CulturaGaliciaO consello de Lenzo

Non sempre todo funciona á primeira… Comunícate con intención

Por Cata Mosquera | Uxía Blanco de Lenzo Estudio

Foto: Iván Barreiro

Hai proxectos que non encaixan á primeira. Cartas que se reformulan, programacións que non atopan público, ideas que precisan máis tempo do esperado para callar. E non pasa nada. Porque comezar imperfecto é mellor que non chegar a comezar.

As expectativas ás veces fanos pensar que temos que ter todo perfecto antes de lanzar algo novo ou montar un proxecto de cero e esquecemos que a maioría dos proxectos culturais e gastronómicos constrúense a base de proba e erro, e de escoitar a demanda actual.

Aquí entra en xogo a comunicación. Contar o proceso, asumir as decisións, os erros que tanto costaron solucionar e explicar o rumbo que toma o proxecto axuda a xerar algo moito máis valioso ca unha imaxe impoluta: confianza. A xente non conecta co perfecto, conecta co honesto.

E tamén é importante asumir algo clave: non todo é para todo o mundo. Nin ten por que selo. Un proxecto que tenta agradar a todos acaba diluíndo a súa personalidade. En cambio, cando tes claro quen es, a quen te dirixes e que tipo de experiencia queres ofrecer, a comunicación faise máis coherente e máis forte.

Incluso se levamos moito tempo con algo que “sempre funcionou” e quizá agora non o fai tanto… é hora de facer cambios, sen medo, e comunicalos con naturalidade.

Así que se estás empezando, ou se levas tempo e dubidas, lembra isto: non pasa nada por non acertar á primeira. O importante é seguir, escoitar e comunicar con intención. Porque ás veces, o máis valente non é lanzar algo perfecto, senón ter ganas de continuar construíndo.

“Comezar imperfecto é mellor que non chegar a comezar”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.