GastronomíaNovasReportaxes

Mercados con historia que buscan quen continúe a escribila

Por  Sandra Rego e Rebeca Munín

Co Nadal ás portas, os mercados de abastos de Santiago e A Coruña prepáranse para unha das épocas de maior actividade comercial do ano. Son días de moita compra, nos que os produtos frescos e de calidade, a aposta pola proximidade e o trato persoal cobran especial protagonismo.

Pero estes negocios afrontan importantes desafíos, como a remuda xeracional, o envellecemento da clientela ou a necesidade de atraer novos públicos. Entre prezos, cambios nos hábitos de consumo e ganas de futuro, os praceiros e praceiras reivindican o valor do comercio de sempre e animan especialmente á xente nova a achegarse, coñecer os seus postos e descubrir todo o que teñen que ofrecer.

MERCADO DE ABASTOS DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

Se hai un lugar que é referencia do produto fresco e de proximidade para Santiago e súa comarca, ese é o seu Mercado de Abastos. A Praza vén abastecendo á cidade desde 1873, aínda que o edificio actual, estruturado en oito naves, é obra do arquitecto Joaquín Vaquero Palacios e ten 80 anos.

Escribimos esta reportaxe cando arranca unha das campañas máis fortes de todo o ano: a o Nadal. “Nesta época temos moita xente que non é clienta habitual, pero que agora si vén mercar á Praza”, sinala a súa xerente, Marta Rey; aínda que o seu desexo sería que esta afluencia se repetise todos os meses. “Ti cando queres comer algo especial, algo realmente bo, san, do país... vés ao Mercado a buscalo. Pero por que non vés noutros momentos? Para comer a diario un bo repolo, uns grelos, un peixe miúdo, unha carne... Que todos os días sexan Nadal na túa mesa! Porque ti mereces o mellor. E comer ben é saúde. Tomar produtos frescos, de temporada, sen conservantes... algo que cociñes ti na túa propia casa aporta moitas cousas boas. Ademais dos beneficios á nosa economía. Case todos na Praza son pequenos autónomos, que traballan con agricultores e gandeiros da comarca, que van ás lonxas... Movemos a economía do país”

Na procura do público máis novo

A gran estrela entre os produtos máis demandados pola clientela este Nadal é a centola.  “Antes se vendía máis vieira e ameixa, pero hoxe en día o deste crustáceo é un auténtico furor! E non só en Galicia. Nós o marisco que máis mandamos, a calquera punto de España, é este con diferencia”, apunta Marta facendo referencia ao servizo de envío a domicilio co que contan.

E é que, aínda que a Praza compostelá soubo manter a súa esencia como mercado local, logrando que perdure incluso a figura das ‘paisanas’ -produtoras agrogandeiras que venden a súa propia colleita-, tamén tivo que adaptarse aos tempos. “Temos que dar facilidades. Está claro que moita xente traballa polas mañás e nós, polo momento, non abrimos polas tardes. E non o facemos porque hai moito traballo tamén...  As peixarías van ás lonxas, os carniceiros case todos mercan en explotacións gandeiras ou teñen que facer rixóns, salchichas... Ademais de todos os procedementos administrativos que lles implica ter un negocio así, levar a trazabilidade, as normativas sanitarias...”.

Nese reto de achegarse a un público cada vez máis novo, tamén teñen en marcha campañas como un desconto do 10% para estudantes en moitos dos seus postos ou servizos como ‘personal shopper’ e a venda a través da súa web. “No comercio tendemos ás veces a botar todas as culpas do que nos pasa aos demais e non é así, tamén temos que mellorar nós e adaptarnos ás novas tendencias. Pero a min o que me gustaría é que houbera moita máis clientela e que valorase moito máis o noso produto. Na Praza son un centenar de negocios os que teñen que vivir”, afirma a xerente.

E que lle diría a alguén que nunca pisou o Mercado? Marta teno claro: “Que dea un paseo e se deixe fluír, como di moito agora a xente moza! Que pregunten, investiguen, proben... Se ti ves o peixe, as verduras, as carnes... é que xa non compras noutro lugar!”.

Moita máis variedade

Outras das eivas ás que se enfrontan é a remuda xeracional -aínda que na Praza van abrindo pouco a pouco novos negocios- e a idea errónea que existe con respecto á carestía dos produtos frescos e de proximidade. “Aínda que os datos macroeconómicos sexan bos, cada vez temos menos poder adquisitivo. E que pasa se vas a unha área comercial grande? Pois que tes a pescada, a robaliza e dourada de piscifactoría, a lura e o salmón. No Mercado podes atopar fanecas, xurelos, xoubas, pintos, maragotas... Tes moitas máis opcións e adaptas a compra ao teu peto. Por exemplo, a xouba de Rianxo pode estar a 12, 14 ou 15 euros o quilo; pero tamén hai de Ribeira, de Portosín ou de Sada que está sobre os 6 ou 7. Ti decides o que compras. Sabendo ademais que todas son traídas da lonxa directamente”.

