Noites Alternas regresa a Santiago con preto de 30 actividades gratuítas para a mocidade

O programa de lecer nocturno alternativo “Noites Alternas” regresa este outono da man da concellaría de Xuventude do Concello de Santiago e da Asociación Itaca, con preto de trinta actividades gratuítas, diversas e participativas. A programación desenvolverase durante cinco semanas alternas ata o 20 de novembro, promovendo a socialización entre os mozos e mozas, as relacións saudables, e o acceso á cultura.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude de Santiago, María Rozas, pesentou a programación das Noites Alternas, acompañada por Carme García e Carme Giráldez, da Asociación Itaca. A tenenta de alcaldesa explicou que este programa, plenamente consolidado nos seus 11 anos de andaina, “encarna os obxectivos da concellaría de Mocidade, que son promover alternativas de ocio que alonxen aos mozos e mozas do consumo abusivo de pantallas, que favorezan a socialización e o tempo compartido en persoa, e que combinen o aspecto lúdico co aspecto educativo, cultural e de promoción da vida saudable”.
Pola súa banda, Carme García e Carme Giráldez reiteraron o agradecemento ao Concello por impulsar este programa, “que promove a autoxestión do seu tempo libre por parte da mocidade, que deseña, organiza e é beneficiaria das actividades”
Diversidade de intereses
A programación das Noites Alternas é o reflexo dunha mocidade diversa e con intereses moi amplos e, de feito, as actividades son elxidas a través dunha convocatoria aberta na que se recibiron máis de 75 propostas. Así, o programa combina creación artística, música, danza, cociña, patrimonio, artes escénicas e novas linguaxes. Haberá obradoiros de bordado, maquillaxe, macramé, moldaxe, minicestería, ex libris ou creación de cadernos de viaxe; propostas de batucada brasileira, danza oriental e afro ou loita galega; diferentes obradoiros de cociña; actividades de monicreques, rap improvisado e videoxogos; e propostas de fotografía experimental como o revelado solar.
Nesta edición terá tamén un papel destacado a relación coa cidade e o seu patrimonio de maneira que se propoñen roteiros que permitirán descubrir Santiago desde diferentes perspectivas, percorrendo a antiga muralla, explorando o espazo público da zona vella ou coñecendo a relación da cidade coas persoas creadoras a través dun podcast itinerante.
Outro dos eixos das Noites Alternas é a mestura entre tradición e contemporaneidade. Xunto a disciplinas e linguaxes actuais como o rap, os videoxogos ou a creación audiovisual, incorpóranse propostas vinculadas á recuperación de saberes, como o xabón artesanal ou diferentes técnicas de traballo téxtil e artesanal.
Diferentes espazos
Como en edicións anteriores, as actividades estarán distribuídas por diferentes espazos da cidade, principalmente no local de Itaca, no Centro Xove da Almáciga e nas Brañas de Andrés. O obxectivo é achegar o programa a diferentes contornas e reforzar a súa conexión coa veciñanza.
Esta nova edición dá continuidade a un programa que xa conta cunha traxectoria consolidada. Na súa décima edición participaron máis de 600 persoas, en actividades que foron impartidas por 23 colectivos e profesionais, datos que amosan a capacidade de Noites Alternas para mobilizar tanto á mocidade como ao tecido cultural da cidade.
Todas as actividades das Noites Alternas son de balde. As inscricións para participar deben facerse desde o luns da semana na que se vai desenvolver a actividade, a través do formulario que se pode atopar na web Itaca.gal.