Da memoria de Sargadelos ao mito de Eurídice: así será a nova temporada do Centro Dramático Galego

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presentou no Salón Teatro de Santiago de Compostela a temporada 2026-2027 do Centro Dramático Galego, que se desenvolverá baixo o lema Tempo de teatro, cun programa que suma 14 novos espectáculos entre producións e coproducións, ademais da reposición de tres montaxes do repertorio da compañía pública.
Nun acto que reuniu os equipos responsables dos proxectos e profesionais do sector, o titular de Cultura do Executivo galego referiuse á compañía de teatro institucional da Xunta de Galicia como “un espazo dinámico, compartido e aberto tanto para a profesión escénica como para toda a sociedade” e defendeu o resultado de público acadado na pasada temporada, cifrado en máis de 51.000 espectadores, “o que supón un dos niveis máis altos de asistencia nos máis de 40 anos de vida do Centro”, expresou.
López Campos subliñou tamén o traballo e o compromiso que se leva a cabo por achegarlle ao público “a mellor programación que está acadando unha gran proxección máis alá das nosas fronteiras, servindo de escaparate da mellor ‘Galicia Calidade’ nas portas do próximo Xacobeo 2027” e destacou especialmente o labor de difusión da lingua galega como piar esencial, así como o avance “cara a un teatro sen barreiras físicas, cognitivas nin territoriais”.
No acto, que contou coa presenza do secretario xeral da Lingua, Valentín González, do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, e as directoras de escena Ana Fontenla, Celina Fernández Ponte e Ánxeles Cuña Boveda debullaron o novo período de actividade, que se desenvolverá a partir de setembro e ata xullo do ano que vén e implicará máis de 80 actores e actrices e arredor de 100 profesionais dos diferentes equipos de creación. A previsión é superar as 120 funcións no Salón Teatro e promover máis de 150 representacións en xira, dentro dunha acción territorial que chegará a 150 concellos e contará con 60 rutas de autobús para facilitar o acceso do público á sede do Centro Dramático Galego na capital de Galicia.
Producións arredor de Sargadelos, Eurídice e Chejov
O 19 de febreiro será a estrea no Salón Teatro Isto tamén é Sargadelos, con texto de Ana Fontenla e dirección e dramaturxia compartidas pola propia autora e Celina Fernández Ponte. A montaxe converte un dos grandes símbolos da historia industrial e cultural de Galicia nunha reflexión escénica sobre a arte, o traballo, a identidade e a memoria. A peza parte do proxecto construído arredor de figuras como Isaac Díaz Pardo, Luis Seoane e Mimína, ao tempo que sitúa no centro as traballadoras que sosteñen no presente este legado. Permanecerá en cartel ata o 21 de marzo.
A segunda produción propia será Eurídice, da dramaturga estadounidense Sarah Ruhl, dirixida e adaptada por Ánxeles Cuña Bóveda e traducida ao galego por Clara Dacosta Seijo. A obra estrearase o 9 de abril e ofrecerá funcións ata o 23 de maio. A proposta revisita o mito de Orfeo e Eurídice desde a perspectiva da protagonista feminina, cunha linguaxe poética que aborda cuestións como a identidade, a memoria, o amor, a perda e o sentido da linguaxe.
Ás anteriores propostas sumase A gaivota, ensaio aberto, produción compartida con Crémilo, Colectivo 84 e estruturas da Arxentina (Teatro San Martín) e Uruguai (Teatro del Galpón), entre outras entidades, para compoñer unha proposta a partir da mítica obra de Antón Chejov que xa iniciou ensaios con dirección de Santiago Cortegoso e Neto Portela.
Nova liña ‘Pretextos’
Entre as novidades do programa destaca Pretextos, unha liña destinada a acompañar os procesos iniciais da dramaturxia galega contemporánea, tanto textual como non textual. O programa ofrecerá un espazo para investigar, escribir e experimentar antes de que os proxectos adopten a forma dunha produción completa. Na súa primeira edición traballarase arredor de cinco propostas: Vila, de Marcos Carballido PTT; As fillas das silveiras, de Bengala Teatro Físico; A última dilixencia travesti, de Marinita e as súas Maromas; Odiseo en Ikea, de José Carlos Illanes, e Contraarquivo: tras os pasos de Ruth Matilda Anderson, de Mariña Lestón. Esta iniciativa súmase á Bolsa de Dramaturxia e Creación, ás publicacións da colección O papel do teatro, ao CDGLab, ás residencias e aos certames cos que o Centro Dramático Galego impulsa novas autorías e facilita a súa incorporación ao sector profesional.
A temporada continuará, ademais, coas políticas de accesibilidade, mediación e sustentabilidade da compañía pública. Manteranse o Sistema SINTE, as funcións descontraídas, as visitas teatralizadas e os programas educativos, xunto coa reutilización e o préstamo de materiais escénicos e a incorporación progresiva de tecnoloxía LED.
Unha ducia de proxectos en coprodución
A temporada complétase con 12 espectáculos realizados en colaboración con compañías e entidades galegas, estatais e internacionais. Entre eles figuran No Kings, vol. I: Molestia, a partir de textos de Shakespeare; Less Dragqueens and More ChuNorris!, de Afonso Becerra; Dolce far niente, de Lucía Satta e Desattada, e A culpa, adaptación da novela de María Solar realizada por Xoán Carlos Mejuto.
O programa inclúe tamén novas lecturas de textos clásicos, ademais de A gaivota, ensaio aberto, Auto da barca do inferno, de Gil Vicente e con dirección de Marta Pazos; As catro estacións, sobre os contos de Miguel Torga, e Aquí non paga ninguén, de Dario Fo. E Súmanse E se o meu coração parar, de Patrícia Moreira; Sacra, de Vanesa Sotelo; o proxecto gañador de Xuventude Crea Teatro Pro 2026 e a montaxe resultante do V Certame Manuel María de Proxectos Teatrais. No marco do Xacobeo 2027, Xelmírez, coproducida coa Companhia de Teatro de Braga, abordará o chamado Pío Latrocinio e as diferentes interpretacións da figura do arcebispo compostelán.
A internacionalización a través das redes do proxecto Phone e da Unión de Teatros Europeos (UTE), e a relación destacada entre Galicia e Portugal mantense como unha das liñas estratéxicas da compañía. Oito títulos da temporada contan coa participación de teatros, compañías ou entidades portuguesas, incorporando novos socios e consolidando colaboracións anteriores.
Tres espectáculos de volta aos escenarios
O Centro Dramático Galego recuperará de xeito coordinado tres montaxes que acadaron unha especial conexión co público. A serie clopen, de Clara Gayo e Pablo Reboleiro, regresará ao Salón Teatro do 10 ao 20 de setembro, mentres que Hamlet, dirixida por Tito Asorey, volverá do 15 ao 24 de xaneiro. As localidades para ambas xa están á venda. A elas sumarase Memorias dun neno labrego, versión teatral de Cándido Pazó sobre o clásico de Xosé Neira Vilas, que contará con novas funcións no Salón Teatro e cunha xira por diferentes localidades. A súa recuperación adquire unha especial relevancia ante a celebración en 2027 do Día das Letras Galegas dedicado ao autor de Gres.
Estas reposicións responden á demanda do público e permiten ampliar o retorno social e económico do investimento realizado en cada produción, favorecer novas contratacións e prolongar a circulación territorial das obras.
