Tradición e vangarda na segunda edición de ‘Músicas posíbeis’ que acollerá o Teatro Colón

O Teatro Colón acollerá en novembro a segunda edición de ‘Músicas posíbeis’, o ciclo co que o departamento de Cultura da Deputación da Coruña pretende ofrecer propostas á marxe dos grandes circuítos comerciais, pero con linguaxes e estilos diversos e da máxima calidade e interese cultural.
Aida Saco Beiroa, Trinity mais Hernani Faustino, FAIA, María Toro e o proxecto Terreiro Mestiço –no que a galega Uxía compartirá escenario con outros cinco músicos de Brasil e Portugal– serán protagonistas dun programa no que terán cabida o instrumental con raíces clásicas; a improvisación debedora do jazz, o ‘noise’ ou o metal; as músicas tradicionais galego-luso-brasileiras, o cruzamento do folclore galego co flamenco e ata o rock progresivo, e a experimentación sonora con cancións de transmisión oral.
Presentou a programación a deputada de Cultura, Natividade González, a quen acompañaron Faia, Mihai Tanasescu, en representación de Aida Saco, e Pablo Rega en representación de Trinity.
A deputada sinalou que “facer ciclos coma este é apostar por unha cultura viva, plural, que non se conforma cos grandes circuítos comerciais, senón que busca novas linguaxes e novos camiños para emocionar e para conectar co público. Músicas posíbeis é tamén unha mostra do talento inmenso que temos en Galicia e da capacidade de diálogo coa creación doutros países. Neste escenario, durante todo o mes de novembro, imos escoitar voces e sons que mesturan tradición e vangarda, raíces e experimentación, nunha conversa artística que atravesa fronteiras”.
Os concertos
“Urdimes”, de Aida Saco Beiroa (2 de novembro, ás 20 horas). A pianista de Rianxo estreará no Teatro Colón o seu espectáculo “Urdimes”, acompañada por Regina Laza (violín I), Mihai Tanasescu (violín II), Gigi Mazzucato (viola), Andrea Fernández (violonchelo) e Estefanía Gómez (danza). “Urdimes” –premiado con bolsas do Ministerio de Cultura, en 2022, e da Fundación La Caixa, en 2024– é unha homenaxe a figuras que artellaron a cultura galega, como Castelao, García Lorca ou Maruxa Mallo, e que desenvolveron un vínculo persoal e artístico coa cidade de Nova York. Así, a través das súas propias composicións, a improvisación e a colaboración interdisciplinar con outros artistas, Aida establece unha conexión coa súa obra e vivencias nun espectáculo onde a música de piano e a evocación son protagonistas.
Trinity + Hernani Faustino (15 de novembro, ás 20 horas). Trinity –o trío de música improvisada formado polo saxofonista Luis Erades, o guitarrista Pablo Rega e o batería Fernando Lamas– contará no Colón coa colaboración do contrabaixista portugués Hernani Faustino para ofrecer unha proposta que se move polo campo da libre creación e que busca un espazo de diálogo sen límites estilísticos e unha fiestra aberta á exploración da composición instantánea.
Terreiro Mestiço (16 de novembro, 20 horas). A galega Uxía (voz e pandeireta); os brasileiros António Nóbrega (voz, violín e guitarra), Ceumar (voz, guitarra e zabomba); e os portugueses Luís Pedro Madeira (guitarra, piano e corda), Manuel Rocha (violín e mandolina) e Quiné Teles (percusión) forman Terreiro Mestiço. Trátase dunha experiencia de intercambio entre músicos e músicas con longas carreiras na recolleita e interpretación dos cancioneiros tradicionais dos seus países. O repertorio que ofrecerán no Colón inclúe pezas icónicas dos seis músicos, nun concerto cunha dimensión festiva para celebrar a creación artística, a diversidade e o diálogo intercultural entre Galicia, Brasil e Portugal.
“Mestura”, de María Toro (22 de novembro, 20 horas). “Mestura” marca unha nova etapa na carreira de María Toro. A busca e experimentación que caracterizou a súa traxectoria transfórmanse agora nunha conversa de igual a igual entre o jazz, o flamenco, a música clásica, a música popular brasileira, o rock progresivo e o folclore galego, todo baixo a produción de Diego Galaz. Toro (voz, frauta, pandeireta, composicións e dirección) chega ao Colón na compaña de Toño Miguel (contrabaixo), David Sancho (piano e teclados) e Fran Gayo (batería), para ofrecer un espectáculo que terá como convidados a Xosé Lois Romero (percusión tradicional), Lilaina (voz, pandeiretas e percusión tradicional) e Antía Caaveiro (gaita, pandeireta e voz).
“Alvela”, de FAIA (29 de novembro, 20 horas). “Alvela” é o nome que lle dá título ao novo disco e espectáculo de FAIA, unha proposta íntima cunha forte carga emocional onde o repertorio tradicional dialoga coa experimentación sonora. Nanas, romances e outras cantigas de transmisión oral traspasadas pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e a violencia sistémica que se exerce sobre el. No directo, as sonoridades do disco, marcadas pola presencia fundamental de instrumentos de corda e rexistros sonoros, lévanse a un formato totalmente acústico. A voz de Faia Díaz estará acompañada dunha sección de cordas formada para a ocasión: a arpa da bretoa Bleuenn Le Friec e o cuarteto Suelen Estar Quartet (Elena Vázquez, violín; María José Pámpano, violín e viola; Macarena Montesinos, violonchelo, e Saúl Puga, contrabaixo). Tamén compartirán escenario outros nomes relevantes no proxecto: a artista plástica Blanca Gracia –que porá imaxes á espectáculo– Antía Ameixeiras (violín) e Inés Salvado e Paula Romero, compañeiras de Faia no grupo De Vacas.
As entradas, de balde, xa se poden reservar na web de Ataquilla.
