A CoruñaGastronomía

Soho Orzán organiza o I Concurso de Petiscos no Feirarrúa que se celebrará o 5 de outubro

Se tes un establecemento de hostalaría, tenda, pastelaría ou de alimentación en xeral, podes participar no I Concurso de Petiscos organizado pola Asociación Soho Orzán, coa colaboración do Concello da Coruña e a FUCC (Federación Unión Comercial Coruñesa). O certame celebrarase durante o evento Feirarrúa Gastro&Arte que se desenvolverá o 5 de outubro na rúa Orzán (zona peonil), Praza José Sellier e Praza Cormelana da Coruña. O horario de servizo dos bocados será de 13.00 a 19.30 h ou só en quenda de tarde para aqueles negocios que así o precisen.

Cada establecemento participará cun petisco que pode ser doce ou salgado. Ten que ser, iso si, en formato de comer “coas mans”, é dicir, en forma de bocadillo ou utilizando material refugable como unha barqueta, un escarvadentes, un cornete, blonda, etc. Terán un prezo que non superará os 3,5 euros/unidade.

Un xurado profesional valorará todas as propostas en función da súa presentación, orixinalidade, sabor, material de proximidade e outros aspectos técnicos. Haberá un único petisco gañador, salvo que o xurado considere outras opcións, que recibirá unha comida/cea para dúas persoas no restaurante O de Alberto, unha peza artesanal de cerámica de Giovanna Lopalco e o cullerón de madeira do concurso.

O público tamén outorgará un premio votando a través dunhas banderiñas que levarán os petiscos e que se depositarán nunha urna de votacións.

A entrega de premios será ás 20.30 h.

Como inscribirse? 

A participación neste concurso está aberta a todos os establecementos de Galicia e é gratuita. Solicitarase praza e posteriormente se seleccionarán, con criterio de variedade, os participantes. A organización disporá dunha mesa (de 120×60 cm) na que servir os petiscos. Os establecementos só teñen que levar o material de comida e avisar previamente no caso de precisar corrente.

Para inscribirse, cómpre enviar un correo electrónico a feirarrua.soho.orzan@gmail.com indicando: nome do establecemento, modalidade de petisco (doce ou salgado), nome do petisco e en que consiste. Tamén as redes sociais e/ou web do local. A organización fará unha selección porque as prazas son limitadas e comunicará por correo electrónico aos locais elexidos a súa participación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.