e que entrou en vigor neste mesmo ano”, asegura.

Esta campaña, que lle dá continuidade ás anteriores desenvolvidas no 2023 e no 2024, cando se levaron a cabo 2.500 e 2.700 accións respectivamente; pon o foco en todo tipo de público, desde a cativada e a mocidade, ás familias e á xente de maior idade. É, por tanto, en palabras do conselleiro, “un programa accesible a toda a sociedade con independencia dos seus gustos, intereses, idade ou lugar de residencia”. Ademais, resaltou, “fai especial fincapé no rural, facilitando que multitude de expresións artísticas estean ao alcance de calquera lugar de Galicia”.

O programa de Para gustos, cultura inclúe máis de 1.300 actividades que teñen que ver coas artes escénicas, a produción audiovisual, circuítos de danza, maxia, música, circo e distintos espectáculos de rúa. A eles súmanse as máis e 1.800 accións de dinamización da cultura coa participación en festivais e mostras de diversa índole ou a través da programación nos museos, arquivos e bibliotecas.

Cultura popular e galego 

Para gustos, cultura pon especial atención no arraigo da cultura popular con propostas que teñen que ver coa poesía oral e as cantareiras, ou coa celebración do Ano Castelao.

Ademais, o programa inclúe máis de 70 iniciativas que teñen que ver coa promoción da lingua, apoiando a artistas que desenvolven o seu traballo en galego e outras propostas como concursos, narración oral, encontros ou xornadas; como as preto de 40 actividades que se poñen en marcha ao abeiro do programa Falaredes.

Música

Unha das disciplinas principais desta campaña é a música. Así, ao longo destes meses de verán estanse a organizar multitude de actuacións que van desde a música tradicional galega, as bandas e os grupos e artistas de raíz como Ugía Pedreira, Luar na Lubre, Milladoiro ou A Roda, a concertos de moi diferentes estilos como a lírica ou os sons máis actuais, apostando en gran medida polo talento galego.

Algúns exemplos son as máis de 600 actuacións nos concertos do Xacobeo ou as máis de 40 citas musicais da Rede Galega de Música ao Vivo. Tamén os festivais organizados baixo a marca Fest Galicia, como é o Sinsal ou o SonRías Baixas, ou a décimo quinta edición do Atardecer no Gaiás, que se está celebrando na Cidade da Cultura coa actuación de 16 bandas entre os meses de xullo e agosto.

Nesta mesma liña de festivais, temos os audiovisuais, como o FIC Bueu, os de narrativa como Atlántica ou os de artes escénicas como a Mostra de Teatro de Ribadavia ou o Festival Agustín Magán de Teatro Afeccionado que, en total, suman máis de 400 iniciativas.

Presentación da campaña ‘Para gustos, cultura’

Artes escénicas

Outro dos grandes eixos de Para gustos, cultura é o que ten que ver coas artes escénicas. Por un lado, o Centro Dramático Galego, a unidade teatral da Xunta, pon sobre as táboas neste verán 69 actuacións. Ademais, o programa Cultura no Camiño está a percorrer os concellos das rutas xacobeas con más de 300 funcións, para todo tipo de público, con especial atención ao familiar.

Por outra banda, neste tempo estival o recoñecido ciclo Danza 3 ten programadas 10 citas.

Museos e bibliotecas

A programación deste verán nos museos, arquivos e bibliotecas xestionados pola Xunta de Galicia abrangue  43 exposicións, ademais de 640 actividades como obradoiros, campamentos, contacontos ou visitas guiadas, entre outras.

Entre as mostras, destacan a experiencia inmersiva Castelao. Mirar por Galicia, na Cidade da Cultura; a proposta A Barca de Caronte. A travesía vital de Isaac Díaz Pardo, no Museo de Belas Artes; e a exposición Priscilla Monge. Cuestións de vida ou  norte, no Centro Galego de Arte Contemporánea.

No que se refire a outro tipo de actividades, salientan o programa de animación á lectura Ler conta moito e A Furgoteca, que é un servizo de bibliotecas móbiles que achega estas actividades a 30 municipios das provincias de Lugo e Ourense. Moitas das propostas corresponden ao desenvolvemento do Plan Corresponsables Cultura, un programa de conciliación para as familias a través destes espazos centrado en espertar a curiosidade pola cultura nas idades máis temperás.

A programación de Para gustos, cultura complétase con máis de 400 propostas nas oito Feiras do Libro que se celebran durante o verán e coas residencias artísticas, nas que as persoas participantes poden desenvolver e compartir os seus coñecementos. É o caso das Residencias literarias de San Simón e as da Cidade da Cultura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.