fbpx
CompostelaCulturaNovas

Abre a Zona C, un novo espazo de encontro artístico e de venda de entradas dos eventos de Compostela Cultura

O director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, e a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, na nova Zona C.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, presentaron o novo espazo da concellaría: a Zona C. Punto de Información Cultural. Está situado no Preguntoiro, 1, na praza de Cervantes, no que era a antiga Casa do Concello. “É un espazo que servirá como punto de encontro cultural, no que planificaremos actividades tanto no seu interior, como aproveitando a baranda exterior, ou mesmo a praza, relacionadas coa programación da concellaría e tamén de apoio a outras iniciativas que irán xurdindo do tecido cultural da cidade”, explicaron.

Compostela Cultura, marca que aglutina todas as actividades organizadas polo Auditorio de Galicia, sede da concellaría de Acción Cultural, terá neste edificio o seu espazo de información ao público e central de venda de entradas para todos os eventos que organiza. Así, aquí poderán mercarse entradas tanto para o Auditorio de Galicia, como para o Teatro Principal ou outros espazos da cidade, nos que puntualmente a concellaría organice algunha actividade.

Ademais, recuperase a Zona C, un espazo de intervencións artísticas que estivo aberto do 2017 ao 2019 en San Domingos de Bonaval, e que tivo que pecharse por mor da reforma integral do Museo do Pobo Galego. Agora, estará neste edificio que se recupera para o espazo cultural e que acollerá esas intervencións ademais de actividades variadas dos diferentes festivais de Compostela Cultura e outra programación da concellaría – como os festivais Curtocircuíto ou Cineuropa.

O espazo inaugúrase luns, 17 de maio, coa mostra ‘Xela Arias. A Poesía do Retrato’ e estará aberto ao público de 11 a 14 h e de 16 a 19 h, de martes a sábado; e de 11 a 14 h os domingos. Este espazo substitúe así o despacho de billetes central de Compostela Cultura situado ata agora no Teatro Principal. Os despachos de billetes do Teatro Principal e do Auditorio de Galicia abrirán polo tanto só os días de evento desde unha hora antes no Teatro e desde unha hora e media antes no Auditorio.

A Zona C tamén terá á venda material de merchandising de Compostela Cultura, como libretas, tazas, paraugas ou un vale agasallo con entradas para os espectáculos que programe a concellería..

Día das Letras Galegas
Unha mostra e un concerto, homenaxe a Xela Arias A exposición ‘Xela Arias. A Poesía do Retrato’ é o principal evento que a concellaría de Acción Cultural organiza con motivo do Día das Letras Galegas dedicado este ano a Xela Arias. Inaugurarase o 17 de maio ás 18.00 h coa presenza do alcalde da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o comisario da mostra, Xosé Enrique Acuña; e a familia da autora. Despois permanecerá aberta ata o 25 de xullo no horario habitual do espazo con entrada de balde. Recolle corenta retratos feitos por Xulio Gil nos anos 80 e 90 cando era parella de Arias, acompañados de corenta textos poéticos.

A outra actividade que ofrecerá a concellaría nesta programación especial é o concerto ‘Vencerse é cousa de se tratar’, que se celebra no Teatro Principal o martes 18 ás 20.30 h. Trátase dunha peza escénica de Fernando Abreu no que Mónica de Nut porá voz aos poemas de Xela Arias mesturándose cos recitados gravados da propia autora e tamén interactuará cos músicos Abreu e Pablo Carrera. Roi Fernández encárgase do cinema en directo nun evento que ten entrada de balde, previa retirada de convite desde luns ás 10.00 h en compostelacultura.gal e despois no horario habitual da Zona C. Punto de Información Cultural.