CompostelaCulturaNovas

Mercedes Peón, Grande Amore e Os Carunchos encabezan o cartel do Festigal 2026

Festigal volve un ano máis ao Campus Vida de Santiago de Compostela para celebrar a súa cita anual os días 24 e 25 de xullo, cunha programación que combina artistas consagrados, bandas emerxentes, feira do libro, artesanía, debates e actividades para todos os públicos, e sempre co galego como eixe vertebrador. A deputada de lingua, Sol Agra, participu na presentación, xunto a Lucía Veciño, coordinadora xeral do festival e secretaria da Fundación Galiza Sempre e Artai Gavilanes, secretario xeral de Galiza Nova.

Agra sinalou que é “un orgullo” apoiar económicamente “ás entidades que desde a sociedade civil organizada, sosteñen festivais que enchen de música e cultura galega cada lugar da nosa provincia”. Sobre o lema do Festigal,”Poder Popular”, afirmou que representa “a forza colectiva do pobo galego na reivindicación do Festigal como un espazo de encontro interxeracional”.

Ademais, a deputada agradeceulle á Fundación Galiza Sempre e á organización xuvenil Galiza Nova, “o seu tremendo esforzo para que cada ano podamos desfrutar desta romaría colectiva e reivindicativa da identidade nacional que supón o Festigal para todas as galegas e galegos”.

Programación

A programación musical arrincará o día 24 ás 21:45 horas coa actuación de Fuego Lolita, banda emerxente de Compostela e gañadora do certame Novos Valores desta edición. Seguirán Nadie González, Mercedes Peón e Grande Amore, que repite como artista xa “familiar” do festival. O día 25, a xornada comezará coas Kuartetas na carballeira, para continuar con Os Carunchos, Orquestra Bravú Xangai e pechar a noite con Maruxa e Coralia Dilleis.

Máis alá da música, o Festigal contará coa Feira do Libro cunha ducia de editoriais e librarías, un Espazo de Mercado con medio cento de profesionais da artesanía, a Galería das Letras e das Ideas para debates e presentacións, e o Festigal Miúdo, un dos espazos máis demandados polo público infantil, cuxa programación completa se fará pública o vindeiro venres. Como novidade, haberá unha mesa de sinatura e un obradoiro de castells dirixido pola asociación Castells de Santiago.

O festival contará ademais cun dispositivo sanitario coordinado co 061 e Protección Civil, un punto lilá e un protocolo de actuación contra agresións que foi pioneiro no país hai 12 anos. A entrada é de balde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.