O Día de Rosalía pasa a celebrarse o 23 de febreiro
A Fundación Rosalía de Castro convocou a diversas entidades culturais e educativas relacionadas co Día de Rosalía para acordaren que as celebracións deste aniversario pasen a ter lugar desde este 2022 o día 23 de febreiro e non o 24 como acontecía ata agora, logo do recente descubrimento por parte da investigadora Sagrario Abelleira que corrixiu a data de nacemento da autora.
Acudiron á convocatoria da Fundación Rosalía na Casa-Museo representantes de entidades relacionadas co Día de Rosalía, como o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez; Xosé Lastra, presidente de Nova Escola Galega; Dores Silveira, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega ou Olimpio Xiráldez e Erea Estévez Campos, da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s. Tamén participaron representantes institucionais, como Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Lorena Couso, concelleira de Cultura de Padrón; ou Mercedes Rosón, concelleira de Cultura de Santiago. Asemade, asistiu á xuntanza Sagrario Abelleira, investigadora que realizou o achado documental que demostra, entre outros feitos relevantes, que Rosalía de Castro naceu o día 23 de febreiro.
A Deputación da Coruña, cuxo deputado de Cultura, Xurxo Couto, non puido asistir por cuestións de axenda, manifestou o seu apoio á decisión tomada.
O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis importantes do calendario cultural galego. Comezou sendo unha data celebrada e reivindicada pola AELG para logo conseguir unha presenza destacada no mundo escolar. Posteriormente chegaría a súa extensión a outros sectores máis amplos da sociedade e, ao mesmo tempo, a confirmación institucional.
Caldo de Gloria e Alborada de Rosalía
Logo deste acordo, a Fundación Rosalía de Castro volve chamar á sociedade galega a celebrar o Día de Rosalía, desta volta o 23 de febreiro, lendo os seus textos, cunha Alborada de Rosalía e facendo un Caldo de Gloria, para o que convoca de novo a escolas e restaurantes de todo o país a esta iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia. Comezou a realizarse con éxito en 2017, cun seguimento masivo en Padrón, e en 2018 xa se converteu nun evento seguido a nivel galego.
Este ano volverase a celebrar tamén o Día de Rosalía cunha Alborada en colaboración coa Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas, ao igual que se fixera en 2013, en 2019 e 2021. A “Alborada de Rosalía” é unha peza musical escrita pola propia poeta, polo que dende a Fundación Rosalía fan un chamamento a todos os gaiteiros e gaiteiras de Galicia (e non só: tamén a outros músicos: sexan pandereteiras, requinteiras, tamborileiras, etc.) para dar unha alborada de gloria na súa honra.
Moitas outras entidades e asociacións propoñen outras iniciativas e actividades en todo o país que se estenden por todo o mes de febreiro.