#OConsellodeLenzoA CoruñaCultura

Moito máis que palabras

Por Cata Mosquera | Uxía Blanco de Lenzo Estudio

A maioría das veces, os erros na comunicación non veñen da mala fe, senón do descoñecemento. E aí está precisamente o problema: nun contexto onde cada palabra conta, informar mal ou empregar termos incorrectos pode xerar confusión, exclusión… ou incluso poñer en risco a saúde de alguén.

Isto foi o que puxo de manifesto a Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA) ao remate do festival O Son do Camiño, sinalando que nas comunicacións sobre as foodtrucks se usou unha expresión incorrecta: “opcións para intolerantes ao glute (non alérxicos)”, cando a intolerancia ao glute non existe, e o termo correcto sería “persoas con celiaquía”.

Que pasa cando comunicamos sen coñecer ben o que estamos contando? Pois que, sen querer, podemos invisibilizar realidades, restar importancia a condicións serias ou desvalorizar o traballo de marcas que si fan as cousas ben. Neste caso, as persoas responsables da comunicación dun gran evento como O Son do Camiño, non teñen que ser expertas en todo, moitas veces cando reciben información por parte de provedores, poden dalas (como é normal) por verdadeiras. Por iso a comunicación axeitada sobre temas importantes é responsabilidade de todos os integrantes do proxecto, e o ideal é que tanto provedores como organizadores contrasten a información sensible antes de compartila.

Isto non vai de buscar culpables, senón de lembrar que un texto nun cartel, unha descrición nunha rede social ou unha frase mal escollida pode impactar directamente na experiencia de moitas persoas. Por iso, se estás organizando un evento, promocionando un produto ou simplemente falando do teu servizo, infórmate. De tódolos xeitos, rectificar é de sabios, e quen non comunicou algo erróneo por descoñecemento algunha vez?

“Un texto nun cartel, unha descrición nunha rede social ou unha frase mal escollida pode impactar directamente na experiencia de moitas persoas”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.