O proxecto “Danzade” reflexionará sobre o baile tradicional galego e a súa confluencia coa danza contemporánea desde unha perspectiva de xénero

O Centro Sociocultural de Santa Marta será o escenario dunha nova edición do proxecto “Danzade”, impulsado pola compañía Et Suseia Danza para reflexionar sobre o baile tradicional galego e a súa confluencia coa danza contemporánea desde unha perspectiva de xénero. O concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, presentou o programa, acompañado polo seu director, Gustavo Couto.
O Proxecto Danzade concíbese como un espazo de encontro entre a danza tradicional galega e a creación contemporánea, apostando pola revisión crítica da tradición e pola participación activa da comunidade. Trátase, explicou Xan Duro, de mostrar “que se pode divulgar o patrimonio cultural galego desde o respecto á tradición, pero afastándose dos micromachismos que tamén están presentes nela e que corresponden a un contexto que temos que superar”.
Gustavo Couto tamén incidiu en que nesta edición o programa “vai reflexionar sobre a declaración da música e o baile tradicionais galegos como Ben de Interese Cultural por parte da Xunta, porque no sector cremos que hai bastantes eivas que corrixir e sermos conscientes de que tan importante como esa declaración é saber como queremos que ese BIC chegue ás futuras xeracións”.

Obradoiro aberto
O proxecto “Danzade” volve ao Centro Sociocultural na súa terceira edición, nos días 20 e 21 de marzo. Na primeira das xornadas celebrarase o obradoiro aberto “O que non se ve” en igualdade, no que as persoas participantes afondarán sobre os pasos, ritmos e dinámicas do baile tradicional galego, ao tempo que reflexionan sobre o seu contexto cultural e simbólico. O obxectivo é que o obradoiro sirva para a aprendizaxe técnica, pero tamén para activar a memoria colectiva e poñer en valor a tradición como unha materia viva e en constante transformación. O obradoiro, dirixido a maiores de 14 anos, comezará ás 19.30 horas e é precisa inscrición previa. As persoas que participen no obradoiro poderán vivir, ao día seguinte, a experiencia de intervir no espectáculo que completa o proxecto “Danzade”.
Espectáculo
O espectáculo “Danzade” poderase ver no Centro Sociocultural de Santa Marta no sábado 21 de marzo, a partir das 19.00 horas. O obxectivo é contribuir á protección do baile e da música tradicional galega e á súa transmisión e posta en valor desde unha perspectiva actual como patrimonio vivo. Para iso, na proposta participarán agrupacións de baile e música tradicional, para as que non é habitual actuar en espazos como o da Sala Agustín Magán. Gustavo Couto explicou que unha das agrupacións que van participar é Armadanzas de Laraño, “cunha actuación moi especial que comezará cunha regueifa como símbolo de que as mulleres sempre foron as que levaron o peso das vidas nas súas cabezas”. Ademais, a compañía Et Suseia Danza representará o seu espectáculo “O que non se ve”, que representa a través da danza a forza e a loita da muller na sociedade actual. Como novidade, na representación participarán as persoas participantes no obradoiro realizado o día anterior.
Et Suseia Danza é unha compañía que naceu no ano 2021 da colaboración entre o Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia de Santiago, e o Ballet de Galicia de Marín. Co seu primeiro espectáculo, “O que non se ve” acadou diferentes recoñecementos como o 1º Premio no Certame Coreográfico organizado pola ASPG (2021); o 3º Premio da categoría Fusión no concurso Vigo Porté (2021), ou premio do público como mellor peza de danza no circuíto Compostela Cultura 2023.
