CompostelaCulturaNovas

Curtocircuíto celebrará do 1 ao 6 de outubro unha edición marcada polo compromiso coa igualdade

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto celebrará a súa vixésimo primeira edición cunha programación competitiva marcada polo compromiso coa igualdade e cunha ampla representación internacional.

Entre o 1 e o 6 de outubro de 2024, a cidadanía compostelá e as/os amantes da cultura poderán gozar dun programa comprometido co seu tempo e cunha ampla representación internacional onde conviven o cinema con destacados shows AV e sesións especiais con proxeccións e encontros entre destacadas profesionais e artistas, mostrando de novo a vontade da organización por ofrecer un programa que transcende a experiencia tradicional de visionado de filmes nunha sala de proxección.

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou o programa do festival nunha rolda de prensa que contou tamén coas intervencións do deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; e o director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo.

Míriam Louzao destacou do tecido desta nova edición a súa “aposta por unha programación competitiva que conxuga o compromiso coa igualdade cunha ampla representación internacional”.

Na súa intervención, o director do festival, Pela del Álamo, agradeceu a colaboración das institucións e entidades participantes e fixo especial mención ao esforzo do Concello de Santiago por consolidar e dar maior “estabilidade” ao certame a través dunha licitación da organización prorrogable durante 4 anos, “algo que acontece por primeira vez na historia de Curtocircuíto, e que nos permitirá e nos trasladará a responsabilidade de construír un modelo de festival máis eficiente, máis interesante e mellor”, declarou.

42 películas de 16 países
Durante as seis xornadas de Curtocircuíto, Santiago de Compostela gozará dunha escolma de 42 películas procedentes de 16 países, distribuídas en tres seccións (Cosmos, Planeta GZ, Supernova) que foron seleccionadas entre os máis de 2000 títulos recibidos. Deses filmes, 28 están dirixidos por mulleres, máis do 66 % do total. Presentarán as súas novas obras cineastas como Elena López Riera, Marina Lameiro, Gala Hernández, Sandra Schäfer ou Rainer Kohlberger.

O cinema galego mantén a súa ampla presenza na programación, catro das oito seccións de cinema están dedicadas a cinema galego: Planeta GZ, Supernova, Terra e Curtocircuíto x Cineclube de Compostela.

A Sección Oficial Cosmos propón unha heterodoxa selección de filmes que abarca desde cinema narrativo ata pezas abstractas, con numerosos ensaios fílmicos. Intégrana 25 pezas procedentes de países entre os que se contan Estados Unidos, Alemaña, Francia, Bélxica, Países Baixos, Suíza, Austria, Xeorxia, Irán , Bangladesh, Filipinas, Corea do Sur, Andorra, Suíza e España.

O risco e a innovación marcan as obras que se poderán ver en Curtocircuíto, onde atopamos propostas de ficción, documental e ensaio. Gozaremos en Santiago dos traballos de Gerard Ortin, Gala Hernández, Nicolas Gebbe, Daniel Pitarch, Sam Drake, Camille Vigny, Sandra Schäfer, James N. Kienitz Wilkins, Arvin Belarmino, Viv Li, Sara Rajaei, Joung Yumi, Elena López Riera, Ataka51, Stefanie Weberhofer, Laura Moreno Bueno, Rachel Walden, Keto Kipiani, Frank Sweeney, Rainer Kohlberger, Boris Hadžija, Hoda Taheri, Andrea Sánchez, Marina Lameiro, Caroline Poggi, Jonathan Vinel e Nikola Ilić.

Ao tempo, Planeta GZ celebra o cinema galego con nove películas asinadas por Nela Fraga, Hugo Amoedo, Inés Pintor, Sabela Eiriz, Paula Fuentes, Guillermo Cabrera, Fran Rodriguez Casal, Irene Saenz Carballeira, Feyrouz Serhal, Ariadna Cordal García e Pablo Fontenla.

O cinema emerxente galego citarase en Supernova con filmes de Cris Souto, Anxo González Álvarez, Clara Maseda da Veiga, Patricia Lleras, Ramón Martínez, Elena Mato e Carmen Méndez.

O xurado da Sección Oficial Cosmos estará composto por cinco persoas con diversos perfís: o comisario e docente Guilherme Blanc, director do Centro Batalha de Porto; o curador e programador Peter Taylor, director do Berwick Film Festival; a antropóloga social, investigadora e escritora Valeria Mata; a xornalista Jara Yáñez, directora da revista Caimán Cuadernos de Cine; e Caroline Maleville, programadora da Quincena de Realizadores do Festival de Cannes.

