CompostelaCultura

O Delas Fest celebra a súa sétima edición con catro novos murais en Santiago, Brión e Negreira

 

As artistas urbanas María Peña-Mapecoo, Hanna Lucatelli, Galleta María e Tamara Baz serán as encargadas de realizar os catro novos murais da sétima edición do Delas Fest, Programa Feminista de arte urbana contextual, dous dos cales se localizarán en Santiago: en Santa Isabel e en Vista Alegre.

A concelleira de Capital Cultural, Miriam Louzao, presentou en rolda de prensa o cartel e as actividades deste festival. Estivo acompañada polo deputado de Contratación e Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé L. Penas; polo alcalde de Negreira, M. Ángel Leis, e pola concelleira de Cultura de Brión, Sandy Cebral, representantes dos outros dous concellos que participan no festival; e por Clara R. Cordeiro en representación de 7H Cooperativa Cultural.

Louzao destacou que “para o Concello participar desta proposta é un luxo pois reúne varias das cuestións que consideramos prioritarias: a posta en valor da arte, en concreto da arte urbana, a que podemos atopar no noso día a día, que deixa pegada no territorio, que embelece as nosas cidades e vilas e, sobre todo, que o fai poñendo en valor o social, reivindicando, interactuando coa comunidade. O Delas Fest implica á veciñanza e, por tanto é un elemento clave para a democratización da arte, o seu achegamento a todos os públicos e a insistencia en que a cultura é un dereito para todas as persoas. Pero ademais, arte feita por mulleres”.

Louzao gabou o espírito do festival, que “leva anos ademais de axudándonos a reivindicar, a reflexionar e a poñer en valor a arte feita por mulleres, facéndonos unha cidade máis habitable, máis fermosa. Este ano, continuaremos na construción desa Compostela máis fermosa con dúas pegadas máis, en Santa Isabel e en Vista Alegre”.

A edila quixo tamén destacar a “relevancia da colaboración interinstitucional. Desde o Concello de Santiago agradecemos á Deputación da Coruña que apoie este festival e estamos felices de compartilo co Concello de Brión e este ano, como novidade, co Concello de Negreira. E, por suposto, queremos darlle os parabéns a 7H pola iniciativa, por mantela no tempo e por axudarnos a construír unha Compostela mellor, unha Compostela boa de vivir”.

Programa da VII Edición

Neste 2025 realizaranse catro intervencións murais, a cargo dos pinceis e sprais de María Peña-Mapecoo (Oviedo, 1989), artista multidisciplinar e muralista, que pintará en Santa Isabel, Santiago; Hanna Lucatelli, (Sao Paulo, 1990), deseñadora de moda, artista plástica ilustradora e muralista, que realizará a súa intervención entre os barrios de Vite-Vista Alegre, Compostela; Galleta María (Valencia, 1991) ilustradora e muralista que traballará en Negreira na Avenida de As Brañas; e Tamara Baz (A Guarda, 1985), deseñadora gráfica, ilustradora e muralista, que plasmará a súa obra xunto a EEI de Sabaxáns, Brión. As intervencións murais terán lugar entre o 10 e o 16 de xullo en Compostela e entre o 17 e 24 en Negreira e Brión. Un ano máis, este traballo é posible grazas á confianza da veciñanza que, a través da convocatoria Muros en Man Común, aberta durante todo o ano, achegan a súa fachada a este repositorio.

Precisamente, a comunidade, como axente activo do Delas Fest, terá un papel aínda máis protagonista na presente edición. Entre os días 7 e 9 de xullo, terán lugar distintas actividades nas que María Peña e Hanna Lucatelli se mergullarán na idiosincrasia dos barrios de Vite, Vista Alegre e Santa Isabel. O martes 8, xunto a Encarna Otero, realizarase un roteiro ao redor dos oficios femininos vinculados á auga; pola tarde celebrarase o encontro de anfitrioas no CSC Antón Fraguas coa veciñanza dos barrios antes citados. O mércores 9, coñecerán o barrio de Vite a través dun paseo, en colaboración con Vite Arquiva. Rematarase coa visita ao CSC José Saramago onde se conserva o arquivo veciñal. Antes de comezar coas intervencións, as catro artistas terán cadansúa segunda xuntanza para amosar o bosquexo.

O VII Delas Fest continuará en setembro coa súa programación Expandida, a través da III edición do Familia Delas Fest e distintos encontros nos centros de secundaria dos concellos implicados. Todo isto permitirá introducir a públicos de todas as idades na arte urbana contextual e feminista.

Na presente edición cobran forza as xuntanzas de anfitrioas, amosando un ano máis o interese de 7H Cooperativa Cultural, entidade organizadora do evento, en pór en valor o territorio onde se executarán as intervencións murais a través dos saberes e historias de vida das mulleres vinculadas a el. É nesta busca por implicar á comunidade que estas xuntanzas adquiren un peso maior, sendo todas de carácter presencial. Ás realizadas no mes de xuño en Negreira e Brión, onde a veciñanza puido coñecer en primicia ás artistas, súmanse as que se desenvolverán en Santiago ao longo desta semana.

A través destes encontros, as artistas recompilarán a información precisa para crear os bosquexos que se tornarán nos murais. Estes conxugarán a identidade e intereses das artistas, xunto cos da comunidade que acolle o seu traballo. Deste xeito, un ano máis mantéñense firmes os fíos que sosteñen o Delas Fest: o respecto á liberdade creativa, o coidado de toda a equipa implicada no programa e do territorio, a reivindicación da igualdade de xénero e a visibilización das mulleres artistas.

Cartaz

O Delas Fest aposta por tecer unha rede feminista de traballo, visibilización e reivindicación, como demostra a xenealoxía que se está a artellar ao seu redor. No cartaz desta edición, a artista urbana, Lupita Hard (Caracas/Vigo, 1993), homenaxea a artista e graffiteira Lady Pink. Sitúaa nun taller que representa o “cuarto propio” onde as artistas non só crean e desenvolven os traballos das diferentes disciplinas artísticas nas que se moven, senón tamén os bosquexos das pezas que logo levarán á rúa. Súmase así a Abi Castillo, María Montes e Maru Astray como creadoras da imaxe do festival. O deseño da imaxe gráfica vén da man de Julia Yánez, que toma o relevo de Paula Cantero.

Ademais, será a propia Yánez (Cambados, 1994) quen se encargue de realizar o material audiovisual que amosará tanto o traballo mural como os encontros de anfitrioas que o preceden. Segue así os pasos de Illa Bufarda (2024), Cru Producións (2023) e Adriana Páramo (2022).

Cita de referencia de arte urbana no circuíto estatal, o programa é posible grazas aos concellos de Santiago, Brión e Negreira, que se incorpora na edición presente, á liña de subvencións da Deputación da Coruña e ao patrocinio de Montana Colors, Ibersa-El Mundo del Pintor, Alro Maquinaria e Gadis, así como á colaboración de Cafés Candelas e Daveiga-Galletas Mariñeiras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.