A IV Gastro Movida amosou o potencial turístico e gastronómico de Vigo, Cambados e Baiona

Bota o pano a IV edición de Gastro Movida que, este ano, evolucionou a un fam trip con medio centenar de prescritores, axencias, operadores turísticos, influencers e medios de comunicación de España e Portugal percorrendo Vigo, Cambados e Baiona no que se puxo en valor territorio, gastronomía, patrimonio cultural, turismo e Camiño de Santiago “como nunca antes se fixo”, en palabras do seu organizador, David Suárez, CEO de Diesemm.
No segundo e último día do congreso experiencial, os prescritores visitaron Baiona, onde foron recibidos polo seu alcalde, Jesús Vázquez Almuiña; coñeceron a Casa da Navegación, a réplica da Pinta, o Castelo de Monterreal e o Hotel Faro Grande. Entre as actividades realizadas, percorreron un tramo do Camiño Portugués pola Costa, xunto á delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, que puxo en valor, unha vez máis, esta variante que está avalada por uns “números francamente bos” que “crecen cada ano”. O congreso clausurouse cunha comida en Faro Pequeno e unha maridaxe vertical da adega Altos de Torona.
No acto final, emerxeu o escenario de Gastro Movida Impulsa, unha iniciativa para expoñer produtos e produtores da nosa contorna mostrando os seus diferenciais. Por el, pasaron Mirabeles do Rosal; a empresa viguesa de microbrotes Vive Green; Quesería Marqués de Valladares; o proxecto sobre educación sostible Grandma Sita; a empresa conserveira La Curiosa; e a Confraría de Pescadores de Baiona ‘La Anunciada’.
Ao termo, a organización entregou os recoñecementos Maripulpi para recoñecer o traballo realizado nesta industria. O primeiro foi para Faro Silleiro por crear un produto turístico diferencial baseado na calidade. O segundo foi para o Concello de Baiona por ser un referente turístico a nivel nacional e internacional. A última condecoración foi para o Camiño Portugués pola Costa por converterse en referente e tractor de peregrinos e turistas na nosa área de influencia. Este galardón foi recollido pola delegada da Xunta, en representación da institución que máis o promove e reivindica.
Primeira xornada
Más de 80 persoas asistiron onte á inauguración de Gastro Movida no Real Club Náutico de Vigo onde se celebraron dúas mesas redondas ao redor das temáticas centrais do evento. Alí, a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, reivindicou o Camiño Portugués pola Costa como a “xoia da coroa”, xa que, ano tras ano, continúa pulverizando récords. Este ano levamos máis de 88.000 peregrinos que selasen a Compostela por este roteiro, dos cales 70.000 son estranxeiros. “Uns datos extraordinarios que converten a Vigo nun escaparate a nivel mundial”, subliñou Begoña Abalo, da axencia Tee Travel, especializada no Camiño. Na mesa participaron tamén o chef estrela Michelín, Alberto G. Prelcic, de Silabario; e César Sánchez-Ballesteros, secretario do Clúster de Turismo de Galicia e presidente de FEPROTUR.
Na segunda mesa falouse sobre Vigo como destino e nela participou a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, que reivindicou a potencia o porto de Vigo como receptor de cruceiristas nun ano 2025 que cualificó de “récord”. Pola súa banda,; o director conservador do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, José Antonio Fernández Bouzas; reivindicou o Parque Nacional como “tractor” turístico ao alcanzar cada ano máis de medio millón de visitantes, dos cales, aproximadamente, o 75% son ás Illas Cíes. Na mesa tamén participou Brais Rodríguez, director do Hotel Atlántico e membro da directiva de AHOSVI.
Ao peche do acto inaugural, os prescritores trasladáronse a Cambados onde percorreron o centro da vila, a praza de Abastos e gozaron dunha visita guiada a Bodegas Martín Códax con cata comentada de diferentes viños da casa, ofrecida polo presidente da Asociación de Catadoras de Galicia, Juanjo Figueroa, así como dunha comida con produtos de proximidade.
Tras retornar a Vigo, pola tarde, os asistentes realizaron unha visita guiada polo centro da cidade e o casco vello, e pecharon o día cunha cea experiencial, servida por Salmoira baseada na recuperación da historia gastronómica do litoral galego, e na que puideron gozar dun showcooking ofrecido por ANFACO-CYTMA para poñer en valor a industria conserveira da nosa contorna.
A IV edición de Gastro Movida, organizada por Diesemm, contou co apoio da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra Turismo Rías Baixas, Concello de Baiona, Bodegas Martín Códax, Artesa Despensa Atlántica, ANFACO-CYTMA, Faro Silleiro, Grupo CdeC, AHOSVI, Salmoira, Altos de Torona Bodegas y Viñedos e El Trigal.






