Caramuxo Teatro: “Poder ir a un teatro á italiana como o Rosalía de Castro debe ser parte dos dereitos da infancia”
Por Sandra Rego

Laura Sarasola é actriz e creadora da compañía teatral infantil Caramuxo Teatro xunto a Juan Rodríguez, quen tamén é dono da librería Galgo Azul da Coruña. Nesta entrevista, Laura cóntanos como é traballar coa primeira infancia e os desafíos aos que se enfrontan. O 27 de decembro terán o privilexio de levar o espectáculo Crisálida, unha das súas obras máis recoñecidas e premio María Casares en 2024, ao teatro Rosalía, pechando o Ciclo Principal de Outono 2025.
Como definirías o voso xeito de facer este teatro, sobre todo enfocado á primeira infancia?
Dende que se construíu Caramuxo Teatro, sempre o vinculamos moito a educación, pero non dende un sentido didáctico. Tanto o meu socio Juan, coma min, temos formación de técnico en educación infantil e eu son mestre de Primaria. Entón, sen querelo, unimos esas dúas cousas pero de forma moi natural. Tratamos temas que nos interesan e buscamos unha linguaxe que chegue a tódolos públicos.
Como é o proceso de creación neste ámbito? Diferénciase algo con outras interpretacións dirixidas a xente adulta?
En canto ao traballo creo que non é moi diferente. Nós temos unha liña de creación de espectáculos para nenas e nenos moi pequenos, de primeira infancia, e incluso hai un espectáculo a partir de seis meses. Hai que ter unhas ferramentas moi claras, porque o impacto que podes provocar nunha crianza tan pequena é poderoso, entón hai que ter coidado.
Deunos experiencia levar dando clase moitos anos a nenos e nenas. Facilitounos unha cantidade de información e de formas de actuar con eles que serviu para saber como chegarlles co que imos contar. Isto foi a base do traballo noso despois.
Tamén a formación de Juan aporta máis á parte de manipulación de monicreques e obxectos, mentres que a miña aportación vén do teatro físico e a danza. Entón, ao final, mestúrase unha linguaxe propia que é o máis difícil de lograr.
Agora estades coa obra de Crisálida, que é coa que pechades o ciclo de Rosalía de Castro.
Si, pechamos o ciclo. Este espectáculo foi estreado en 2023 e gañou o Premio María Casares ao mellor espectáculo infantil. Actuar no Rosalía é algo moi importante para nós, porque as funcións escolares e familiares, lévanse habitualmente ao Foro (Metropolitano) ou ao Centro Ágora.
Pero neses espazos os rapaces non van ter esta platea, non van ter este patio de butacas, este pano ou estas pinturas. Quero dicir que o espazo forma parte da cultura tamén e ir a un teatro á italiana como o Rosalía de Castro debe formar parte do dereito da infancia.
O concepto do espectáculo Crisálida basease na historia da mercería, non?
Si, a idea xurdiu da experiencia vital de ir á tenda cando a tiñan os irmáns en San Andrés. Antes de Ramón – Santos, o actual propietario-, os donos eran unha familia que chegou de Lugo e que se instalou aquí.
A familia tiña tres fillos e ao final quedaron os dous irmás que, practicamente, se criaron na mercería. Juan mais eu convivimos con estes irmáns e vimos de nenos como ían a ese cuarto de atrás infinito, collían caixas e tardaban cinco horas en buscar un lazo.
Era unha escena súper teatral entrar nesta mercería. Agora non é o mesmo local orixinal, senón que era outro que estaba uns metros máis preto do Concello.
Despois, como xa levabamos experiencia de traballo de máscaras se nos xuntou a idea de contar a historia da mercería a través da máscara integral. Fomos recompilando anécdotas persoais de como eran os señores. Incluso creo que os últimos anos falabamos con eles ou foramos á tenda xa de maiores. Simplemente para mirar e observar.
Cando colleu o traspaso Ramón fomos falar con el tamén e, de feito, deixounos materiais que saen no espectáculo.
Nun momento no que as pantallas ocupan bastante espazo, como cambian as mensaxes que transmitides para que cheguen á cativada? Notades que perden concentración cando están no teatro?
É unha cousa curiosa porque, a semana pasada, estivemos facendo funcións escolares no Pazo de Cultura de Narón e viñeron últimos cursos de Primaria e instituto. Hai un momento do espectáculo que reivindicamos o comercio tradicional e aparece unha caixa dunha marca de comercio electrónico que todo o público recoñece que marca e empresa é.
É un momento no que senten máis empatía e conexión co espectáculo. Tamén, ás veces, notamos que hai algunha linguaxe non verbal que lles custa un pouco recoñecer que, en cambio, a xente da nosa xeración non ten ningún problema de entender.
Os espectáculos que nós facemos duran 45 ou 50 minutos, que non é unha duración moi longa, e, en xeral, a resposta é moi positiva. Ademais, se facemos coloquio posterior á obra e teñen algunha dúbida, pódese comentar.
Como actriz e creadora, que papel consideras que teñen as mulleres no teatro e que cousas quedan por conquistar?
Partindo do teatro en Galicia creo que agora estamos nun bo momento porque hai moitas mulleres creadoras. Lembro cando empezamos a traballar Juan e máis eu, cando descargabamos no teatro axudábanme, pero non me daban un contrato para firmar. Iso asinábao Juan porque era home.
Creo que iso foi cambiando moito e que en Galicia hai mulleres que están traballando agora a un nivel marabilloso, pero que, ao mellor, fai 20 anos era imposible porque só había directores.
Tamén hai moita política cultural que favorece a dirección feminina ou os elencos feitos por mulleres... Esta discriminación feminina que nos está favorecendo e que, mentres non exista a igualdade, paréceme unha boa medida.
Que novos proxectos hai no horizonte?
Acabamos de estrear un espectáculo que ten moito que ver co que está sucedendo agora coa vivenda. Chámase Os Senteito. Estreamos en xullo deste ano.
O espectáculo fala de xente que vive na rúa; é unha comedia de máscaras dirixida a toda a familia e nenos e nenas, pero tamén crea debate cando marchan para casa. Vai ser un espectáculo novo que andaremos xirando por aí, nun formato máis pequeno que Crisálida.
O 27 de decembro, mesmo día da función da Crisálida, terá lugar o Obradoiro de creación de mantas de botóns ás 12.00 h na Sala Xan López Eirís do teatro Rosalía de A Coruña, dirixido aos máis pequenos da casa.

