En Vilo: “Gústanos ser o Tiny Desk galego, pero queremos chegar máis lonxe”
Por Javier Pereira Gasamáns

En Vilo busca deixar un legado musical sobre a música feita na cidade da Coruña, en Galicia e mesmo no resto do mundo. Un proxecto que nace dun grupo de amigos dispostos a construír un museo dixital gravando en directo para logo compartir na rede as diferentes propostas musicais que se lles poñen a tiro. Hai pouco estrearon a súa terceira tempada e lanzaron unha campaña de crowdfunding para seguir medrando. Para contarnos máis sobre esta historia con case cen capítulos temos a un dos seus fundadores, Pedro Silva.
Como escolledes as propostas que ides gravar? Por que evitades proxectos case a estrear?
Non temos ningún tipo de filtro en canto ao estilo. Temos as portas abertas a calquera proposta. Cremos que traballar con proxectos que aínda non están moi traballados non é bo para ningunha das dúas partes. Cando unha banda, un solista ou un proxecto comeza, a tendencia é a ir soando mellor co tempo, e que os temas estean máis rematados. É mellor agardar que o proxecto estea máis asentado e que teña unha calidade da que tanto os artistas como En Vilo poidamos sentirmos orgullosos.
Quen busca a quen, vós ás bandas ou viceversa?
Habitualmente son as bandas as que se poñen en contacto connosco, e iso sucedeu así case dende que arrincou En Vilo. Despois de publicar a primeira sesión, xa nos estaba escribindo unha morea de xente; de feito temos unha lista de decenas de artistas. O que si é certo é que esta tempada estamos facendo unha busca de proxectos liderados por mulleres. Segundo avance a tempada verase máis presenza feminina. O 90% de propostas que nos chegan son proxectos masculinos, por iso decidimos contactar nós con mulleres artistas; que as hai, hai moitísimas.
Que propostas dan máis traballo?
Hai sesións que custan un pouco sacar adiante porque son artistas con certo nome. Xente que ten que modificar a súa axenda para facerlle oco á gravación, o cal lles supón uns custos. Pero esta tempada teredes a oportunidade de ver bandas profesionais cunha traxectoria a nivel nacional.
En Vilo pensouse como un espazo só para bandas locais ou había un radio de acción maior?
En Vilo creouse pensando que as bandas da Coruña, Coruña cidade e Coruña provincia ían ter un peso enorme. Do mesmo xeito sabiamos que iamos contar con proxectos de toda Galicia, ou mesmo de sitios moi preto de Galicia. E ao final van pasando cousas e, por exemplo, tivemos un xaponés que estaba de xira por España; ou unha banda de Suíza que estaba por Madrid ou Valencia, non o lembro ben, e fixo a viaxe ata aquí só para participar en En Vilo. Tamén moitas bandas de Barcelona, Madrid e do resto de España que fixeron a viaxe só para gravar. Agora mesmo o 60-70% son bandas galegas.
Como cambiou En Vilo en dous anos?
Moitas cousas cambiaron. O primeiro, o equipo. Comezamos oito persoas, pero por cousas da vida, quedamos cinco como núcleo forte. A nivel técnico comezamos traballando un pouco de xeito precario, pero fomos gastando en material, moitos micrófonos, ordenadores, porque mellorar na parte técnica é moi importante. As nosas expectativas van por aí, en conseguir cartos para investir en En Vilo. Ningún do equipo ten a intención de vivir disto. Queremos que En Vilo sexa un proxecto sostible por si mesmo, que poida ir mellorando pouco a pouco. Esta tempada conseguimos mellorar a escenografía con cousas como unha máquina de fume. Cousas que poden darlle outra dimensión a En Vilo e que o diferencie doutras propostas. Facer as cousas mellor e que o artista marche aínda máis contento do que o fai agora mesmo.
Cara onde queredes crecer?
Queremos manter a identidade de Tiny Desk galego, como moita xente nos chama, e que nos encanta, pero gustaríanos dar o salto ao nivel nacional. Ser unha parada de referencia para os artistas que visitan a cidade, tanto artistas do underground como de xente que xoga noutras ligas, que aporten a este museo musical e que dentro de vinte anos a xente poida dicir “hostia, esta banda estivo na Coruña”. E co tempo, quen sabe, ter nivel internacional.
Por que lanzar un crowdfunding? Como foi? Que outras vías de investimento pode haber?
O crowdfunding non só é para as melloras técnicas, tamén nos gustaría poder cubrir certos gastos dos artistas que nos visitan. Agora mesmo, creo que por falta de experiencia en campañas de crowdfunding, non soubemos facer unha boa comunicación e non puidemos meterlle todo o tempo que require, así que non conseguimos todas as doazóns que buscabamos. Sendo un pouco inocentes, ao principio miramos de ter algún patrocinio dalgunha marca, pero seguimos buscando empresas ou marcas que compartan os nosos valores.




