A CoruñaGastronomíaNovas

A Coruña cómese en viñetas: nace ‘Sabor Coruño’

A Fundación Luis Seoane acolleu a presentación de Sabor Coruño, o novo recetario ilustrado de Coruña Cociña, unha publicación que cruza gastronomía e banda deseñada para contar a cidade a través do seu produto, das súas cociñas e das persoas que lles dan vida.

O proxecto traslada ao formato cómic nove receitas, mantendo como fío común o produto de calidade e proximidade e a identidade gastronómica coruñesa. Cada prato convértese así no punto de partida dunha pequena historia que amplía o receitario tradicional e achega a cociña ao público desde o humor, a ilustración e a cultura.

Manel Cráneo, cociñar as receitas con tinta

O guión e os debuxos de Manel Cráneo dan unidade artística ao proxecto. O autor concibiu unha historieta curta inspirada en cada receita e optou por estilos gráficos diferentes para reflectir a variedade das propostas. O humor, a proximidade e o produto funcionan como elementos comúns dun libro no que a gastronomía se converte tamén nunha forma de narrar territorio, memoria e cidade.

O tratamento e revisión dos textos correu a cargo de Henrique Torreiro, mentres que o deseño e a maquetación son de Demo Editorial / Manel Cráneo. A publicación está editada pola Asociación Coruña Cocina coa colaboración do Concello da Coruña.

Durante a presentación, o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou que se trata dun proxecto que demostra “a capacidade da cultura para conectar coa cidadanía desde linguaxes innovadoras e accesibles”. Ademais, salientou “a importancia de iniciativas que contribúen a divulgar e preservar o patrimonio gastronómico coruñés, auténtico sinal de identidade da cidade, ao tempo que impulsan a creación artística local”.

Nove cociñeiros, nove receitas

O libro reúne receitas elaboradas por profesionais de distintos restaurantes integrados en Coruña Cociña, acompañadas de pequenas historias ilustradas que poñen en valor o produto local, os mercados, os oficios vinculados á hostalaría e a propia esencia da cidade. Os cociñeiros participantes son Enrique Vázquez Lameiro de Terreo con ‘Merluza ao vapor, salsa verde de codium e berberechos’; Javier Freijeiro de Pracer con ‘Guiso de fabas e luras’;  Víctor Basante Rodríguez de Arrueiro con ‘Raia en caldeirada’; Pablo Gallego de Pablo Gallego Restaurante con ‘Cocochas’; Antonio Amenedo do Pazo de Santa Cruz de Mondoi con ‘Empanada de pato’ e ‘Fua, neno!! Que son da Coru’; José Mago con ‘Usuzukuri de vieira á galega’; Moncho Méndez de Millo Orzán con ‘Mexillóns en escabeche de limón agridoce’; Chisco Jiménez de Culuca con ‘Callos Culuca’; e Fabián Mouzo Romero de O Camiño Fala con ‘Canelón de rabo de tenreira estufado’.

Os exemplares de Sabor Coruño estarán dispoñibles de forma gratuíta nos restaurantes participantes de Coruña Cociña, co obxectivo de que veciñanza e visitantes poidan levar consigo esta mirada diferente á gastronomía da cidade. O recetario tamén pode consultarse en formato dixital na web www.corunacocina.es.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.