GaliciaGastronomíaOído, artesanía!

Susana Anta: “Vexo a cerámica coma todas as artes, que son catalizadoras de sentimentos”

Susana Anta

Atraída desde sempre pola beleza da cerámica e a maxia da transformación do barro, Susana Anta dirixe o seu obradoiro na Coruña, onde crea pezas únicas con identidade e raíz, pensadas para contar historias a través da terra.

Polas súas mans teñen pasado xa moitas das coleccións que se poden atopar en destacados restaurantes galegos, cos que empezou a traballar despois de participar no proxecto Artesanía no Prato da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

Cando descobres a cerámica e cando decides que vai ser a túa profesión?

De pequena sempre estaba argallando con plastilina e outros materiais. De feito, na casa da miña nai non fai moito atopei unhas peciñas e dixen: “Ai, que cousas máis bonitas!”. E ela contestoume: “Pero se esas as fixeches ti!”. E non me acordaba!

Cando crecín, estudiei Historia da Arte en Santiago e entrei nun taller que estaba ao lado do Museo do Pobo Galego. Alí reproduciamos pezas en barro. Despois, cando acabei a carreira, fun a Vigo e empecei a estudar Serigrafía na escola de artes. Pero xusto diante das miñas clases, estaban as de cerámica, e a min íaseme o ollo para alá. Entón decidín cambiar e foi xenial. O profesor, Miguel Vázquez, é boísimo, artista, moi implicado... e tiraba moito de nós. Tamén estudiei con Emilia Guimeráns no seu obradoiro da Seara en Vigo. Ademais tamén fixen Restauración de Bens Culturais e xusto saíume un emprego cando rematei a formación. Tiven que ir a Ourense a traballar, pero eu nunca deixei a cerámica. Intentei dedicarme a ela no 2011, pero leveime un revés importante. Entón volvín á restauración, traballando bastante en Portugal, en México... Como viaxaba moito, nos sitios que ía sempre contactaba con algún obradoiro. A cerámica seguía aí...

Trala pandemia foi cando dixen: agora ou nunca! Coincidira con Miguel, o que fora meu profesor, nunha feira do Calvario en Vigo e foi el o que me animou a lanzarme en serio. Xa antes facía cousiñas. Tiña un obradoiro na Illa de Arousa desde o 2018, pero só traballaba alí nas fins de semana, non vivía diso. Tamén me axudou moito o artesán Nano Unzueta, co que estivera dando unhas clases. E xa por fin no 2023 foi cando abrín o meu taller da Coruña, que era onde vivía miña irmá.

A Tafona (Santiago)

E como comeza a túa relación con restaurantes?

Axudoume moito o proxecto Artesanía no Prato da Fundación Pública Artesanía de Galicia. Alí coñecín á artesá Laura Delgado. Foi no ano no que ela gañou o premio Artesanía de Galicia e como tiña moito traballo, fun botarlle unha man durante seis meses. E despois xa foi cando montei o meu propio negocio e empecei a colaborar coa chef compostelá Lucía Freitas e o seu proxecto ‘Amas da terra’. Ela ía presentalo en San Sebastián e foi Laura quen lle falou de min. Entón alá fomos ao País Vasco e foi unha pasada!

Lucía Freitas confiou no meu traballo dende o primeiro momento, é un pracer para min seguir colaborando activamente coa miña cerámica nos seus restaurantes Estrela Michelin de Santiago de Compostela, A Tafona e Lume.

Como dirías que é o teu estilo? Inflúe moito a túa formación en arte?

Moitísimo! Eu creo que todos os que nos dedicamos á cerámica temos un gusto especial polo detalle. O proceso de elaboración é espontáneo e non o é, quero dicir, está todo moi coidado e traballado.

E eu vexo a cerámica coma todas as artes, que son catalizadoras de sentimentos. É unha linguaxe. Ti pódeste expresar con palabras ou a través das cousas que fas, dos teus actos... e de moldear o material. Por exemplo, a miña colección ‘Amencer’ está inspirada nos amenceres da Illa da Arousa, que é un lugar que me marcou.

Outra das miñas coleccións, que se chama ‘Orballo’ e fixen para un menú degustación de Lucía Freitas, simboliza, a través de manchas, serigrafiado, puntiños... este tipo de choiva e a riqueza que dá; o que significa para a exuberancia da nosa natureza e os froitos que nos dá a terra. Gústame traballar así, expresando sentimentos e contando historias.

E cal é a última colección na que estás trallando?

Nunha que lle chamo ‘Camariñas’, que naceu dunha conversa con Lucía Freitas. Amosoume unha imaxe e propúxome convertela en cerámica. Aceptei sen dubidar. Buscando a forma exacta, apareceu diante de min un encaixe. Veume á mente o de Camariñas, tecido con paciencia, por mulleres, fronte ao mar. Chameille Camariñas non só polo calado da súa superficie, que recorda ao encaixe tradicional, senón tamén polo que evoca: o traballo silencioso das mulleres que fían o mundo. Esta peza fala delas, do xesto lento, do fío que conecta tempo, paisaxe e memoria. Todo isto está moi en consonancia co proxecto 'Amas da Terra' de Lucía Freitas, do que teño a honra de formar parte. Trátase dunha iniciativa que pon en valor o traballo das mulleres do rural galego —redeiras, mariscadoras, labregas, artesás— recoñecendo a súa sabedoría, resiliencia e conexión coa terra. Igual que na miña colección, a esencia do proxecto é visibilizar ese labor paciente e case invisible que sostén a vida, e transformar esa memoria colectiva en algo contemporáneo, digno e cheo de futuro.

Que supón para ti formar parte de Artesanía de Galicia?

Todo. Ninguén fai nada só. Tes que ter unha rede. E Artesanía de Galicia é esa rede que une a todos, que fai que nos apoiemos uns noutros e que che dá unha visibilidade impresionante a que ti soa non chegarías xamais na vida.

Onde podemos atopar as túas pezas?

Teño un obradoiro na Coruña, na rúa José María Hernansáez nº4, onde tamén dou clases. Tamén dou talleres puntuais noutros lugares. Gústame moito esta parte de formación sobre todo por ver as caras da xente, como se sorprenden de todo o traballo que hai detrás. 

E as miñas pezas, ademais de poder mercalas na tenda online da páxina web susanaanta.com, tamén están en Boles Galicia, en Santiago; e en Amodo, en Ourense.

“Artesanía de Galicia é esa rede que une a todos, que fai que nos apoiemos uns noutros e que che dá unha visibilidade impresionante”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.