A Deputación da Coruña entregou os seus premios culturais e despediu as Residencias Artísticas Mariñán

As Residencias Artísticas Mariñán 2025 chegan ao seu fin, despois de 12 días nos que os 8 participantes tanto nas modalidades de música (Indra, Abril, Ailén e Nanu) como nas de literatura (Sergio Marey e Blanca Trigo) e pensamento (Paula Sanmartín e María Bella) compartiron espazo para desenvolver os seus proxectos creativos da man dos comisarios Aitana Cuétara (música) e Roberto Abuín (literatura e pensamento).
O Pazo de Mariñán acolleu un acto oficial de despedida, no que a deputada de cultura, Natividade González, expresou a súa gratitude a todos os participantes, “por aproveitar como o facedes os recursos públicos que ofrecemos dende a Deputación da Coruña”. “Para min é unha honra ver como estas Residencias Mariñán se están convertendo en berce do talento galego, de onde saen proxectos que despois acadan tantos éxitos”, sinalou. “Nesta institución entendemos como unha obriga apostar, non tanto polos produtos, como polos procesos creativos para favorecer o desenvolvemento dos proxectos, aportando recursos como formación, asesoramento, tempo e o espazo do propio Pazo”.
O comisario, Roberto Abuín, sinalaba o “gran traballo” da Deputación “para potenciar o espazo creador e de pensamento”. Apuntaba que a arte “é unha espazo de liberación e expansión, e que esta institución o acompañe desta forma tan consciente é fundamental”. Palabras ás que se sumaba a comisaria de música, Aitana Cuétara, que fixo referencia á aposta “polo espazo creativo” onde conviven “proxectos moi diferentes, o que é moi enriquecedor”.
Aposta polo proceso creativo
Pola súa banda, todos os participantes valoraron moi positivamente a iniciativa. “Estes espazos son moi necesarios, para poder parar e adicarte á creación”, sinalaban, “supoñen un contrapunto”. “Dispor deste tempo de calidade nesta contorna é poder adicarse á arte na súa totalidade”.
Tamén agradeceron a posibilidade de “dispoñer dun pazo como este” e “a confianza e a liberdade do proceso”. ”Non hai un ‘teño’, hai un ‘quero’, e creamos desde outro lugar”, salientaron, ao tempo que puxeron en valor “o non facer nada, o feito de non esixir un obxectivo produtivo porque aí é onde xorden as ideas e a beleza” e ofrecer, pola contra “recursos para a creación, a creatividade e a comunidade”. Neste sentido, ademais, recalcaron a “oportunidade” que supón compartir experiencia con outros creadores, “moi enriquecedora no profesional e no persoal, pois desas convivencias saen novas ideas, propostas e incluso colaboracións”. E, repetían, “deberían existir máis iniciativas así”.
Formacións e asesorías
As Residencias Artísticas Mariñán contan con diferentes formacións e asesorías personalizadas para cada proxecto, de diferentes ámbitos: o dereito, produción, distribución, marketing… “Nestes dez días pasaron por aquí produtores, artistas, unha avogada, xente de discográficas…” sinalaba a comisaria, “para axudar aos artistas a que todo colle forma e se asegure a viabilidade profesional dos seus proxectos” xa que “ter o contexto económico axuda moitísimo”.

IV Gala de Cultura
O Teatro Colón acolleu a IV Gala da Cultura da Deputación da Coruña, unha cita que converteu o escenario nun espello da riqueza cultural de Galicia, mesturando raíces tradicionais con visións contemporáneas. A reivindicación do patrimonio cultural galego como ferramenta de futuro foi protagonista dunha gala conducida pola xornalista Susana Pedreira, coas actuacións de Alana e Fran Sieira, e na que encabezaron a representación da corporación provincial a titular de Cultura, Natividade González, e o presidente, Valentín González Formoso. Acompañáronos na entrega de galardóns ás persoas e asociacións gañadoras dos premios convocados polo departamento provincial de Cultura en 2024 o vicepresidente, Xosé Regueira, e outros membros da corporación provincial.
Os premiados
As persoas e representantes dos proxectos premiados nos certames culturais de 2024 que pasaron polo escenario do Colón para recoller os seus galardóns, unha peza da escultora Soledad Penalta, son os seguintes:
- Torrente Ballester de narrativa: Loli Rodríguez (en lingua galega) e Jose Antonio Bonet (en lingua castelá).
- Castelao de banda deseñada: Sandra López (modalidade xeral) e Laura Suárez (modalidade LIX).
- Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil: Érica Esmorís (modalidade infantil) e Rosa Aneiros (modalidade xuvenil).
- González Garcés de poesía: Gonzalo Hermo.
- Antonio Fraguas de artesanía: Borja Canedo (modalidade tradicional) e Ezequiel Franchi (modalidade contemporánea).
- Fran Pérez ‘Narf’ de música: Carabela.
- Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero: María Encarnación Otero (premio á traxectoria) e Asociación Andar cos tempos(premio á iniciativa).
- Jesús Núñez de arte gráfica: Jose Andrés Santiago.
- Luís Ksado de fotografía: Vicente Fraga.