O espírito de Nova Orleans volve a Santiago co Holanola Lab Fest do 16 ao 21 de setembro

A cuarta edición do HOLANOLA LAB FEST celebrarase do 16 ao 21 de setembro en Santiago de Compostela e noutras localidades do sur de Galicia e do norte de Portugal. O festival é un encontro entre o espírito musical de Nova Orleans e a escena galega contemporánea.
Este ano artistas como Aurora Nealand, Joe Lastie, Kike Terrón, Leo Middea ou Boma Bango compartirán escenario con músicos galegos nunha programación diversa que culminará coa CARAVANA NOLA, unha travesía musical itinerante en bicicleta e furgoneta que levará a música a novos espazos e paisaxes. Músicos de Nova Orleans e artistas galegos viaxarán xuntos e ofrecerán concertos improvisados en lugares inesperados, levando o espírito de Nova Orleans a recunchos pouco habituais.
PROGRAMA
O festival abrirá o martes 16 de setembro en Fuco Lois coa actuación gratuíta de Noel McKay e Julián Maeso, á que seguirá o mércores 17 o concerto de The GET, tamén con entrada libre, en Borriquita de Belém. O xoves 18 chegará a quenda de Leo Middea con banda no Riquela Club, cunha entrada de 20 euros, mentres que o venres 19 poderemos ver a Boma Bango gratis en Borriquita de Belém e Joe Lastie’s New Orleans Sound, acompañado por Carlos Childe no seu proxecto “NOLA BY SPAIN” no Riquela Club (Entrada: 20€).
O sábado 20 pola mañá presentarase o libro Song for My Fathers de Tom Sancton, xornalista, músico e discípulo do clarinetista George Lewis, nun acto que incluirá un recital íntimo de Aurora Nealand. Ademais, pola noite actuarán 7XMEDIO en Borriquita de Belém con entrada libre e, de novo en Riquela Club, Inquiry Quintet xunto a Aurora Nealand (Entrada: 20 €).
O domingo 21 o festival trasladarase ao Café Torgal, en Ourense, cunha sesión especial da Caravana NOLA.
