Cristina Olea, xornalista: “EEUU é un país cheo de contradicións”

Entrevistamos a Cristina Olea, xornalista galega e correspondente de RTVE en Washington. Este verán regresou á súa terra para presentar ‘La gran fractura americana’, o seu primeiro libro, no que recolle algunhas das súas crónicas máis destacadas desde Estados Unidos. A obra non só achega unha visión xornalística dos acontecementos políticos máis relevantes dos últimos anos, senón tamén un retrato humano dun país marcado pola polarización e as contradicións. A súa xira por Galicia suscitou grande interese, con salas cheas e lectores ávidos de comprender mellor o que acontece ao outro lado do Atlántico.
Cristina, levas en Estados Unidos desde 2018. Como describirías a evolución do país neste tempo?
Foron seis anos moi intensos. Cando cheguei, Trump estaba no seu primeiro mandato e en Europa aínda se debatía como aquel home chegara á presidencia. Pouco despois estalou a crise das separacións familiares na fronteira, vin as maiores protestas contra o racismo, chegou a pandemia —cunha xestión moi polémica por parte de Trump—, unhas eleccións nas que non recoñeceu a derrota, o asalto ao Capitolio, a transición a Biden, a retirada caótica de Afganistán, as guerras de Ucraína e Gaza… e agora asistimos á volta de Trump á Casa Branca. Todo isto fixo que os xornalistas repetiramos constantemente palabras como “insólito”, “histórico” ou “inédito”.
Era a túa primeira experiencia profesional fóra de España?
Si, como correspondente estable. Antes viaxara moito cubrindo sucesos internacionais, pero sempre tiña a base en Madrid. Cando me chamaron no verán de 2018, sorprendeume: primeiro porque é un destino moi potente e pregunteime se estaría á altura; e segundo porque pensei que era demasiado “civilizado” para min, que son máis de barro ca de moqueta. Eu quería cubrir guerras, revoltas, catástrofes… Pero axiña me decatei de que Estados Unidos era moito máis complexo do que pensaba: un país inmenso, cheo de feridas e fracturas, onde nunca faltan historias que contar.
E que balance fas a nivel persoal e profesional?
Foi unha experiencia reveladora, apaixonante e tamén esgotadora. Especialmente coa volta de Trump, porque cada día xorden novos titulares, anuncios ou ameazas. É un traballo absorbente, que require moita resistencia, pero tamén moi enriquecedor, porque o que pasa nos Estados Unidos ten consecuencias directas en todo o mundo.
Falemos do libro. Como xurdiu a idea de ‘La gran fractura americana’?
Despois de máis de cinco anos alí, sentín a necesidade de contar as cousas con máis profundidade. No telexornal temos pezas moi breves e eu quería ofrecer un mosaico máis amplo, un relato que permitise comprender mellor o país. O libro non pretende abarcar todos os Estados Unidos —iso é imposible—, pero si achegar fragmentos que axuden a interpretar mellor as súas contradicións.
Que tipo de historias recolle o libro?
Son historias humanas. Está Cristina, unha nai que perdeu ao seu fillo por sobredose de fentanilo, exemplo dunha epidemia devastadora. Están pais que recibiron unha chamada da escola avisando de que un rapaz entrara cun fusil e matara aos seus fillos. Están migrantes que coñecín ao cruzar a fronteira, persoas que levan no corazón unha vida enteira de sufrimento e esperanza. E tamén aparecen voces incómodas, como quen decidiu coller o fusil para patrullar a fronteira ou unha das mulleres que participou no asalto ao Capitolio. Todas elas son necesarias para entender o país.
Como foi a recepción do libro en Galicia?
Moi especial. O libro publicouse en plena campaña electoral de 2024 e daquela non puiden vir presentalo. Agora si, e está a ser emocionante facelo na miña terra. Estou a atopar un público moi interesado, con moitas preguntas sobre Trump, pero tamén con ganas de coñecer a realidade máis alá dos titulares: a vida da xente común, as feridas sociais, a complexidade do país. Iso éncheme de ilusión.
Se tiveras que resumir os Estados Unidos nun titular, cal sería?
Sen dúbida: “a contradición”. É un país cheo de contrastes e paradoxos.
Como revista cultural e gastronómica, tamén nos interesa a cociña. Cal é o teu prato galego favorito e cal descubriches nos EEUU?
En Galicia fáiseme moi difícil escoller, porque cando veño gústame probar de todo. Pero se teño que elixir un, quedo co polbo á feira. Nos Estados Unidos descubrín a cociña sureña, e en particular o gumbo, un guiso con arroz e carne típico de Luisiana, que me conquistou.