Así mesmo, Marta opina que é importante que apostemos máis decididamente polo produto de tempada. “Ás veces empeñámonos en mercar cereixas en decembro. Non! Nesta época merca kiwi, caqui... Que non van ter conservantes. Porque se traes unha cereixa de Perú ou Chile, para que chegue aquí tan bonita, algo lle van poñer! En cambio, se mercas mandarinas, que están en tempada agora, de aspecto están horribles porque veñen da árbore directamente... pero en canto as mondas... Só co seu olor intenso, xa ves que é outra calidade. Por iso digo que deberiamos reeducarnos todos a nivel  gastronómico!”.

Outro produto que nos recomenda moito mercar na Praza para este Nadal é algún dos queixos da nosa terra. “Actualmente temos en Galicia pequenas queixerías que fan auténticas obras de arte!”, asegura, mentres nos anima tamén a ser máis orixinais á hora de escoller os nosos viños “á parte do Albariño ou o Ribeiro”. E se queremos sorprender facendo agasallos, nada mellor que optar por algunha das pezas de artesanía galega que podemos atopar nos postos da Praza situados na rúa das Ameas.

“Á mocidade dígolle que se dea un paseo pola Praza e que se deixe fluír! Se ti ves o peixe, as verduras, as carnes... é que xa non compras noutro lugar!”

Praza de Lugo, o epicentro da cidade

“Calidade e frescura” son os valores que fan a diferenza de comprar nun mercado. Así o sinala Beatriz Martínez, praceira do mercado da praza de Lugo dende o seu posto, Pollería Isabel.

O mercado Eusebio da Garda, que leva o mesmo nome que o instituto que se atopa a uns metros desta localización, fai homenaxe ao filántropo que financiou a construción do que sería o primeiro mercado cuberto da cidade alá por 1910. Naquel momento existían diversos postos que vendían produtos frescos na zona, pero a necesidade dun edificio que albergase os negocios no seu interior comezou a ser unha prioridade.

“Hai produtos que non se atopan noutro sitio”, explica Beatriz. Ela tamén valora a confianza como unha das características diferenciais dun mercado e destaca a fidelidade como unha fortaleza, xa que “hai clientes que levan 20 anos vindo a mercar”.

Se falamos da zona privilexiada que ostenta o mercado Eusebio da Garda, aparecen rapidamente as desvantaxes: “A accesibilidade é complicada co coche. Hai un aparcamento de pago e ás veces está saturado”.

En canto ao produto de proximidade de cara ao Nadal, Beatriz sinala a diferenza entre a carne e o peixe, xa que a primeira non se encarece en gran medida, agás a tenreira ou o cordeiro. As tendencias virais fan que a xente pida cada vez máis alimentos que non son de proximidade, así que Beatriz aconsella algunhas variedades: “O cabrito, mellor que o cordeiro leitón e capóns en vez de pularda”.

Hai unha teima que adoita aparecer á hora de falar dos mercados municipais: a competitividade cos prezos dos lineais é moi grande: “É verdade que hoxe en día temos unha gandería e unha horta marabillosa en Galicia e todo o mundo quere o de quilómetro cero, pero cando lles dis o prezo, parécelles unha loucura”, sinala Beatriz. “É inviable competir coas grandes superficies, por iso temos que facelo en calidade e atención, porque en prezo é imposible”, engade.

É certo que quizais non toda a veciñanza merque a diario nos mercados de abastos de Santiago e da Coruña, pero hai algo que vai máis alá da compra: o sentimento de pertenza. Son espazos que se senten como propios, que forman parte da memoria colectiva, da identidade das cidades e da súa vida cotiá.

E non abonda con sentilos nosos. Cómpre achegarse a eles, percorrelos sen présa, descubrir o que ofrecen, probar os seus produtos e deixarse aconsellar por quen coñece de primeira man o que vende. Cada compra é tamén unha decisión: apoiar o comercio de proximidade fronte á despersonalización, defender unha alimentación de calidade e contribuír a que a riqueza quede aquí, no noso país.

“É inviable competir coas grandes superficies, por iso temos que facelo en calidade e atención”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.