CulturaGaliciaNovas

Arranca unha nova edición dos Premios Martín Códax da Música

Foto: Pixelin

A Sala Capitol, un dos espazos referentes para a música ao vivo en Galicia, acolleu a presentación dos 12º Premios Martín Códax da Música. Márcase dese xeito o punto de arranque dunha nova edición na que bandas e artistas poderán inscribirse nas diferentes categoría do 3 ao 23 de marzo. Arrouparon a presentación dos premios, organizados cada ano por Músicas ao Vivo, Jorge Pallarés, director de Marketing e Comunicación das Bodegas Martín Códax; Jorge Cubela, responsable de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural e Cultura na Deputación de Pontevedra; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia; e Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura do Concello de Pontevedra. A cidade do Lérez é a anfitrioa da gala de entrega dos 12º Premios Martín Códax da Música, que terá lugar o 28 de maio, e da que a organización, sen revelar aínda os detalles, avanzou que, gardará estreita conexión co Día das Letras Galegas 2025, dedicado ás cantareiras e a poesía oral tradicional.

A presidenta de Músicas ao Vivo, a cantante Sheila Patricia, e o vogal da directiva, Tomás Díez, explicaron no acto de presentación que bandas e artistas de Galicia teñen tres semanas, do 3 ao 23 de marzo, para inscribirse nos premios. Nos últimos anos, máis de catrocentas candidaturas inscríbense nas quince categorías musicais que conforman os Martín Códax da Música: Pop e Indie; Rock e Punk; Blues, Funk e Soul; Metal e Heavy; Canción de Autor/a; Músicas Urbanas; Músicas do Mundo e Mestizaxe; Electrónica; Música Clásica e Contemporánea; Jazz e Músicas Improvisadas; Música Tradicional; Música Folk; Música Infantil; Orquestras, Grupos e Música de Verbena; e Bandas de Música Popular.

Nas recentes edicións foron as categorías rock e pop as que concentraron máis candidaturas; hip hop, electrónica, metal e canción de autor/a son xéneros que destacan tamén polo seu crecemento nos últmos anos. Músicas ao Vivo fixo un chamamento na presentación desta edición 2025 á comunidade musical a participar nuns galardóns cuxo obxectivo é visibilizar a diversidade creativa e estilística do país.

Desde hai tres anos ademais, a categoría extraordinaria de Artista Emerxente, é unha das máis celebradas e na que se premiou en 2022 á cantante Antía Muíño; en 2023, ao compositor e pianista Sergio de Miguel, e en 2024 á artista e compositora compostelá Gloria Pavía. Un recoñecemento para proxectar e potenciar proxectos de novos e novas artistas que, tal como explicou Sheila Patricia, ten os seguintes requerimentos: é necesario inscribirse antes nalgunha das quince categorías musicais, o proxecto non pode levar en activo máis de tres anos, non máis dun disco editado (EP ou album) co proxecto que presentan ou noutros nos que participen, e non ter premio nin ser finalista en anteriores edicións. Ademais, os Premios Martín Códax da Música contemplan os tres galardóns Organistrum (nomeados así en referencia ao instrumento presente no Pórtico da Gloria) dirixidos a salas, festivais e proxectos de comunicación e difusión musical. Estes son, tal como sinalou a presidenta de Músicas ao Vivo, cómplices necesarios na música e parte imprescindible desa comunidade comprometida coa cultura musical galega á que os Premios Martín Códax queren dar visibilidade.

Na súa intervención Jorge Pallarés, director de Marketing das Bodegas Martín Códax, subliñou o traballo en defensa da cultura que se realiza desde a empresa vitícola con proxectos como o festival Outono Códax e o ciclo Os Xoves de Códax, polo que veñen de recibir o premio á mellor iniciativa enoturística de España. “Temos que recoñecer o agarimo especial que temos no caso dos Premios Martín Códax, polo seu carácter transversal e porque defenden todo o tecido musical galego. Animo aos programadores das institucións a que aposten pola música galega dándolle visibilidade ao talento que temos aquí”, sinalou. Jorge Cubela, responsable de Cultura na Deputación de Pontevedra, apuntou á forza da cultura para sumar vontades. “Aqui estamos tres institucións públicas e unha empresa privada apoiando a música e a súa profesionalización”, remarcou.

O concelleiro de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez, destacou o carácter da cidade do Lérez como anfitrioa de eventos culturais co obxectivo de “tirar da cultura e da música galegas, que ademais de ser unha aventura marabillosa, é unha obriga para as institucións”. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, quixo deixar unha mensaxe positiva “xa que o sector musical está a atravesar un bo momento”. Sutil fixo referencia ao impacto económico da música, á relevancia dos Premios Martín Códax da Música que cada ano mostran unha foto fixa da escena galega e louvou especialmente a implicación na acción cultural de empresas privadas como as Bodegas Martín Códax.

Foto: Pixelin

Calendario dos premios: o público tamén decide

A edición 2025 dos Premios Martín Códax contempla varias fases estruturadas nun calendario entre os meses de marzo e maio. En primeiro lugar, do 3 ao 23 de marzo bandas e artistas están chamados a inscribirse a través da páxina premiosmartincodaxdamusica.gal. Unha vez rematado o prazo de inscricións, o xurado profesional estuda e valora as candidaturas nun proceso, durante o mes de abril, do que sairán 3 finalistas en cada unha delas. Ademais dos 48 proxectos musicais e en activo sobre os que o xurado poñerá o foco, tamén coñeceremos os 3 finalistas da categoría extraordinaria de Artista Emerxente e dos premios Organistrum.

Tras o encontro de celebración de finalistas, que se desenvolve a primeiros de maio nas Bodegas Martín Códax en Cambados, comezará a segunda fase de votacións, que se pechará o 25 de maio. Aquí decidirán socias e socios de Músicas ao Vigo e, desde 2024, o público xeral. Tal como subliñou a presidenta de Músicas ao Vivo “o obxectivo de incorporar ao público nos Martín Códax é aumentar a participación efectiva no certame sen perder a lexitimidade que achega tanto o xurado profesional, na primeira fase de selección, como as asociadas cos seus votos”. O público poderá votar a través dun sistema de puntos nun mínimo de cinco categorías e validar a votación para que esta sexa efectiva, cunha soa validación por usuario. No reconto final, cunha regra de baremación, o 50% corresponderá á votación do público e o outro 50% aos votos dos socios e socias de Músicas ao Vivo. En 2024, cando por primeira vez se habilitou o voto para público xeral, foron case 4.000 persoas as que participaron.

O mércores 28 de maio o Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá a gala de entrega dos 12º Premios Martín Códax da Música; unha gala que irá en consoancia co Día das Letras deste 2025, dedicado ás cantareiras e á poesía tradicional oral e que será transmitida pola plataforma agalega.gal. Na rolda de prensa na Sala Capitol, Músicas ao Vivo non quixo avanzar máis detalles da gala para centrarse agora no convite a artistas e bandas a participar nesta 12ª edición e “deixar sorpresas para as vindeiras semanas”, pero apuntou a unha gala que celebrará a representación colectiva e popular da música, seguindo a motivación da Real Academia Galega neste Día das Letras 2025. Antes da gala, coñecerase o Premio Honorífico 2025, concedido nas tres últimas edicións a Fuxan os Ventos (2022), Luz Casal (2023) e Emilio Cao (2024).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.