É a mesa pequena ou facémola pequena nós?
Por Cata Mosquera | Uxía Blanco de Lenzo Estudio

A miúdo, cando falamos de proxectos gastronómicos e culturais, comézase cunha idea grande, pero cunha execución pequena por medo ao fracaso ou, simplemente, para medir resultados. Ata aí, todo normal, pero… fixácheste en que nos proxectos impulsados por mulleres repítese moito máis a tendencia de comezar en pequeno e, ás veces, quedar aí máis tempo do necesario?
Non sempre é falta de ambición. Moitas veces ten máis que ver con algo que nos dicimos a nós mesmas: por un lado, o famoso síndrome da impostora, esa sensación de que aínda non estamos suficientemente preparadas, de que talvez a nosa idea non é tan boa ou de que aínda hai que pulir un pouco máis antes de amosala ao mundo. Por outro lado, a iso súmase o que poderiamos chamar o síndrome da mesa pequena: montar o proxecto coa escala xusta “por se acaso”, para non ocupar demasiado espazo.
Curiosamente, isto ocorre mesmo en sectores como a cultura ou a gastronomía, onde a intuición, a creatividade e a capacidade de arriscar forman parte esencial do traballo. Moitas veces somos as primeiras en poñer freo ás nosas propias ideas, esperando ese momento perfecto que, en realidade, case nunca chega.
A boa noticia é que comezar así pode ser unha forma moi intelixente de construír algo con base: probar, axustar, escoitar á comunidade. O reto está en non confundir prudencia con autolimitación prolongada.
Porque os proxectos evolucionan, e quen os impulsa tamén. E ás veces o seguinte paso non é reinventar todo, senón simplemente permitir que a mesa medre un pouco máis.
Así que, se tes un proxecto en marcha, ou unha idea dando voltas desde hai tempo, quizais a pregunta non sexa se está listo para saír ou para medrar, senón se non o estás freando ti mesma. Ás veces o maior cambio non é o proxecto, senón o permiso que nos damos para deixalo crecer.
O reto está en non confundir prudencia con autolimitación prolongada
