GaliciaGastronomíaPola gorxa

Mollar a palleta

Agora que estamos en plena temporada de vendima (non ‘vendimia’), imos falar de palabras galegas que teñen que ver co viño. Tamén expresións como a que encabeza este artigo, ‘Mollar a palleta’, que significa beber un grolo desta ou doutra bebida. Por certo, sabes o que é a palleta? Trátase dunha peza de metal ou cana que se coloca na embocadura de certos instrumentos de vento, como a gaita, e produce son ao vibrar.

Chamamos vendima tanto á operación de coller as uvas das videiras como á época do ano na que se realiza esta operación, e que adoita comezar entre finais de agosto e principios de setembro. As videiras ou vides son as plantas arbustivas que dan como froito as uvas. Tamén reciben o nome de cepas ou cepeiras. Cando a videira é nova chámase bacelo. O terreo onde se plantan as vides coñécese como viña ou viñedo. Mentres que cando o que hai na terra son bacelos, temos que dicir bacelar.

Os viñateiros e viñateiras son os que se dedican á produción e venda de viño. Poden facelo en adegas ou bodegas, xa que ambos termos están admitidos pola Real Academia Galega. E gardalos en barricas, que son uns barrís de tamaño medio. Por outro lado, aquelas persoas que estudan as técnicas de elaboración e de conservación do viño son os enólogos ou enólogas.

Rematamos este texto cunha expresión que significa ‘con claridade’ e que imos empregar nun exemplo: agardamos que explicaramos ben todos estes conceptos pan por pan e viño por viño.

onde probalo?

Se queres coñecer moito máis sobre este tema, podes visitar o Museo do Viño de Galicia, na casa reitoral de Santo André de Camporredondo en Ribadavia (Ourense). Este centro de titularidade autonómica ten como finalidade recuperar, documentar, conservar e difundir o patrimonio cultural vitivinícola galego. A súa exposición permanente está dedicada ao cultivo da vide e ao proceso produtivo do viño ao longo da nosa historia. Abre de xoves a domingo e a súa entrada é gratuíta.

Pero se o que che apetece é probar un dos boísimos viños que se elaboran na nosa terra, tanto en Compostela como na Coruña temos moitas tendas e locais de hostalaría especializados. Así, en A Viñoteca do Mercado, na Praza de Abastos de Santiago, apostan por visualizar proxectos vitivinícolas galegos, pequenos produtores, novas adegas e bodegas máis experimentadas onde a calidade e o mantemento da nosa cultura son uns dos seus principais obxectivos.

Tamén na cidade herculina atopamos tendas especializadas cunha ampla variedade de referencias galegas, como Vinos Arana, na rúa Galera, e Hostelería Selección, no polígono de Pocomaco.

Ademais, entre os locais de hostalaría onde poder acompañar as nosas comidas cuns bos viños galegos, recomendámosvos as Bodeguillas de San Lázaro e Santa Marta ou o restaurante San Jaime en Santiago; e a Vinoteca Jaleo, na Coruña

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.