CompostelaCulturaNovas

Compostela promove un paseo polos espazos que retratou a fotógrafa Ruth Matilda Anderson a comezos do século XX

A concelleira de Capital Cultural e Memoria Histórica, Míriam Louzao, presentou en rolda de prensa o paseo ‘Ruth e o Leviatán’, unha actividade que conmemora o centenario da primeira expedición fotográfica de Ruth Matilda Anderson a Galicia. Do 26 ao 28 de setembro, catro rutas guiadas seguirán os seus pasos pola cidade de Compostela, que visitou até en cinco ocasións entre 1924 e 1926 seguindo un encargo da Hispanic Society of America. A iniciativa inclúese entre as propostas que o Concello de Santiago desenvolve ao abeiro do programa Patrimonio C, co gallo de pór en valor o patrimonio cultural inmaterial da cidade e dar a coñecer entre a veciñanza figuras e proxectos capitais na construción da súa memoria histórica.

Nese senso, a concelleira salientou o traballo de Ruth Matilda Anderson no tecido “dun relato visual imprescindible da Galiza, nun caudal de instantáneas de técnica impecable e exquisita sensibilidade, co que que retratou a complexidade social da nosa comunidade a comezos do século XX, botando por terra representacións estereotipadas do país”. Louzao apuntou que o paseo permitirá revisar “a fonda pegada dunha muller singular que fixo fronte tamén dende a súa persoa a múltiples prexuízos para achegarnos unha outra maneira de mirar”.

Na rolda, a concelleira estivo acompañada de Xiana Iglesias, socia da cooperativa Maos Innovación Social que desenvolve o paseo. Iglesias sinalou que ‘Ruth e o Leviatán’ “permite aproximarse a un dos traballos de fotografía documental máis extensos e exhaustivos que se fixeron do noso país e á muller que o fixo posible”. Así, alén de revisar as fotografías que a autora realizou na súa viaxe e parte dos lugares onde se tomaron, o paseo irá salpicado de anécdotas e reflexións que Anderson compartiu no volume Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruna e doutras extractadas do diario do seu pai. O mesmo título do itinerario, ‘Ruth e o Leviatán’ deriva dos apuntamentos da autora sobre o contexto persoal da viaxe, pois Leviatán é o nome co que Anderson bautiza unha das pesadas cámaras que trae a Galicia.

A praza de Fuenterrabía, as do Toural e Mazarelos, a rúa de Tras San Fiz de Solovio, a praza de Abastos, a rúa de Casas Reais, a praza da Quintana, o pazo de Fonseca, as rúas do Franco e Entrecercas, o Colexio de San Clemente e a Alameda, conforman as 12 paradas deste percorrido de preto de dúas horas tras os pasos fotógrafa, que funciona como unha mestura entre paseo guiado e exposición móbil, xa que nel se irán amosando tanto fotografías de Compostela de Ruth Matilda Anderson como outras da época. A metade desas instantáneas nunca foron publicadas en Galicia e catro delas son totalmente inéditas. A primeira sesión do itinerario desenvolverase ás 19 horas do xoves 26 de setembro, o día no que se fan exactamente cen anos da súa primeira visita á cidade. As seguintes serán o venres 27, no mesmo horario, e sábado 28, en dúas quendas: ás 11.30 e ás 17.00 horas. A participación en cada un dos grupos é de balde, está limitada a 30 persoas e para asistir será preciso inscribirse a través dun formulario en liña no portal ruthmatilda.gal O relato seguirase a través dunha radio-guía e de auriculares, polo que se recomenda que cadaquén porte os seus.

Ademais, até final de ano o percorrido poderá realizarse tamén de xeito autoguiado a través das narracións, dispoñibles tanto en audio como en texto e tanto en galego como en inglés, no portal ruthmatida.gal, onde xa se poden atopar 41 fotografías e moitos detalles da viaxe. As distintas paradas da ruta contarán con pequenos sinais situados no chan para marcar o percorrido e dar acceso a través dun código QR á narracións dispoñibles na web. A realización deste paseo autoguiado é tamén de balde e só precisa dispor dun dispositivo móbil e auriculares.

Ruth e o Leviatán’ é un proxecto do Concello de Santiago de Compostela, desenvolvido pola cooperativa Maos Innovación Social en colaboración con The Hispanic Society of America, a entidade que posúe os dereitos de autoría da obra de Ruth Matilda Anderson.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.