CompostelaCultura

Ponte… nas Ondas! celebra o seu trinta aniversario cunha exposición en Fonseca

A mostra ‘Un modelo para o mundo. 30 anos de Ponte… nas Ondas!’ chegou este xoves 5 ao Claustro Alto do Colexio de Fonseca para conmemorar tres décadas dunha aventura colectiva, nada nas aulas que transformou a radio escolar nunha “ponte viva” entre Galicia e Portugal, capaz de converter a milleiros de nenas e nenos en transmisores activos da súa identidade común. A mostra impulsada pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! (PNO) permanecerá aberta ata o vindeiro 20 de novembro no marco do programa de actividades do Outono Cultural 2026. No acto inaugural interviñeron Ana Cabana Iglesias, vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC;  Ángel Miramontes, director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; Carlos Toural, decano da facultade de Ciencias da Comunicación; e Santiago Veloso, presidente de Ponte… nas Ondas!

Precisamente nun espazo tan simbólico como Fonseca —xa que a Universidade completa o ciclo educativo dun proxecto que abrangue desde os tres anos ata o ensino superior—, a exposición propón unha inmersión na fórmula que levou a PNO! a ser inscrita en 2022 no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO: a unión de educación, patrimonio, comunicación e novas tecnoloxías.

Das cintas de casete ao ‘radiovisual’

Lonxe dunha mostra estática, a proposta concíbese como unha experiencia participativa na que o público pode escoitar, ver e interactuar coa memoria cultural galego-portuguesa a través de códigos QR, arquivos sonoros e videográficos, ilustracións e unha pantalla táctil. O relato arrinca o 29 de marzo de 1995, cando dezaseis escolas das dúas beiras do Miño celebraron a inauguración da ponte internacional entre Salvaterra e Monção cunha xornada histórica de doce horas de radio escolar.

A través dunha liña do tempo e de material documental da época, o visitante descobre como aquela primeira antena pendurada nun pau foi evolucionando: das cintas de casete pasouse en 1997 á primeira emisión por Internet, ata dar vida ao actual concepto “radiovisual”, un formato híbrido e dixital que amplía as posibilidades de participación das escolas.

Ese salto tecnolóxico tivo sempre un mesmo propósito pedagóxico: “que o patrimonio entrase nas aulas para que a rapazada deixase de ser receptora da información e tomase a palabra diante dos micrófonos”, explicou Santiago Veloso. A mostra reflicte como o alumnado investiga e difunde a lingua, os oficios tradicionais, as historias populares e a literatura oral da súa contorna a través de iniciativas como os Certames de Recollida da Tradición Oral e o concurso fotográfico As Imaxes do Patrimonio. Froito deste traballo cos álbums familiares naceu Memoria e Patrimonio (As voces das imaxes), un proxecto que o público pode explorar en Fonseca a través dunha pantalla táctil que combina fotografías antigas, textos do estudantado, podcasts e banda deseñada.

O percorrido tamén dá conta da intensa actividade editorial, musical e escénica da asociación —con traballos como os audiolibros de Meniños Cantores, Cores do Atlántico ou o recente Cancioneiro galego-portugués— e reivindica esa cultura común sen fronteiras que conecta Galicia e o norte de Portugal co conxunto da lusofonía en encontros como as Mostras da Oralidade. Un esforzo colectivo que tivo un dos momentos clave en 2004 coa Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués á UNESCO, impulsada de xeito inédito desde as propias escolas de ambos países, e que ao longo destes trinta anos sumou o apoio de voces como Caetano Veloso, Margareth Menezes, Francisco Fernández del Riego, Julia Otero ou Rexina Vega.

Un estudo de radio en vivo na Capela da Universidade

Fiel á filosofía de PNO! de aprender facendo, a mostra complétase cun pequeno set de radio instalado na Capela da Universidade. Neste espazo, o estudantado dos centros educativos que visiten a exposición ata o vindeiro 20 de novembro participará en obradoiros prácticos nos que gravarán os seus propios podcasts arredor do patrimonio.

A exposición está coordinada por Santiago Veloso, con textos e documentación de Roberto Noguerol, deseño gráfico de Andrés Meixide, deseño expositivo de Lía González, produción videográfica de Casa de Tolos, obradoiros a cargo de Damián Alonso, revisión lingüística de Uxía Iglesias e produción de José Manuel Diego. Ademais conta cun servizo de mediación e visitas guiadas xestinado por Closet Comunicación. O proxecto está financiado polo Ministerio de Cultura e a Xunta de Galicia, e conta coa colaboración institucional da USC no marco do seu Outono Cultural 2026.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.