Chipiróns á prancha en A Chousa d’Abaixo

DATOS
Lugar:
Rúa Juan Díaz Porlier, 2 – A Coruña
Pratos:
‘Chipiróns á prancha’
Prezo:
7,50 € media ración / 15 € ración enteira
Valoración
********
Despois de case tres anos visitando A Coruña para coñecer a oferta gastronómica da cidade, era hora xa de que me deixase caer polo barrio de Matogrande.
Alí fun parar a un local rexentado por xente moza, moi amable e profesional. Nótase que tanto Mónica Rodríguez como Alejandro Blanco se esforzan moito por sacar adiante o seu negocio. Os dous tratáronme moi ben, pero quero agradecerllo especialmente a Alejandro, xa que a pesares de ter un día complicado de saúde, aí estivo ao pé do canón atendendo á clientela á vez que faciamos esta reportaxe. A hostalaría nunha será unha profesión fácil!
En A Chousa d’Abaixo ofrecen unha variada carta de cociña tradicional galega, entre eles uns ‘Chipiróns á prancha’ que, segundo nos comentou Mónica, é dos que máis gustan e piden no bar. “A clientela dinos que son moi tenros, están todos brandiños. O segredo está na forma na que os fai Lourdes, a nosa cociñeira, a lume moi forte cun pouco de aceite e cando está a tixola súper quente é cando os bota. Así quedan moi ben feitos e o sabor está moi bo. Ademais de que o produto en si está moi ben, buscamos sempre calidade”, asegura.
Como acompañamento escolleron patacas e unha salsa verde, que ademais de dar cor ao prato, aporta un toque diferente e divertido ao sabor.
As luriñas son deses manxares dos que podemos gozar en Galicia e que non se deberían perder nunca. Por iso é tan importante apoiar proxectos coma este, que aposta por produtos de proximidade e por continuar coa nosa cociña de sempre. Despois deste primeiro ano de andaina, agardo volver moitas outras veces a seguir gozando coa comida de A Chousa!
Mónica Rodríguez e Alejandro Blanco
“Facía falta algo como A Chousa d’Abaixo no barrio: cociña caseira, con bos produtos e prezos populares”
Por Rebeca Munín

Fai un ano que Mónica Rodríguez e Alejandro Blanco decidiron lanzarse á aventura de emprender un negocio de hostalaría. Escolleron un local no barrio de Matogrande no que abriron A Chousa d'Abaixo, especializada en cociña caseira galega. E tan boa está sendo a experiencia que xa están a pensar en poñer en marcha outra!
Que balance facedes do primeiro ano de A Chousa d’Abaixo?
Estamos moi contentos. Ao principio costounos, pero pouco a pouco logramos unha base de clientes importante. Estamos moi contentos co barrio! Pensabamos que viñamos a un lugar complicado, pero ao final estásenos facendo sinxelo. Gústanos moito vir a traballar porque a xente tivo moi boa aceptación con nós.
Por que escollestes esta zona de Matogrande?
Xurdiu a oportunidade de coller este local e non o pensamos moito porque nos parecía moi boa zona. Está o Coliseum ao lado e xusto o ano pasado empezou o Basquet Coruña na ACB e tiramos un pouco por aí. Aos dous nos gusta moito o baloncesto e pensamos en formar unha ‘peña’ do club, televisamos todos os partidos...
Temos ademais a parte da terraza, que é marabillosa. Agora no verán funcionou moi ben.
Ámbolos dous tiñades experiencia en hostalaría, pero este é o voso primeiro negocio propio...
Si, lanzámonos á aventura e funcionou! Estivemos un par de aniños traballando xuntos e convivindo e como nos levabamos moi ben tanto no traballo como na nosa relación persoal, non o pensamos moito. Asumimos o risco. Estivemos un tempo buscando locais, pero todos tiñan traspasos e uns prezos moi altos, ata que apareceu este e tirámonos á piscina! Porque para traballar para outros, mellor facelo para nós.
Que vos gusta desta profesión?
O trato co cliente. Traballar nunha oficina non é o mesmo que poder ver á xente todos os días e que teñas un trato diario, de barrio.
En que consiste a vosa oferta gastronómica?
Facemos cociña clásica galega. Temos orella, morro, raxo, ensalada de lagostinos... Os domingos triunfan moito os nosos callos. Temos que darlle ás grazas á nosa cociñeira, Lourdes Deus, porque nos axudou a subir bastante o nivel da nosa cociña.
Que pratos son os máis demandados?
Pois ademais dos que xa comentamos, os chipiróns á prancha e o bocadillo de luras, que empezamos a facer hai pouco e que están saíndo moitísimo!
En canto ás sobremesas, son todas caseiras. Temos unha torta de queixo que está moi boa, a da avoa, que está espectacular; filloas recheas, unha ‘torrija’ de brioche que é incrible...
Temos unha cociña pequena, pero que dá para moito. E con prezos populares, porque vimos que facía falta algo así no barrio: cociña caseira, con bo produto e prezo.
Superado xa o primeiro ano, en que estades pensado para o futuro?
En ampliar a carta, seguir mellorando o servizo e se puideramos abrir outra Chousa, sería xenial.