#apaparGastronomía

Salmonete á galega en Auga e Sal

@JuanEAT_o, co Salmonete á galega de Auga e Sal . Foto: Iván Barreiro

Se es de Compostela, seguro que pasaches unhas cantas veces pola Rúa da Fonte de Santo Antonio, pero é posible que non te decataras de que aí hai un local, o Auga e Sal, que acaba de ser recentemente recoñecido cunha Estrela Michelin. “A xente pasa de longo. Meu pai dimo todas as veces que vén, que vai pola rúa e non o atopa, e xa veu unhas cantas!”, recoñecía divertido o seu chef, Áxel Smyth, cando o visitei.

Ademais da discreta fachada, no interior atopeime cunha decoración sinxela e elegante á par que moderna. A cociña está aberta e mesturan as vellas paredes de pedra orixinais da casa cuns acabados máis deste século, facendo do mesmo un lugar luminoso e cálido.

Mais imos ao lío. Neste novo capítulo da ‘saga’ @JuanEAT_o (ha, ha, ha!), puiden probar un dos pratos que forman parte do Menú Degustación deste restaurante. Trátase dun salmonete ao máis puro estilo galego, pero cunha elaboración moi coidada e con novidosas técnicas que fan deste proposta unha aposta que de seguro non defrauda.

O salmonete, cun sabor a mar intenso e cunhas propiedades moi boas para a nosa saúde, é un peixe semigraso de carne firme e moi saborosa, pero máis suave que outros peixes azuis.

A versión deste prato tan coñecido da nosa gastronomía que prepara Auga e Sal podería parecer unha tarefa sinxela, pero todo o contrario. O máis importante é coidar o produto e lograr servilo no seu punto perfecto. Para min este salmonete estaba exquisito, e moi ben ligado co sabor tan ‘da casa’ que aporta o puré e a allada que o acompañaban. Confeso que me pasou como o crítico que vai degustar o prato na premiada película de animación ‘Ratatouille’: regresei á miña infancia, a cando miña avoa cociñaba peixe no forno de leña. E que hai mellor que un prato poida provocar agradables sensacións? Sen dúbida, unha proposta que vos recomendo probar cen por cen!

DATOS

Lugar: Rúa da Fonte de Santo Antonio, 8 - Santiago de Compostela

Prato: Salmonete á galega

Prezo: Prato incluído dentro do Menú Degustación de 90 €

Valoración: 9 estrelas