A Deputación da Coruña entregou os seus I Premios de Turismo
A Deputación da Coruña celebrou este venres, 8 de novembro, no Hotel NH Finisterre a I Gala de Turismo da Deputación, onde fixo entrega dos premios de turismo aos proxectos gañadores: o Hotel – Restaurante Balarés (Ponteceso), Eu fun de vivo (San Andrés de Teixido, Cedeira), Nacional VI, Bela Fisterra e Casa Peto (Outes). Ademais, a entidade provincial entregou uns distintivos aos 8 xeodestinos da provincia e aos 2 entes de xestión das cidades de A Coruña e Santiago de Compostela,
Proxectos premiados
Un xurado composto polas técnicas de turismo de Carballo, Dumbría e Ames, Maite Parga, Ada González Fernández e Sonia Moure Oliveira respectivamente, e o profesor da facultade de turismo da Universidade da Coruña, Carlos Rodríguez Carro, foi o encargado de elixir ás propostas gañadoras nas cinco categorías.
Na primeira delas, mellor iniciativa de innovación e calidade turística, o xurado decidiu premiar ao Hotel – Restaurante Balarés (Ponteceso). Na segunda, mellor iniciativa de sostibilidade social aplicada ao turismo, a Bela Fisterra. Na terceira, mellor iniciativa da posta en valor da autenticidade do territorio o premio é para o proxecto “Eu fun de vivo” de Sergio Muíño (Cedeira), de posta en valor sustentable de San Andrés de Teixido. A cuarta categoría, o mellor proxecto de turismo emerxente, o premio é para “Ruta Nacional VI”, un ‘road trip’ pola histórica carreteira N-VI entre Madrid e A Coruña. E, na última categoría, toda unha vida dedicada ao turismo, o xurado decidiu recoñecer a traxectoria de Dolores García, “Lolita”, cociñeira e copropietaria de Casa Peto (Outes).
Todos eles recibiron unha peza de Jorge Eiroa que consistía nun nó, que significa conexión, vínculo, forza, en representación do sector turístico, que traballa unido e forte, creando unha oferta competitiva e que poña en valor conceptos como a sustentabilidade, a defensa do territorio e a cultura e a identidade.
Na valoración, o xurado tivo en conta os seguintes criterios: fomento do turismo responsable, tanto a nivel económico como social e medioambiental; o cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible; a implantación das melloras a nivel de calidade turística; a promoción e comunicación dos proxectos; o uso do galego; a aplicación de políticas de xénero; a aplicación de políticas laborais que axuden á conciliación e á mellora das condicións; a adaptación de medidas de accesibilidade universal e o desenvolvemento de políticas de emprego de calidade, incluíndo accións que fomenten a redución da temporalidade, fomenten a fixación de poboación local e cumpran de forma íntegra cos convenios correspondentes.
Recoñecemento aos xeodestinos e entes de xestión das cidades
Ademais dos premios de turismo, a Deputación fixo entrega duns galardóns, unha obra de María Crúa, aos 8 xeodestinos da provincia e os dous entes de xestión das cidades de Santiago de Compostela e A Coruña: Ferrolterra; As Mariñas; Costa da Morte; Terras de Santiago; Ría de Muros – Noia; Barbanza – Arousa; Ulla – Tambre – Mandeo e Terras da Comarca de Ordes; Incolsa e o Consorcio de congresos e turismo da Coruña.
A Deputación recoñeceu así, o traballo do sector turístico da provincia, nunha gala conducida pola xornalista Lorena Pose, que contou coas intervencións do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, e que reuniu a máis de 150 asistentes.