fbpx
EntrevistasGalicia

Gena Baamonde: “En Neorretranca e Posmorriña hai un humor moi serio, que reparte por todas partes”

Por Rebeca Munín

Gena, nun dos ensaios de Neorretranca e Posmorriña. Foto: Iván Barreiro
Gena (de pé), nun dos ensaios de Neorretranca e Posmorriña. Foto: Iván Barreiro

Atopo a Gena Baamonde metida de cheo nos ensaios de ‘Neorretranca e posmorriña’, a nova produción propia do Centro Dramático Galego (CDG), dependente da Consellería de Cultura e Turismo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que se estreará o próximo 11 de abril no Salón Teatro. Un espectáculo no que, baixo a súa dirección, analízase a identidade galega desde dúas olladas diferentes: a de Esther F. Carrodeguas, autora de ‘Fantasía nº 5 en sol ou non’; e a de Roi Vidal Ponte, autor de ‘Boisaca ou a divina desgraza’.

Falamos deNeorretranca’ e de ‘posmorriña’… e iso que vén sendo? 😉

Eu creo que son os puntos en común que teñen os dous textos. Os dous teñen un sentido do humor que por veces vólvese moi negro, con moita ironía e, sobre todo, teñen moitísima moitísima retranca. O feito de elexir o concepto ‘neorretranca’ é tamén para usar a retranca ao poñer eses nomes. Como pseudointelectuais e burlarnos un pouquiño (Sorrí). Nun tema de tanto peso como é a identidade a min gústame restarlle un pouco de peso.

Por outra banda, o concepto de ‘posmorriña’ vén tamén como de ter unha morriña quizais de algo que nunca existiu, como de algo que nunca chegaches a coñecer; unha Galiza que nunca chegamos a coñecer.

Eu creo que nós sabemos mellor que ninguén o que significa a retranca. Non é á lixeira. Estoume rindo e… ollo do que me estou rindo! (Risos) É un proxecto moi irreverente. Os dous textos o que propoñen é como unha revisión de todos os tópicos que hai de Galicia. Cun humor moi serio que reparte por todas partes, asegúrocho! (Risos) E con bastante mala baba.

Como está sendo o traballo cos autores, Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal?

Moi ben porque dá a casualidade que eu xa coñecía de antes tanto a Esther como a Roi. Entón eles xa me din: “Esperamos calquera cousa” (Gargalladas). E iso é moi bo para min. Porque son xente de teatro e sabemos do que falamos no sentido de que respectar un texto é facelo en escena co traballo do equipo. É dar a nosa versión. É facer o noso traballo. É ensaiar. Non é respectar ata a última palabra. Quen o queira ler, poderá facelo que sairá íntegro, pero a escenificación é outra cousa. E nesta visión están completamente de acordo comigo tanto Esther como Roi.

Neste espectáculo é destacable o feito de que o elenco é íntegramente feminino. Ademais de que o equipo está tamén maioritariamente formado por mulleres…

Creo que é a primeira vez que pasa no CDG. Nas miñas concepcións sobre o teatro e os personaxes sempre me baseo en que se o público acepta que unha persoa porque saia aí vestida doutra maneira é unha raíña, por que non imos aceptar que sexa un home ou unha muller? A ficción é a ficción. Eu quería seis personaxes que foran mulleres e despois os outros catro dábame igual que foran homes ou mulleres. Pero o certo é que o casting fixéronno mellor catro mulleres.

É un xeito tamén de reivindicar á muller no teatro?

Si, hai moita xente que di que son modas. Pero se eu teño a fama – e que o son – de feminista, se non o fago eu, quen o vai facer! (Risos) Fágoo eu, claro que si! Ademais, fíxate que ninguén fai fincapé cando resulta que na maioría dos espectáculos son todo homes.

Levades xa uns días de ensaios. Que tal vai todo?

A verdade é que moi ben. Son todas moi fieras. Viñeron cunhas ganas total. Están a por todas. Entón está sendo moi bo traballo. E están conectando moi ben. Nos primeiros ensaios ás veces tardas en conectar, pero neste caso teñen todas moita sintonía.

Que é o que esperas deste espectáculo?

Eu son bastante tranquila coas expectativas. Nunca teño demasiadas. Construínme como ser do aquí e do agora. Se penso no futuro, cáeme unha lousa enriba e non podo. Agora no que penso é en que traballemos ben, contentas, en que saquemos o máximo rendimento.

Sempre me propoño que quen nos ve non saiba que actriz escoller, do ben que lles van parecer que están todas. Ese sempre é o meu reto.

E en canto á temática, creo que é un espectáculo máis incisivo do que a xente cría. Vai sorprender bastante.

Actrices de Neorretranca e Posmorriña. Foto: Iván Barreiro
Actrices de Neorretranca e Posmorriña. Foto: Iván Barreiro