A Coruña encadea grandes citas musicais e de cultura atlántica de xuño a xullo: Mar de Mares, Noites do Porto, Coruña Sounds…
A Coruña afronta as próximas semanas cun calendario cheo de grandes citas musicais e de cultura atlántica. O XIII Festival Mar de Mares, o festival Noites do Porto e o ciclo Coruña Sounds converterán a cidade nun escenario de referencia entre xuño e xullo, cunha programación que mestura concertos, cultura mariñeira e actuacións de artistas nacionais e internacionais como Alejandro Sanz.
XIII Festival Mar de Mares
A concelleira de Medio Ambiente da Coruña, Yoya Neira, presentou o programa do XIII Festival Mar de Mares, organizado pola asociación Redes de Sal co respaldo do Concello e cuxo lema deste ano é “Cultura que nace do océano”.
Do 4 ao 18 de xullo, as persoas asistentes ao festival poderán gozar de máis de 20 actividades gratuítas entre as que destacan unha exposición fotográfica de Xurxo Lobato, un encontro coas autoras Nerea Pallarés e Cynthia Menéndez e o escritor e xornalista Arturo Lezcano, alén de actividades xa consolidadas como a limpeza de fondos mariños, apadrinada este ano polo campión nacional e europeo de paddle surf Guille Carracedo, e o Mercado Mar de Mares, que este ano volve ao emprazamento do Parrote os días 6 e 7 de xuño. Toda a programación pode atoparse en festivalmardemares.org

Noites do Porto
Noites do Porto, o festival que máis se mergulla na cidade da Coruña a través da diversidade de estilos musicais e as súas ramificacións locais, celebrará a súa sexta edición do 22 de xuño ao 5 de xullo. A banda británica The Horrors é a último cabeza de cartel que se dá a coñecer nunha programación que tamén contará coa incorporación de artistas premiados cos premios Grammy, como o arxentino COTI e os colombianos Monsieur Periné; aos que se suman a andaluces Vera Fauna, o neozelandés Myele Manzanza e as formacións galegas Apolo18, Gitano de Palo e Sudden Ray of Hope.
Ademais, o peirao de Batería acollerá unha das noites máis especiais do ano na Coruña e epicentro da celebración de Noites do Porto, marcada por unha xornada de música con selo 100% galego: a Noite de San Xoán. Xoel López regresará á súa cidade natal para presentar o seu 17º disco de estudo, Oniria Popular, alén de repasar os seus grandes éxitos. Compartindo o protagonismo desta noite tan significativa, o dúo Caamaño&Ameixeiras achegará o seu particular e contemporánea visión da música de raíz, reafirmando o compromiso do festival co seu territorio.
Por outro lado, Noites do Porto consolida nesta edición actividades paralelas como a cápsula Noites nos Bares, que contará con selectores de ámbito nacional (Lotta DJ, Belle de Jour, Javier AD, DJ Polar aka Luis Elefant) e de ámbito internacional (Rhys Webb, Alex Amorós e Levanna and Schaefer McLean, do prestixioso Bristol Northern Soul Club). As sesións, que por primeira vez serán temáticas, volverán celebrarse en diferentes espazos da cidade coa intención de mergullarse completamente nela: Rosmon Burger, Os Tigres Rabiosos, Bristol Bar, Ummagumma, Calvario Vintage e Don Giorgio serán as sedes desta cápsula.
Tamén, por segundo ano consecutivo, Noites coa Arte ofrecerá a reinterpretación dos carteis de cada xornada de Noites do Porto da man dalgúns dos principais artistas plásticos locais: Alejandro Mosquera, Elena Corredoira, Fernando Voyeur, Giovanna Lopalco (Pelo Di Cane), Juan Balay, Julia Abalde, Lara Pintos, Manuel Suárez, Nin9 st., Taccone e Guillermo Arias (Hangtheguille). As obras formarán parte dunha exposición que albergará o Bar B e, durante a inauguración, ademais presentarase un libro conmemorativo de Noites do Porto.
Toda a programación en noitesdoporto.com

Coruña Sounds
Outra cita musical importante para as vindeiras semanas enmárcase no ciclo Coruña Sounds. Trátase do concerto que ofrecerá Alejandro Sanz o vindeiro 18 de xullo no peirao de Batería tras arrasar en Latinoamérica coa súa xira ‘¿Y ahora qué?’.
Sanz saltou á fama en 1991 co seu disco ‘Viviendo deprisa’, aínda que foi no 1997 cando se lanzou á fama co álbum ‘Más’, considerado o disco máis vendido da historia de España. Ademais de colaborar con artistas como Alicia Keys, Tony Bennet, Alejandro Fernández ou Shakira, posúe 24 Latin Grammy e 4 estadounidenses.
Descubre máis en corunasounds.es

