A Coruña homenaxea ao ‘Hematocrítico Ilustrado’ cunha exposición no Palexco
O pasado 5 de novembro inaugurouse no Palexco a exposición ‘Hematocrítico Ilustrado’, que lle rende homenaxe a Miguel Ángel López González, mestre e divulgador herculino, falecido hai case un ano e coñecido pola súa obra de literatura infantil e xuvenil, ademais de pola súa actividade nas redes sociais.
Ata o vindeiro 6 de xaneiro, o salón municipal de exposicións do Palexco acollerá esta mostra, unha iniciativa cultural impulsada polo Concello, en colaboración co Hemato Festi, un festival de humor e literatura infantil que se celebrou a principios de novembro en Vigo.
Ao acto inaugural da exposición asistiron familiares e achegados de López, ademais da alcaldesa, Inés Rey, que sinalou que este proxecto “lembra a unha persoa que deixou unha fonda pegada en nós como veciñas e veciños da cidade, mais tamén en milleiros de persoas na gran comunidade global que é a Internet”.
López, autor de obras de literatura infantil e xuvenil como ‘Alcaldesa Vermella’ e ‘Max Burbuja’, “sacábanos sempre un sorriso coas súas publicacións nas redes, onde achegaba sentido e humanidade entre tanto e tanto ruído. Tamén moito humor. E ese legado, en clave positiva é o que precisamente queremos plasmar nesta mostra”.
A exposición, comisariada por Matilde Rodríguez, recolle parte da mirada crítica e positiva da realidade que difundía Miguel López nas redes sociais, canles nas que expresaba a miúdo “a importancia de defender a infancia e os seus dereitos”, lembrou Inés Rey, que agradeceu expresamente a implicación e colaboración de Ledicia Costas, parella do Hematocrítico, e o seu amigo Alberto Vázquez para facer realidade esta iniciativa.
‘Hematocrítico Ilustrado’ conta, como un dos seus pratos fortes, cun percorrido creativo de ilustracións no que compañeiras e compañeiros de profesión de Miguel achegan as súas ideas en conexión coa súa obra. Son Albert Monteys, Alberto Vázquez, Cintia Hierro, Eugenio Ábalos, Laura Árbol, Mar Villar, Martín Romero, Olga Capdevila e Paco Roca.
Ademais, tamén se habilitou unha sección especial dedicada a ‘El Hematocrítico de Arte’, o primeiro grande éxito literario de Miguel López. En paralelo, hai un espazo didáctico no que as nenas e nenos poden experimentar coa escritura e a creatividade.
A maiores, a exposición conta cunha Biblioteca Hemato, un espazo de lecer cunha selección específica de contos e obras do autor.
Unha vida dedicada ao humor e á literatura infantil
Tal e como explican na páxina web do Hemato Festi, Miguel Ángel López González (A Coruña, 1976 – Navia, 2023) converteuse nunha figura central en redes sen ningunha pretensión, alén de facer rir. Baixo o nome do Hematocrítico gañou unha comunidade de miles de persoas que o seguían ata se converter nun xerador de opinión.
De xeito case paralelo a isto, abriu un blog en formato Tumblr, ‘El Hematocrítico del Arte’, que chegou a ter unha comunidade de 500.000 persoas. O proxecto acabou ademais convertido nunha triloxía publicada por Caramba.
O seu primeiro libro infantil, ‘Feliz Feroz’, publicado por Anaya no 2024, foi un éxito internacional, traducíndose a diversas linguas e adaptándose a formato musical en Corea. Comezou entón unha prolífera carreira con máis de cincuenta libros para este público, sempre co humor como motor e inspiración.
Tamén triunfou como guionista de televisión, pasando a ser un humorista de batalla, diante e detrás da pantalla. “O humor foi o seu tótem, no traballo e na vida. E a literatura infantil foi a canle que atopou para comunicarse co que el era en realidade: un neno dentro do corpo dun adulto”, explican na web do festival.