A renovada Casa das Máquinas de Santiago acolleu a presentación da Noite do Patrimonio 2024
A presidenta do Grupo de Cidades Patrimonio e alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presentou a programación de ‘A Noite do Patrimonio’, que definiu como “o maior evento cultural que se celebra de forma simultánea nas 15 cidades Patrimonio Mundial e que constitúe a mellor representación da singularidade dos nosos monumentos, da nosa arte e das nosas tradicións, á vez que proxecta esta diversidade e a riqueza deste legado cultural en todo o mundo”. O evento converterase de novo nun referente artístico a noite do próximo sábado 14 de setembro coa apertura en horario extraordinario de centos de espazos históricos das 15 cidades e multitude de visitas guiadas e espectáculos ao aire libre, dentro dunha oferta cultural única e gratuíta, con actividades para todos os públicos. A sétima edición do Festival de Danza Escena Patrimonio exhibirá as 15 pezas dos coreógrafos invitados.
O recentemente recuperado edificio da Casa das Máquinas de Santiago acolleu a presentación do evento que pecha a programación do 30 aniversario da creación do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, o vindeiro sábado 14 setembro. A presidenta do Grupo, Goretti Sanmartín, aproveitou a presentación para explicar que A Casa das Máquinas, aberta ao público hai tan só un mes, é un dos poucos exemplos de arquitectura industrial de comezos do século pasado e unha das mostras máis emblemáticas do modernismo en Compostela. “Ese pasado honrámolo recuperando o edificio, a súa memoria e o seu simbolismo e poñéndoo á disposición da cidadanía. Este será, de feito, o espazo que acollerá a actuación de Israel Galván o 14 de setembro no marco do programa que hoxe presentamos”, anunciou a alcaldesa.
A presidenta do Grupo agradeceu tamén a implicación dos alcaldes, alcaldesas e todos os equipos municipais das 15 cidades “para ofrecer á cidadanía e a quen nos visitan unha programación cultural do máximo nivel, que é o mellor exemplo de como a suma de historia, idiomas, talento, creatividade e innovación converte as nosas cidades en lugares únicos para vivir, gozar e visitar”.
Goretti Sanmartín concluíu sinalando que “con este evento tamén queremos pór en valor a importancia de velar polo respecto e a conservación do patrimonio material e inmaterial das nosas 15 cidades, e crear conciencia sobre a herdanza que debemos deixar ás xeracións do futuro”.
A Noite do Patrimonio lévase a cabo grazas ao financiamento achegado polo Ministerio de Cultura. Ao acto de presentación da programación asistiu tamén Carmen Cabrera, subdirectora adxunta de Xestión e Coordinación de Bens Culturais do Ministerio de Cultura, que lembrou “a estreita colaboración que existe desde fai máis de vinte anos entre o Ministerio de Cultura e o Grupo de Cidades Patrimonio. Unha colaboración que conseguiu, con actividades como as programadas neste evento, grandes logros relacionados coa difusión e posta en valor do patrimonio cultural. Por iso, para nós é importante participar na celebración deste 30 aniversario e manifestar o compromiso do Ministerio de Cultura coa Convención de Patrimonio Mundial da UNESCO”.
Pola súa banda, Rubén Viñuales, presidente da Comisión de Cultura do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade e alcalde de Tarragona, explicou que a Noite do Patrimonio está estruturada en tres seccións, comúns ás 15 cidades:
1.-VIVE PATRIMONIO: unha gran oferta cultural e de ocio que se repartirá polos seus cascos históricos.
2.-ABERTO PATRIMONIO: portas abertas de monumentos e espazos culturais.
3.-ESCENA PATRIMONIO: festival e plataforma de creación para a Danza en espazos patrimoniais.
Rubén Viñuales tamén lembrou que o sábado 14 de setembro, exhibiranse simultaneamente as 15 pezas dos coreógrafos invitados, no marco do Festival Escena Patrimonio: “ata o momento, máis de 100 artistas participaron no Festival, que nesta edición inclúe 7 estreas absolutas en máis de 20 representacións. Ademais, a programación dará gran protagonismo á creación feminina con 7 creacións ideadas por coreógrafas”.
Escena Patrimonio
No acto tamén interviñeron Lorenzo Pappagallo, director artístico da Noite do Patrimonio, e Erik Jiménez e Maruxa Salas, de SóloDosDanza, en representación do colectivo de artistas. Ambos destacaron a relevancia do Festival e plataforma de creación coreográfica ‘Escena Patrimonio’ e as oportunidades que brinda a artistas nacionais e internacionais. Esta edición conta cun gran elenco de artistas das Cidades Patrimonio, de nove comunidades autónomas (Andalucía, Baleares, Canarias, Castela-A Mancha, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia, Madrid e País Vasco) e de países como Cuba, Costa Rica, Italia e Portugal.
“Este ano, a programación fraguouse baixo o concepto de ‘Arquivo Vivo’. Con esta lema queremos reflexionar sobre o patrimonio coreográfico da nosa tradición, activar as vivencias dos nosos espazos patrimoniais con creacións contemporáneas e convidar os creadores a repensar e resignificar pezas emblemáticas do seu repertorio, aproveitando os escenarios únicos que ofrecen as nosas cidades”, sinalou o director artístico.
Así mesmo, un ano máis a programación artística compleméntase con talleres gratuítos de invitación á danza abertos a todos os públicos, así como obradoiros para profesionais e estudantes avanzados de danza, impartidos polos mesmos artistas invitados para Escena Patrimonio.
O broche de ouro do acto de presentación correu a cargo da actuación de Federica Porello, da compañía de danza MAL PELO, que interpretou un fragmento da obra BACH.
Tamén participaron na presentación do amplo programa da Noite do Patrimonio o vicepresidente primeiro do Grupo e alcalde de Segovia, José Mazarías, xunto a outros dous membros da Executiva do Grupo: o alcalde de Toledo, Carlos Velázquez, e o de San Cristóbal de la Laguna, Luís Yeray Gutiérrez. Tamén asistiron os alcaldes de Ávila, Jesús Manuel Sánchez Cabrera; de Cáceres, Rafael Mateos e de Córdoba, José María Bellido, ademais do concelleiro de Patrimonio Histórico de Alcalá de Henares, Víctor Pérez, e o concelleiro de Patrimonio e Cultura de Baeza, Ignacio Antonio Montoro.
Un ano máis Paradores de Turismo, a cadea de hoteis e restaurantes que opera no país desde 1928, súmase á Noite do Patrimonio organizando actividades nos seus once establecementos situados nas Cidades Patrimonio da Humanidade para achegar ao público a historia e o rico patrimonio que albergan.
Ademais, Unesco e o Centro de Patrimonio Mundial colaboran coa difusión do evento a través das súas canles.