Tinalla 2022 ı Javier Estévez Abeledo
Volver ao pequeno para ser grandes
Aló, Pincheirxs! Tras un tempiño de descanso, deixamos repousar os mostos tras a vendima e volvemos renovados neste outono, que é tempo de lareiras, castañas e, por suposto, viño!
Regresamos ao Ribeiro, para reivindicar unha vez máis a figura do Colleiteiro. Se existe algunha Denominación de Orixe que destaque por recoñecer esa figura, esa é, sen dúbida, a D.O. Ribeiro, a máis antiga de Galiza e a única que regula a actividade dos chamados colleiteiros e colleiteiras, aínda que non se defende o suficiente por parte do seu Consello Regulador.
Mais para iso estamos nós! Para falar deles e darlle o valor que merecen. Neste caso, aínda que das cuestións máis técnicas vos falará coma sempre Crusat, falamos dos colleiteiros a través da figura de Javier Estévez Abeledo, nacido en Beade, onde traballa dúas hectáreas de viñedo. O do viño venlle a Javier desde pequeno, xa que sempre se fixo viño na súa casa, para vender a granel, pero seu pai tiña a ilusión de etiquetar e producir o seu propio produto, así que Javier decidiu, antes de marchar da aldea, montar unha adega para poder dedicarse á viticultura de forma profesional.
O primeiro que fixo foi preparar unha viña para adaptala ás castes autóctonas do Ribeiro, que son as que mellor se axeitan ao terreo. Optou tamén por mecanizar a viña e despois, xa no 2016, foi cando se fixo a adega en si. A partires dese ano comezou a ampliar as superficies de viñedo onde sabía que as uvas darían viño de mellor calidade. Cabe destacar que a súa aposta pasou sempre por non saír do seu pobo, Beade, e revalorizar as viñas que consideraba tiñan mellor calidade, respectando sempre a materia prima que posúen os viños desa zona; para min, unha das máis prestixiosas do Ribeiro.
Humilde, apaixonado, sinxelo, Javier desfruta do tempo de traballo rodeado de viñedos, observando o proceso de principio a fin, procurando non deixar de aprender nunca da xente que se dedicou toda a vida a facer viño e coidar das cepas. Dentro diso, gústalle facer elaboracións un tanto diferentes das clásicas, empregando castes secundarias, barro, madeira, pero buscando sempre a calidade.
Un bo exemplo é TINALLA, o seu tinto plurivarietal elaborado coas castes autóctonas do Ribeiro: Sousón, Brancellao, Ferrón e Caíño Longo que, como seu nome indica, pasa uns meses nunha tinalla de arxila tras a fermentación. As uvas proceden da Teixeira (Beade), e fanse 1.500 botellas. Trabállase en agricultura ecolóxica, sen herbicidas e co máximo respecto pola viña e o produto.
Xa sabedes, Crusat profundará un pouco máis en temas técnicos e de maridaxes, pero pola miña parte só me queda desexarvos un bo Magosto ao carón do lume acompañados deste Tinalla, que xa estades tardando en mercar!
O viño dun “real colleiteiro” do Ribeiro
Volve o outono e presta regresar ao viño. Neste caso estamos con Javier Estevez Abeledo, estamos no Ribeiro e estamos ante a figura do colleiteiro, que está ben diferenciada nesta DO. O colleiteiro no Ribeiro ten que cumprir unha serie de obrigas como son: traballar unicamente o seu propio viñedo non podendo mercar uva a outros produtores e, por outra banda, ter unha produción de viño menor a 60.000 litros, aínda que a gran maioría non se achega a esta cifra nin de lonxe. Polo tanto, é unha pequena adega na que o viticultor traballa en exclusiva coas uvas que el mesmo cultiva. Podémolo pois igualar ao “vigneron” francés.
Pero non pensemos que o colleiteiro é alguén ancorado e sen iniciativa, non, máis ben ao contrario; sonche xente que defende o territorio, que defende as tradicións, pero que ao mesmo tempo, quere e pode facer cousas diferentes. Sonche xente inqueda que anda na procura de novas elaboracións. E así temos esa mestura de tradición polas castes autóctonas do Ribeiro, co emprego de tinallas de barro buscando novos camiños.
Temos unhas uvas que proceden da finca A Teixeira en Beade, cunha altitude de 135 metros, en chan de sábrego, plantadas en espaldeira con orientación norte sur sen uso de herbicidas, nin insecticidas ou sulfatos sistémicos. Tras debagar a uva fermenta de xeito espontáneo, criase nas tinallas durante 6 meses para despois facer a maloláctica en depósitos de aceiro.
Ao final cando miramos o viño na copa, temos unha cor violácea, capa media, limpo de lágrima media. No nariz está moi presente a froita vermella fresca, herbal e flores, destacan os aromas primarios. Na boca é un viño fresco, cunha acidez moi ben integrada, froita, xugo, persistente, mineralidade e notas herbáceas novamente.
E agora, xa sei que estades esperando algo para comer, que acompañe a este viño, así que a primeira proposta e unha cachuca de porco celta cocida e acompañada dunhas castañas tamén cocidas. Non hai cousa mais reconfortante! Se ademais vai cun viño a carón do lume da lareira nunha noite de chuvia de outono. E no caso dunha elaboración máis moderna (chamádelle elaboración de Inditex se queredes), propoño esa mesma cachuca cocida pero metida nun pan bao, acompañada dunha salsa “hoisin” e un algo de coandro.
FICHA DO VIÑO
Adega:
Javier Estévez Abeledo (Colleiteiro
D.O.:
Ribeira Sacra
Variedades:
Sousón, Brancellao, Ferrón e Caíño Longo
Grao: 13º
Colleita: 2022
Prezo: En torno aos 11€
