CompostelaCulturaGaliciaNovas

20 anos de Clubtura: “As salas somos os lugares onde nacen as bandas, experimentan, medran e poden crear comunidade arredor da súa música”

Fai vinte anos, un grupo de salas de concertos galegas decidiu dar un paso adiante. Nun contexto no que os espazos de música ao vivo carecían de interlocución institucional, afrontaban problemáticas comúns en solitario e vían como o sector avanzaba sen estruturas fortes de representación, naceu Clubtura, a Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo.

Dúas décadas despois, a entidade celebra o seu 20 aniversario convertida nunha das principais voces da música en directo en Galicia, representando a decenas de salas repartidas por todo o territorio e reivindicando o papel esencial destes espazos como motor cultural, artístico, económico e social.

A conmemoración tivo lugar este martes na Sala Capitol de Santiago de Compostela, coincidindo coa celebración da Asemblea Xeral da entidade, nun encontro no que Clubtura aproveitou para facer balance destes vinte anos de traxectoria, analizar a situación actual do sector e reivindicar a necesidade de fortalecer o ecosistema musical de base en Galicia.

Unirse para sobrevivir, profesionalizarse e ser escoitadas

Clubtura naceu da necesidade de unión. As salas galegas compartían unha mesma realidade: dificultades administrativas, escasa consideración institucional, ausencia de políticas específicas para os espazos de pequeno e mediano formato e unha crecente sensación de vulnerabilidade fronte aos cambios do sector musical.

A asociación constituíuse coa vontade de profesionalizar o ámbito das salas de concertos, crear redes de colaboración, compartir coñecementos e converterse nunha interlocutora sólida fronte ás administracións públicas. O obxectivo era claro: facer visible que as salas non eran simplemente locais de ocio, senón espazos culturais estables, xeradores de emprego, comunidade e creación artística.

Durante estas dúas décadas, Clubtura participou activamente en procesos de diálogo institucional, promoveu proxectos culturais de ámbito galego, impulsou circuítos de concertos, colaborou con redes estatais e europeas e contribuíu a consolidar unha identidade propia para as salas de música ao vivo galegas.

Ao longo destes anos, as salas convertéronse nun elemento esencial para o desenvolvemento artístico de centos de bandas e artistas, funcionando como primeiro escenario para proxectos emerxentes e como espazos de proximidade nos que a música se vive dunha maneira directa, diversa e continuada.

Un sector esencial que reclama igualdade de condicións

Na actualidade, Clubtura está integrada por 36 salas de concertos distribuídas por toda Galicia, configurando unha rede estable que garante programación musical ao longo de todo o ano e en múltiples puntos do territorio.

A asociación subliña que as salas de música ao vivo sosteñen unha parte fundamental do tecido cultural galego, especialmente no ámbito da creación emerxente e da música de proximidade, mais denuncian tamén unha situación de desequilibrio respecto doutros formatos musicais.

Desde Clubtura reivindican que as salas continúan asumindo boa parte do risco cultural e económico da programación musical durante todo o ano, mentres observan como os grandes festivais contan cun apoio público moi superior.

A entidade insiste en que non se trata de confrontar modelos, senón de equilibrar o ecosistema musical. As salas consideran necesario que as políticas culturais entendan a música en directo como unha cadea completa, na que os festivais e os grandes eventos conviven cun tecido de base imprescindible para que existan artistas, públicos e escenas culturais vivas.

“As salas somos os lugares onde nacen as bandas, onde experimentan, onde medran e onde poden crear comunidade arredor da súa música”, defenden desde a asociación. “Sen ese primeiro chan, sen eses espazos pequenos e medianos repartidos por todo o territorio, o ecosistema musical perde diversidade, continuidade e futuro”.

Clubtura lembra ademais que as salas ofrecen algo que dificilmente poden substituír os grandes eventos puntuais: acceso continuado á cultura durante todo o ano, programación estable máis alá das grandes cidades e un contacto directo entre artistas e público.

Neste sentido, a entidade alerta do risco de construír un modelo excesivamente dependente dos macroeventos e reclama políticas culturais que reforcen os espazos de proximidade e o tecido musical permanente.

Unha rede cultural presente en todo o territorio

As salas integradas actualmente en Clubtura conforman unha rede diversa que abrangue cidades e vilas de toda Galicia, garantindo a descentralización da música en directo e permitindo que existan escenarios activos máis alá dos grandes núcleos urbanos. Dende salas con máis de 40 anos de traxectoria ás súas costas ata proxectos de nova creación -a entidade pide aos novos socios 2 anos de traballo continuado e un mínimo de 35 concertos anuais programados-.

A maiores, Clubtura continúa impulsando proxectos colaborativos como o ciclo Clube Estrella Galicia, que reúne salas e bandas galegas nunha programación estable ao longo do ano e que exemplifica a capacidade do sector para crear redes de cooperación cultural.

Na edición de 2026 participan espazos de localidades como Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña, Lugo, Viveiro, Betanzos, Bueu, Cambados, Melide, Ourense ou Vilar de Santos, configurando un mapa musical plural que aposta tanto por artistas emerxentes como por propostas consolidadas.

Mirar cara ao futuro: fortalecer o ecosistema musical galego

Coincidindo coa celebración deste 20 aniversario, Clubtura quere tamén abrir unha reflexión sobre o futuro da música ao vivo en Galicia.

A asociación considera imprescindible apostar por un ecosistema cultural de base sólido e sostible que permita crear as condicións necesarias para que as bandas poidan nacer, profesionalizarse e medrar dentro do propio territorio.

As salas reivindican que a música ao vivo non pode entenderse unicamente desde os grandes eventos puntuais, senón como unha estrutura cultural permanente que require espazos activos, programación continuada e apoio estable.

Neste sentido, Clubtura defende a necesidade de impulsar políticas públicas que reforcen os circuítos de pequeno e mediano formato, favorezan a circulación de artistas galegos, descentralicen a oferta cultural e garantan o acceso á música en directo en toda Galicia e durante todo o ano.

Vinte anos despois da súa fundación, Clubtura reivindica así o valor das salas de concertos como espazos de creación, liberdade artística, encontro e comunidade.

Porque antes dos grandes escenarios, das grandes cifras e dos grandes festivais, sempre hai unha sala pequena onde unha banda sobe por primeira vez a un escenario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.