Os petiscos da Coruña e Ferrol gañan a VIII Gala Show Cooking Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia
O Hotel Monumento San Francisco, en Santiago, acolleu a VIII Gala Show Cooking Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia, organizada por Turismo de Galicia, na que participaron sete cociñeiros representantes dos concursos de tapas celebrados o ano pasado nas sete cidades galegas. O premio do xurado profesional recaeu en Manu Triay de Taberna Triay (A Coruña) con ‘Donete recheo de cocido’ e o premio do público foi para Adrián Pérez de Sinxelo (Ferrol) con ‘Recordos da miña nenez’.
Manu Triay sempre tivo claro que quería emprender e chegou a unha cociña tras decatarse do presente que estivera sempre na súa vida desde a infancia. Formouse en Santiago de Compostela e comezou unha carreira de vinte anos no sector, pasando por Londres, País Vasco e Cataluña. Na Taberna de Triay, Manu forma equipo con Viviana Muñoz, a súa socia e xefa de sala. O nome completo da tapa é “Donete recheo de cocido, glaseado de queixo do Cebreiro, caramelo de pemento e o seu caldo afumado”, un resumo da receita.
Natural de Ferrolterra, Adrián Pérez desenvolveu a súa carreira na comarca, pasando polo restaurante O Camiño do Inglés, ata abrir Sinxelo. Con doce anos tivo claro que se quería adicar á cociña, á que chegou por tradición familiar e á que adicou moito estudo. Representa a Ferrol con “Recordos da miña nenez“, unha tapa que homenaxea as ceas de Laura, xefa de sala de Sinxelo, na casa dos seus avós: ovos con patacas fritidas e chistorra. Este bocado consiste nun pani puri hindú recheo de puré de chistorra e crema de pataca, pintado con xel de xema sobre puntillas de clara fritida.
Os demais concursantes foron Álvaro Pérez Blanco de ArteSana Gastrobar (Santiago de Compostela) coa tapa ‘Estamos como cabras’; Bret Fernández de Prebe by Bret (Lugo) coa tapa ‘Xurel Black Coupage’; Gabi Conde de Restaurante Portovello (Ourense) con ‘A Terma’, Kevin Carreño de Nikko Espacio Gastronómico (Vigo) con ‘Nigiri de crokketa de carabineiro’ e Daniel Carramal de Loaira Xantar (Pontevedra) con ‘Trasmallos de neboeiro’.
Reclamo turístico
Durante o acto, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, puxo de manifesto a importancia que teñen os concursos de tapas celebrados durante o outono e inverno nas distintas cidades galegas como “importantes reclamos para o noso turismo”. Como dixo, o ano pasado o 46% do total da demanda hoteleira en Galicia correspondeu aos destinos urbanos especialmente fóra de temporada alta “e é importante que conten cunha oferta de calidade e diversificada”, expresou.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles eloxiou esta iniciativa creada pola Xunta de Galicia “a partir da cultura da tapa, pequenos petiscos cheos de sabor e matices capaces de sorprender aos padais máis esixentes”. Tamén lembrou que esta é a oitava edición desta cita que non deixa de sorprender “en capacidade creativa da gastronomía galega e na calidade dos produtos”. O director de Turismo de Galicia agradeceu moi especialmente a participación dos sete chefs nesta acción así como o seu traballo que xunto coa calidade do produto galego, “elevan a nosa gastronomía a un nivel de ouro”.
Na gala tamén se contou coa presenza da xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e as delegadas territoriais da Xunta na Coruña e Ferrol, Belén do Campo e Martina Aneiros e o delegado territorial en Ourense, Manuel Pardo.
Pincha no xurado profesional
Os sete cociñeiros loitaron por dous galardóns. Por unha banda, o premio do xurado popular, que se elixiu mediante un sistema de televotación. Por outra, o premio do xurado profesional, que valorou cada tapa segundo a súa complexidade técnica, creatividade, presentación e sabor. Este xurado profesional estivo formado por Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo; Jorge Gago, chef do restaurante A Maceta (Santiago de Compostela); Rubén González, chef do restaurante El Cafetín (Pontevedra); a instagramer Sara Lúa e Rebeca Munín, directora da revista Pincha.