A seccións Planeta GZ e Supernova contarán cun xurado formado pola programadora Catarina Boieiro; a compositora, cantante e produtora galega Belén Vidal, e a creadora e poeta Nuria Vil.

Ademais, o xurado Novo estará integrado por Xoán Vázquez González, organizador do Club de Cinema FACOM; a guionista e humorista Xiana Rey; a redactora e editora Celia Eiras; o axitador cultural e produtor musical Arón Arias; e Inma Veiga, creadora audiovisual.

Os filmes programados optan a cinco premios oficiais e catro galardóns concedidos por xurados especiais: O Premio Cosmos á mellor película, dotado con 4.000 €: o Premio Cosmos á mellor película innovadora, cunha dotación de 2.000 €; o Premio Cosmos á mellor película española, que outorga á proposta á gañadora 1.000 € de dotación, outros 1.000 € en aluguer de material de rodaxe patrocinado por RC Service e a cualificación dos Premios Goya da Academia das Artes e das Ciencias Audiovisuais de España; o Premio Galiza, dotado con 2.000 € e o Premio Supernova, sen dotación e patrocinado por Galicia Calidade. Ademais, outorgaranse varios premios concedidos por xurados especiais: como o Premio do Público e o Premio Cátedra Cruz Vermella da USC, dotados cada un deles con 1.500 €, o Premio do Xurado Novo, cunha dotación de 1.000 € e o Premio #OutraCompostela, patrocinado por Galicia Film Commission, Turismo de Santiago e galardoado cun curso de formación para as persoas integrantes do equipo de traballo na Escola Unitaria.

Espectáculos AV

Curtocircuíto 2024 conta cun cartel de espectáculos audiovisuais marcado pola vangarda e unha destacada nómina de artistas internacionais: 33EMYBW (Shanghái), Joey Holder (Reino Unido), Ricardo Giovinetto, (Italia), Alessandra Leone (Italia) Zoë Mc Pherson (Francia, Irlanda), Yousuke Yukimatsu (Xapón). O programa inclúe tamén artistas visuais e sonoros da escena galega e estatal como Irene de Andrés, Xabi Bértolo, Saúl Puga, Paulo Iván Torres Hernández, Andrés Rodrigues, Xoán-Xil, Bromo (Paloma Peñarrubia & Azael Ferrer), Emil Sáiz, Judith Adataberna, Javi Álvarez, ou Mwëslee. Dos 10 espectáculos audiovisuais, 4 son galegos.

Todas as actuacións desenvolveranse entre o xoves 3 e o domingo 6 de outubro no Teatro Principal e a Sala Capitol de Santiago de Compostela. Curtocircuíto consolida así a súa aposta por reivindicarse como un festival comprometido coas novas linguaxes audiovisuais, superando os límites da pantalla e as proxeccións convencionais.

Sesións especiais

A inauguración correrá a cargo da formación efémera Submarina de Improvisación (Xavier Bértolo –teclados e sintetizadores–, Paulo Pascual –theremín– e Saúl Puga –contrabaixo–), que musicará en directo o filme Vinte mil leguas de viaxe submarina (Stuart Paton, 1916).

O artista e docente Mario Santamaría ofrecerá a sesión Seguir un cable e enterrarnos no mar, mentres que a oceanógrafa, escritora e artista Mae Lubetkin percorrerá as profundidades oceánicas na súa sesión Futuros dos fondos mariños: Ciencia e ficción en dimensións profundas.

O festival tamén acollerá a mesa redonda Instrumentos de Visión: metodoloxías e analoxías entre a ciencia e a fantasía, organizada en colaboración co Art.Lab do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) a partir da súa exposición Instrumentos de Visión, do artista Armin Linke e comisariada por Mónica Bello desde Arts at CERN.

Ademais, Curtocircuíto, en colaboración co colectivo Galiza Emocional, propón unha Expedición Metaturística da man da antropóloga mexicana Valeria Mata e do director de escena galego Marcos PTT. Un paseo para mirar Compostela desde unha óptica diferente.

E tamén neste 2024, Curtocircuíto lanza #OutraCompostela, a actividade que xorde coa vocación de educar ao redor do cinema e que, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, co apoio de Santiago Turismo e da Santiago de Compostela Film Commision, lanza un concurso universitario que se desenvolverá a través das redes sociais.

A cativada tamén terá o seu espazo para gozar do cinema en Curtocircuíto coas seccións Teenage Riot e Criaturas, nas que se realizou unha coidada selección de filmes en función das súas idades.

