De fronte e implicándonos contra a violencia machista
O Pazo Provincial da Deputación da Coruña acolleu o acto institucional do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Un acto que contou coa intervención da deputada de igualdade, Soledad Agra; a lectura da declaración institucional por parte das deputadas Yoya Neira, Natividade González, Avia Veira, Izaskun García e María del Mar Méndez e a lectura dun texto contra a violencia machista por parte de membros do persoal funcionario, que incluía testemuños reais de mulleres vítimas.
A deputada de igualdade comezou afirmando que “a violencia machista é o problema máis importante que afecta á vida das mulleres na nosa sociedade, consecuencia dun sistema de dominación social contra as mulleres: o patriarcado. Por iso, a loita contra a violencia machista debe ser unha prioridade política, social e institucional de primeira orde”.
“No que vai de 2024”, engadiu Soledad Agra, “xa son 41 as mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas en todo o estado. Os feminicidios son a consecuencia máis extrema dunha violencia que no último ano enteiro deixa máis de 1400 ordes de afastamento, 7795 casos activos nos rexistros da Garda Civil, do que 3231 contan con protección oficial, ou máis de 900 delitos coñecidos contra a liberdade sexual, o maior número e o maior aumento de toda a serie histórica – un 20%-.” A deputada referiuse, ademais, á necesidade de “avaliar que podemos facer para evitar o avance da violencia machista; é responsabilidade de todas e de todos, debemos seguir visibilizando, denunciando, educando, sensibilizando e lexislando para que todas as persoas vivamos en igualdade de condicións. A seguridade das mulleres, a posibilidade de vivir sen medo e sen ser violentadas, agredidas, insultadas, menosprezadas por ningún home en ningún ámbito, sexa na súa relación de parella ou no seu traballo, nos espazos deportivos ou de ocio, na rúa ou na escola, é a meta que calquera sociedade democrática debe poñerse”.
Posteriormente, as deputadas Yoya Neira, Natividade González, Avia Veira, Izaskun García e María del Mar Méndez leron a declaración institucional. “Somos conscientes da violencia que aínda sofren as mulleres polo feito de selo e traballamos para conseguir que deixe de ser estrutural na nosa sociedade. Reafirmamos o noso compromiso para poñer fin á violencia contra as mulleres: é un obxectivo irrenunciábel e prioritario”. Un escrito oficial no que se reclama, entre outras, “máis coordinación entre as administracións para que as mulleres vítimas reciban a atención e apoio integral, especializado e que cubra todas as súas necesidades desde servizos 100% públicos”.
A última parte do acto estivo protagonizada polo persoal funcionario da Deputación, que fixo a lectura dun texto contra a violencia machista que incluía testemuñas de vítimas reais. “A violencia exércese de moitas maneiras e a través de moitos medios, e todas elas danse no contexto dunha violencia estrutural, que sitúa ás mulleres nunha posición social de inferioridade. Por iso, neste 25N, queremos facer visibles os testemuños de mulleres que sufriron e sofren as violencias do patriarcado e quixeron facelas públicas” comezaban, para posteriormente ler fragmentos que foron recollidos nas obras “Invisibles” de Monste Fajardo, “Ocho señales” de Patricia Calveiro e Noelia Míguez, “Puteros” de Beatriz Ranea e “Mujeres y locura” de Phyllis Chesler.
O acto institucional do 25 de novembro forma parte da campaña “De fronte á violencia de xénero”, que este ano pon o foco nas Infeccións de Transmisión Sexual, cuxo incremento está relacionado coa violencia de xénero, concretamente con comportamentos de risco, manipulación e engano, e que inclúe. A campaña durará varias semanas e inclúe unha serie de accións: actualización das ferramentas que se atopan na web defronte.gal; elaboración de material audiovisual en materia de prevención de ITS; recursos dixitais para empregar nos puntos violeta e xogos interactivos e 5 palestras en varios puntos da provincia arredor das distintas formas violencias de xénero.
Campaña municipal con motivo do 25N
Con motivo do 25N, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e representantes de todos os grupos municipais participaron nun acto no Pazo de Raxoi no que se procedeu á lectura da declaración institucional aprobada de forma unánime no Pleno do Concello do pasado 4 de novembro. Goretti Sanmartín abriu o acto e a continuación os/as concelleiros/as Mercedes Rosón (PsdG), Borja Rubio (PP), María Rozas (CA), Míriam Louzao (BNG) fixeron lectura do texto que pechou a rexedora. No acto tamén tomou parte o alumnado do IES Eduardo Pondal coa lectura duns textos de rexeitamento á violencia machista.
Impulsada polos catro grupos políticos municipais, a declaración fai un chamamento a “reflexionar sobre a orientación e a eficacia das políticas a prol da igualdade e contra a violencia machista, e deseñar novos camiños na definición das políticas públicas que teñen como obxectivo rematar coa discriminación, a desigualdade e a violencia contra as mulleres”. En concreto, a declaración subliña a necesidade de “intensificar os traballos na prevención da violencia machista que ten no feminicidio a súa máxima expresión” e “concentrar esforzos na educación e na eliminación dos micromachismos”.
Baixo o lema “se non queres ser cómplice, mellor implícate”, a campaña lanzada este ano polo Concello articúlase arredor do concepto da responsabilidade compartida, destacando que mirar cara a outro lado tamén é unha forma de violencia. A través de impactantes anuncios e mensaxes visuais por toda a cidade, a campaña representa imaxes de ollos que evitan, disimulan ou miran de esguello, acompañados de frases que convidan á reflexión sobre a inacción cidadá, como “ISTO NON VAI CONTIGO…, DUBIDO MOITO QUE POIDAS FACER ALGO…, SEGURO QUE NON PODES FACER NADA… e facendo alusión á cifra reflectida no recente Barómetro Xuventude e Xénero 2023 de Fad Xuventude, que revela que un 23,1% da mocidade española de entre 15 e 29 anos considera que a violencia de xénero non existe e que é un “invento ideolóxico.”
A campaña desenvólvese ata o 30 de novembro e encherá as rúas e prazas de mensaxes en diferentes formatos como lonas en distintas localizacións, autobuses, marquesiñas, carteis ou camisetas.
A campaña tamén inclúe un plan de contidos dixitais que aborda as formas cotiás nas que se pode actuar para rachar coa cultura da inacción e do negacionismo, a través das redes sociais e da páxina web do CIM. Desta maneira, ao longo do mes de novembro, os perfís de redes sociais de Igualdade irán enchéndose de contidos variados sobre a cuestión. Entre eles, algúns datos relevantes sobre a magnitude das violencias machistas ou contidos sobre as accións que se poden levar a cabo para deixar de mirar para outro lado.