CompostelaCulturaNovas

O ciclo Outono das Artes da Deputación da Coruña arrancará en Compostela con De Ninghures

A Deputación da Coruña presentou o ciclo Outono das Artes 2025, unha ampla programación cultural que levará máis de noventa actividades de música, danza, teatro e audiovisual a concellos de toda a provincia entre os meses de setembro e decembro. A deputada de cultura, Natividade González, foi a encargada de presentar o ciclo, acompañada da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e de representantes de algunhas das actividades programadas.

A primeira cita será o 6 de setembro en Santiago de Compostela, no Campo de Conxo, co concerto da banda De Ninghures. A partir desa data, o programa viaxará por vilas e cidades como Ortigueira, Ferrol, Negreira, Sada, Ribeira, Oroso, Carral, Muros, Pontedeume, Betanzos, Carballo, Rianxo ou Vimianzo, entre moitas outras, ofrecendo propostas que abranguen desde concertos e recitais ata pezas de danza contemporánea, teatro familiar e proxeccións audiovisuais. O calendario de setembro inclúe actividades todas as fins de semana e tamén en horarios de tarde e noite, co obxectivo de facilitar a participación de públicos diversos. As propostas van desde espectáculos pensados para a infancia e as familias ata recitais e representacións dirixidas a un público adulto, reforzando así o carácter plural e inclusivo do ciclo.

Ademais de ‘De Ninghures’, completan o programa de “Outono das Artes” artistas como Uxía, Donaire, Sumrrá, Xacarandaina ou a Orquestra de Cámara Galega; compañías de teatro como Morraoconto, Pérez & Ferández ou Os Náufragos; de danza como Morriña Dance Project, Laboratorio Escénico ou Gallaecia eventos, e producións audiovisuais como Ratiña, de Alicia Úbeda, Prisciliano e a Gallaecia, de Arraianos ou Lévame a Idea, de Navíos e Folerpas, entre outros.

A deputada de cultura, Natividade González, subliñou que “Outono das Artes é unha aposta decidida pola descentralización cultural, a accesibilidade á cultura e polo apoio ao talento galego, garantindo que a veciñanza de toda a provincia poida gozar dunha programación de primeiro nivel sen ter que desprazarse a grandes cidades”.  Engadiu tamén que “queremos que cada concello sinta este ciclo como propio: que as prazas, auditorios e casas da cultura se enchan de música, danza, teatro e cine, porque a cultura é un dereito e tamén unha ferramenta para dinamizar social e economicamente os nosos municipios”.

Pola súa banda, a alcaldesa sinalou que dende o Concello de Santiago “compartimos esa premisa de que a cultura é un dereito”, que “non pode restrinxirse” a unha época do ano ou ás festas. Goretti Sanmartín fixo fincapé, ademais, na importancia dos barrios e as parroquias na conformación da identidade compostelá e na descentralización da cultura, tanto nas vilas pequenas da contorna como na propia capital galega, como é exemplo este concerto no barrio de Conxo.  Ademais, destacou que este concerto “ponlle o ramo” ás celebracións do centenario da anexión do concello de Conxo a Santiago de Compostela.

O ciclo manterase activo ata mediados de decembro, pechando cunha programación especial de teatro, danza e concertos en diferentes puntos da provincia. A programación completa, con datas, horarios e localizacións, pode consultarse nas canles oficiais da Deputación da Coruña.

Programación de setembro

 Día 6

o   DE NINGHURES (MÚSICA) Campo de Conxo, Santiago de Compostela ás 21:00 h.

Día 7

o   DE NINGHURES (MÚSICA) Praza Pola da Ribeira, Espasante (Ortigueira) ás 20:00 h.

Día 14

o   NA CERNA DO SON / GALLAECIA EVENTOS (DANZA) Igrexa de Santa Maria de Mogor, O Barqueiro  Mañón ás 18:00 h.

Día 17

o   RATIÑA / ALICIA ÚBEDA (AUDIOVISUAL) Centro Cultural Torrente Ballester, Ferrol ás 20:30 h.

Día 19

o   TROMSO / MORRAOCONTO  (TEATRO) Casa da cultura de Ordes ás 20:00 h.

Día 20

o   TROMSO / MORRAOCONTO (TEATRO) Negreira,  Auditorio Afonso Eanes do Cotón ás 21:00 h.

o   SERÁ POR FLORES / UXÍA (MÚSICA) Auditorio Municipal de Ribeira ás 20:00 h.

Día 21

o   TROMSO / MORRAOCONTO (TEATRO) Sada,  auditorio auditorio da Casa da Cultura Pintor Lloréns ás 19:00 h.

Día 28

o   NA CERNA DO SON / GALLAECIA EVENTOS (DANZA) Casino Aresano ás 20:00 h.

o   DE NINGHURES (MÚSICA) Paseo do Carboeiro, Oroso ás 14:00 h.

o   25 ANIVERSARIO / DONAIRE (MÚSICA) Centro Cultural da Ponte Vella, Reis, Teo ás 19:00 h.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.