Na sección Teenage Riot atopamos L’Aliat de Guillem Marí, Furiosas de Thomas Vernay e Malas herbas de Reuben Hamlyn.

A sección Criaturas acolle as obras Caendo de Carlos Navarro, Os humanos constrúen os nenos máis grandes de Isaac King, Cacofonía de Vincent Coudroy de Lille, Cafuné de Carlos F. de Vigo e Lorena Ares, Deberes de Nacho Arjona, Eu vou comigo de Chelo Loureiro e Ciao peskao de Andrea García García e Guillermo González Fidalgo.

A sesión especial Terra está dedicada este ano a Alberto Gracia, quen impartirá a clase maxistral O cinema de hoxe: o diván e a xestión de residuos na que reflexionará sobre a forma na que el entende o cinema, o soño doutro. Esta sesión, que terá lugar na Facultade de Comunicación, profunda na relación que mantén o Festival coa Universidade de Santiago de Compostela.

No marco da colaboración de Curtocircuíto coa USC, inaugúrase Cátedra Cruz Vermella – USC, dependente da Facultade de Psicoloxía, co fin de seguir tendendo pontes de mediación cultural entre o cinema e a vida das persoas. É nese marco, que a 21ª edición, Curto inaugura o mencionado Premio Especial Cátedra Cruz Vermella – USC, cunha dotación de 1.500 €, para recoñecer as pezas con contido destacable no campo da diversidade nas persoas maiores.

Dentro desta sección, poderanse ver obras de catro mulleres cineastas. En As noivas do Sur, estreada no pasado festival de Cannes, Elena López Riera presenta un grupo de mulleres maduras que falan do desexo, do seu matrimonio e da súa relación íntima coa sexualidade. Proxectarase tamén o primeiro traballo como cineasta da actriz galega Carmen Méndez. Pura é o retrato da súa nai e da súa avoa e é tamén o seu propio retrato. Á súa vez, Cuerdas, da directora de 20.000 especies de abellas, Estíbaliz Urresola Solaguren, preséntanos unha coral de mulleres que está a piques de disolverse porque perderon unha subvención municipal e agora debe decidir se acepta ou non o patrocinio dunha das empresas que máis contamina o seu val. Por último, Life Story, da norteamericana Jessica Dunn Rovinelli propón un texto autobiográfico orixinal da filósofa McKenzie Wark que se combina cunha investigación do seu corpo espido e a súa vida doméstica.

A Residencia Artística acolle a Rocío Madrid

Curtocircuíto organiza de novo, co apoio da Universidade de Santiago e Cafés Candelas, unha proposta que pon o foco na intersección das artes visuais a través dunha Residencia Artística que acollerá á fotógrafa e artista visual Rocío Madrid, cuxa estancia ten como finalidade plasmar a súa visión da cidade. A artista traballará na representación das realidades que pasan desapercibidas, así como na observación dos lugares máis emblemáticos ou as estampas máis comúns desde novos prismas, sempre desde unha liberdade creativa absoluta tanto na forma como no contido.

Ademais, Curtocircuíto continúa o seu labor de recuperación do patrimonio cinematográfico amador galego, nesta ocasión, reivindicando o labor de Equipo 64, o colectivo fundado por Gonzalo Anaya, Enrique Banet e Ezequiel Méndez. O festival incluirá a proxección de diversos documentais en 16 mm elaborados polo colectivo co patrocinio da Caixa de Aforros de Santiago: O Camiño de Santiago; Malpica; Pórtico de Compostela; Catro prazas e Compostela. As copias destas películas están depositadas na Filmoteca e levan máis de 50 anos sen ser proxectadas publicamente.

Venda de abonos e entradas

Os abonos e as entradas para a próxima edición de Curtocircuíto poden adquirirse a través de Compostela Cultura.

Hai tres tipos de abonos: para todas as proxeccións, cun prezo de 20 euros; para os Live AV (espectáculos audiovisuais en directo), cun custo de 30 euros, e o abono integral por 40 euros, que inclúe a asistencia a todas as proxeccións, concertos e experiencias audiovisuais.

As entradas para as proxeccións custan 4 €. O prezo das sesións live AV no Teatro Principal é de 8 €, e de 14 € na Sala Capitol. O acceso ás Sesións Especiais no Teatro Principal é gratuíto, previa recollida de convite.

As entradas pódense mercar tamén de forma presencial, na Zona C – Punto de Información Cultural, en horario: de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19.00 horas ademais de no Teatro Principal durante os días nos que se celebra o certame.

Curtocircuíto – Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela está organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura) co apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, da AGADIC e do ICAA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.